David Lombao

Unha ducia de alianzas políticas

As eleccións do 20 de decembro están a ser noticia, entre outras moitas razóns, polas alianzas entre forzas políticas, xa sexa polas coalicións que concorren ou polos pactos que poden xurdir tras os comicios. Non foron poucas as coalicións que, con esta forma xurídica ou outras, participaron na vida política nas últimas décadas. Estas son algunhas delas.

  1. 01

    O Bloque-PSG

    A Asemblea Nacional-Popular Galega e a Unión do Povo Galego (Bloque Nacional-Popular Galego), por unha banda, e o Partido Socialista Galego, por outra, foron forzas políticas protagonistas no ámbito da esquerda e do nacionalismo en Galicia nos anos da transición. Nas eleccións galegas de 1981 presentáronse xuntas.

  2. 02

    O PSdeG de Caballero

    Nas eleccións galegas de 1997 o PSdeG apostou por Abel Caballero como candidato á presidencia da Xunta nunha alianza electoral compartida con Esquerda Unida-Esquerda Galega e máis cos Verdes, se ben o resultado non foi, nin de lonxe, o agardado.

  3. 03

    O PSG-EG

    O Partido Socialista Galego e Esquerda Galega confluíron ata acadaren a súa fusión

  4. 04

    Coalición Democrática

    Tras o franquismo a dereita atopábase dividida en diversos e pequenos partidos. Una das súas primeiras alianzas foi Coalición Democrática, que agrupaba a, entre outros, a Alianza Popular de Manuel Fraga, con outros como Acción Ciudadana, Partido Demorático Progresista ou Renovación Española.

  5. 05

    Coalición Popular

    Outra das alianzas da dereita encabezadas por Fraga foi Coalición Popular, siglas da unión de AP co PDP e o Partido Liberal para as eleccións xerais de 1986.

  6. 06

    Coalición Galega

    De unións e desunións naceron as siglas de Coalición Galega a finais dos 80, o intento ata o momento máis frutífero -e efémero- para a constitución dun partido de dereitas en clave galeguista. Tras abandonar AP e participar do tripartito do socialista González Laxe, Xosé Luís Barreiro Rivas concorreu con CG ás eleccións galegas de 1989, as da primeira e axustada maioría absoluta de Fraga.

  7. 07

    O BNG

    As decisións adoptadas na histórica asemblea de Riazor na Coruña, en 1982, deron lugar ao actual Bloque Nacionalista Galego. Unha das súas primeiras experiencias electorais foron as municipais de 1983, nas que aínda non empregaba o logotipo que aínda utiliza.

  8. 08

    O PP

    Aínda que agora sexa unha marca plenamente consolidada, o PP xorde tamén como produto de varias alianzas e refundacións. A última, a de 1989, na que as súas siglas substituíron a AP, e José María Aznar a Fraga no liderado.

  9. 09

    O tripartito

    En 1987 o feble goberno de Alianza Popular con Gerardo Fernández Albor á fronte perdía a moción de censura fronte ao tripartito pactado polo PSdeG de Fernando González Laxe xunto a Barreiro Rivas e e o PNG de Pablo González Mariñas. No debate de investidura o vicepresidente de Albor, Mariano Rajoy, augurou que abandonaría a vida política en breve.

  10. 10

    O bipartito

    Nas eleccións galegas de 2005 o PP de Manuel Fraga perdía a maioría absoluta e propiciaba o pacto de goberno entre PSdeG e BNG, encabezados por Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. A experiencia durou tres anos e nove meses.

  11. 11

    AGE

    Case no tempo de desconto Anova, Esquerda Unida, Equo e os Ecosocialistas pecharon a coalición Alternativa Galega de Esquerda para concorrer ás eleccións galegas de 2012 con Xosé Manuel Beiras á fronte. Lograron 9 escanos, dos que dous remataron no Grupo Mixto.

  12. 12

    En Marea e NÓS

    As dúas alianzas máis recentes da política galega. Tras non frutificar a formación dunha única candidatura, ambas plataformas concorren con cadansúas opcións aos comicios do 20 de decembro.