David Lombao

Unha ducia de ideas para poñer en marcha as Irmandades da Fala

O pasado día 18 comezou na Coruña a celebración do centenario das Irmandades da Fala coa lembranza da fundación da primeira delas, a coruñesa. O vindeiro 28 deste mes será a quenda de lembrar o inicio da de Santiago, onde xa se ultima a conmemoración cun programa de actos que terá como guía os doce puntos nos que Luís Porteiro Garea estruturou o discurso inaugural da Irmandade compostelá.

  1. 01

    I. "Falar i escribir en galego, coma seipamos"

    Avogado de formación, Porteiro Garea explicou que non era a súa intención protagonizar o evento, pero que accedera por petición de Vilar Ponte. "Escribo en galego, i escribo mal. ¡Que queredes!... Nunca hastra hoxe escribín. Xamáis mo ensiñaron nin eu me coidéi de adeprender!". Se aínda non sabendo era quen de escribir era porque o idioma tiña "raíces moi fondas", explicaba. Por iso cumpría "redimir iste idioma do aldraxe que d-el fan".

  2. 02

    II - "O renacimento hispano, e a guerra"

    Tras "a catástrofe do 98", Porteiro Garea tiña claro que "Hespaña érguese, e si as campáns non repinican a groria, tampouco dobran a morto: tocan â alba". "A guerra -en referencia á I Guerra Mundial- obríganos a apural-o paso, a bulir, e todal-as rexións, virando as costas a Gobernos sin goberno, e a Parlamentos podres". "¿E nosoutros que vimos facendo?", preguntaba.

  3. 03

    III - "A concencia do noso pecado"

    "O primeiro", advertía Porteiro Garea, era "ser xustos: non botar a outros a culpa dos nosos pecados. Teñen d'abondo cos seus". "Irmans da fala, enamorados da Galicia: non botedes â xente de fora culpas que non teñen". "Non fagamos com'os nenos que se disculpan co irmán ausente, pra que non lles peguen", ilustraba.

  4. 04

    IV - "Amar á Hespaña e á Galicia"

    "Ben sei qu'algún dirá que fumos dispreciados por outras rexións; que n-algúns sitios téñenos por xentes de cantiva condición", reflexionaba Porteiro Garea. No entanto, coidaba, "antes de xusgar a tales xentes" cumpriría saber "que fixemos nós pra libertarnos".

  5. 05

    V - "A nosa posición n-o mundo"

    Porteiro Garea tiña claro que Vigo "está chamado a ser o porto cosmopolita máis importante d'Europa" e "co el todol-os galegos, e Galicia inteira", tiñan capacidade para ter "caráiter mundial", especialmente en relación con América. "Non vai (...) a Irmandade da Fala contra o castelao, senón a defender o galego como lingoaxe típico da nosa casta, e como meio de intelixencia con Portugal".

  6. 06

    VI - "Cuestiós interiores. Síntesis"

    A xuízo de Porteiro garea "todol-os probremas d'orde exterior envolven en sí centos de probremas interiores". Por iso, dicía, "cando un pobo está chamdo pol-a marcha da cultura do mundo a ocupar unha posición ventaxosa, é cando percisa maor patriotismo".

  7. 07

    VII - "O capital galego"

    No eido económico Porteiro Garea distinguía "un probrema gravísimo" sobre calquera outro: "O dos camiños de ferro". "Necesitamos urxentemente ferrocarriles d'Ourense a Zamora; de Ferrol a Xixón, de Santiago a Ourense". "¿E quen nos dará os cartos?", preguntábase. Os capitais galegos que "fran camiños de ferro en Venezuela e na Arxentina" deberan comprometerse co desenvolvemento do país, opinaba.

  8. 08

    VIII - "A industria e o traballo"

    Porteiro Garea centrábase nos problemas industriais da época, cando Galicia era "vítima por duplicado" do "arancel hespañol, que lle sube os precios dos produtos que ten qu'importar" e "do arancel estranxeiro, que pon dificultás ôs produtos que Galicia esporta". 

  9. 09

    IX - "O direito, xueces e notarios"

    Entre outros aspectos, o avogado Porteiro Garea distinguía "duas inxusticias" na administración xudicial. A que "resulta d'eisixir que entenda o castelao e conteste n-el un suxeot a quen o Estado non facilitou escola para que deprendese" e a "inxusticia de non eisixir que o Estado ôs seus funcionarios que conozan o verbo en qu'a de formular o seu pensamento, a sua voluntá ô pobo ond'eses empreados exerzan os seus cargos".

  10. 10

    X - "O arte, a música galega"

    "Canto fixeron os nosos vellos está esquencido; do padre Feijóo e d'outros moitos xa cuasi nada sabemos; de Conceición Arenal e de Rosalía logo non nos quedará máis -a iste paso- qu'os nomes e as estautas", dicía Porteiro Garea, quen chamou tamén a loitar "pol-o renacimento da música" e "alentar e axudar a todal-as masas corales de Galicia".

  11. 11

    XI - "A crisis da nosa poesía"

    Porteiro vía "a falla de poetas de nervo, de freba, de alma" como "un dos resultados máis craros do abandono do idioma galego" tras tempos nos que chegara a xurdir "unha figura única, xigante, de valor mundial i-eterno" como Rosalía. 

  12. 12

    XII - Ramón Cabanillas

    Porteiro rematou o seu discurso eloxiando a figura de Ramón Cabanillas, "o cardíaco que ven a remover a nosa apatía, a espertarnos do sono mortal". Para Cabanillas, pero tamén para Vilalr Ponte e para Rodrigo Sanz, "os nosos mestres", o discurso rematou "pedíndovos devoción i-aprauso".