David Lombao

Unha ducia de protagonistas do Entroido galego

Os personaxes do entroido galego sobreviviron durante décadas ao paso do tempo e mesmo á censura. Fronte aos disfraces de plástico e moda, seguen a ser os verdadeiros protagonistas en gran parte do país durante estes días no que case todo vai ao revés para, en ocasións, amosar como son as cousas do dereito.

  1. 01

    Peliqueiros

    Amos e señores do entroido de Laza. Corren e saltan para facer soar as chocas e ninguén os pode tocar e moito menos quitarlles a carauta. Se algún deixa de saltar pode ser levado á forza ata a taberna máis próxima, onte lle tocará pagar unha volta de viños.

  2. 02

    Cigarróns

    Moi semellantes aos peliqueiros, pero de Verín. Armados cun látego, ás súas 'vítimas' non lles queda outra que convidalos a un viño ou o que corresponda.

  3. 03

    Pantallas

    Protagonistas en Xinzo de Limia. Portan unha máscara de cartón, papel de periódico, feltro, fariña e auga e teñen especial predilección por quen vaia sen disfrazar. Este ano o seu primeiro obxectivo foi o presidente da Xunta

  4. 04

    Boteiros

    Para atopalos hai que achegarse a Viana do Bolo. A súa máscara negra está tallada en madeira, ten cornos de malvado pero sorriso de ledicia. Por riba da cabeza arames, fitas e papeis danlle todas as cores imaxinables. Os boteiros son a figura central do folión que percorreo Viana nestes días. Con algunhas diferenzas tamén son propios de Vilariño de Conso.

  5. 05

    Volantes

    Recuperados en Chantada, acaparan boa parte do protagonismo do Entroido Ribeirao. Levan na cabeza un pucho multicor que chega a pesar uns 15 quilos. A súa estrutura é de vimbio, á que se atan as colonias de cores, flores ou bonecas. Sobre os ombros os volantes levan un pano, denominado "portugués".

  6. 06

    O Oso

    "O Oso pódete lixar, pódete facer chorar; pero en canto o vexas, desexarás que te collan os criados e te leven xunto a el". É a advertencia que lanzan os organizadores do entroido de Salcedo, na Pobra do Brollón. O personaxe, cuberto con peles de animais, vai acompañado dos seus "criados", encargados de achegarlle á xente para que a encha de suciedade, mesmo de esterco.

  7. 07

    Ravachol

    Nado nos anos 90 do século XIX e falecido en xaneiro de 1913, o loro Ravachol era a mascota do boticario pontevedrés Perfecto Feijóo. Famoso polos seus diálogos e frases non sempre ben soantes, a proximidade entre a súa morte e o Entroido levou o seu propietario a organizar un enterro por todo o alto. Ese enterro é o que se conmemora en Pontevedra ao remate das festas entroideiras.

  8. 08

    Xenerais da Ulla

    A orixe dos xenerais da Ulla está nos enfrontamentos armados vividos na comarca a finais do século XIX. A Guerra da Independencia, a batalla de Cacheiras ou as guerras carlistas deron en ser parodiadas por estes elegantes personaxes, cuxa chegada é anunciada polos correos. Cando dous xenerais se atopan prodúcese ou atranque ou alto, no que intercambian acusacións retranqueiras cada vez máis subidas de ton. O sangue nunca chega ao río.

  9. 09

    A Morena

    A Morena é unha vaca que mora no Entroido de Laza. A súa cabeza é de madeira e vai cuberta con pel de carneiro.

  10. 10

    O Meco

    En múltiples lugares do país o Mércores de Cinza quéimase o Meco, unha figura que adoita ser paródica, destacando algúns dos asuntos máis espiñentos do ano. Na imaxe, o deste 2016 en Compostela.

  11. 11

    Madamas e galáns

    Típicos de Cangas e Vilaboa. Son homes e mulleres moi sofisticados: levan colares, fitas de cores, flores, plumas... Todo elegancia.

  12. 12

    Choqueiros

    Aínda que se refiren a múltiples personaxes do Entroido, uns dos maís populares son os do barrio de Monte Alto, na Coruña. Van vestidos de calquera xeito imaxinable e mesmo resistiron o franquismo.