David Lombao

Unha ducia de faros galegos para visitares este verán

Os faros galegos guían dende hai séculos os achegamentos mariñeiros ás nosas costas, son fonte de innumerables lendas e, dende hai anos, tamén unha excelente opción para coñecer o litoral do país. Imos percorrer unha ducia do Cantábrico ao Atlántico, aínda que son moitos máis e algúns deles, os da Costa da Morte, xa teñan un camiño de seu que é todo un mundo.

  1. 01

    Illa Pancha (Ribadeo)

    Na beira máis occidental da Ría de Ribadeo atópase o faro de Illa Pancha, que realmente son dous. O primeiro funcionou dende 1859 ata outubro de 1983, cando se inaugurou o segundo. Dende hai máis dun ano o faro está arrodeado pola polémica pola súa conversión nun espazo hostaleiro.

  2. 02

    Punta Atalaia (Cervo)

    Dende o verán de 1864 unha luz alumea a costa dende punta Atalaia. O faro orixinal foi substituído pola nova torre, máis alta e de maior alcance, en 1979

  3. 03

    Punta Roncadoira (Xove)

    Situado na parroquia de Portocelo, o faro de Xove é un dos máis 'mozos' da costa galega. Foi construído en 1984 como apoio aos que sinalizan o resto da ría. Elévase 80 metros sobe o nivel do mar.

  4. 04

    Estaca de Bares (Mañón)

    Unha das luces históricas da costa galega na fronteira imaxinaria entre Atlántico e Cantábrico. Foi construído a finais do século XIX por algo máis de 130.000 reais da época. En 1939 electrificouse e en 1948 modernizouse a súa maquinaria. Cando o asumiu a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, en 1993, o faro de Estaca de Bares renovou o seu equipo de iluminación e foi adaptado para o seu control a distancia.

  5. 05

    Torre de Hércules (A Coruña)

    Un dos máis coñecidos internacionalmente e Patrimonio da Humanidade dende o ano 2009. Como é sabido, a torre coruñesa é o único faro de orixe romana que segue en funcionamento, se ben da súa estrutura orixinal apenas se conservan os alicerces. A obra actual data do século XVIII.

  6. 06

    Illas Sisargas (Malpica)

    As Sisargas alumean a noite da Costa da Morte dende Illa Grande. Prendeuse por primeira vez en 1853 e sufriu diversas reformas durante o século XX. Foi un dos últimos da costa galega en ser automatizados, e ata hai pouco máis de dez anos era atendido por catro torreiros en quendas de día e noite.

  7. 07

    Cabo Vilán (Camariñas)

    Construído entre 1854 e 1896, o faro de Cabo Vilán sinala o que é considerado como un dos punto máis perigosos, pero tamén máis fermosos da costa galega. Dende 104 metros sobre o nivel do mar, o seu canón de luz supera os 50 quilómetros de alcance. A contorna está declarada como monumento natural.

  8. 08

    Cabo Touriñán (Muxía)

    Outro dos puntos emblemáticos da costa galega no que conviven dous faros. O orixinal data de 1898 e o máis recente, de 1981. A contorna natural de Touriñán estivo ameazada durante a década pasada pola construción dunha piscifactoría de Pescanova, que non chegou a concretarse por ser declarada ilegal.

  9. 09

    Fisterra

    O faro da fin do mundo, emblema internacional da Costa da Morte, sinala os perigos do litoral coa súa luz e foi alcumado dende finais do século como "a vaca de Fisterra", pola sirena que alerta os barcos nos frecuentes días de néboa. O faro de Fisterra é un dos máis visitados de Europa e tamén é a nosa fronteira máis próxima... Con América!

  10. 10

    Punta Cabalo (Illa de Arousa)

    Da bravura de Fisterra pasamos á calma do interior da ría de Arousa. No nordeste da Illa de Arousa atópase, sobre unhas rochas, o faro de Punta Cabalo. Considérase un excelente lugar para observar a ruta dos golfiños, que se achegan á zona á procura de peixe.

  11. 11

    Illas Cíes (Vigo)

    As Illas Cíes contan con tres faros: no Monte Faro, na Porta e no Peito. O principal é o do coñecido como Monte do Faro, na Illa do Medio. Elévase a máis de 170 metros sobre o nivel do mar e actualmente é destino dunha das rutas máis transitadas do parque das Illas Atlánticas, que finaliza nunha característica subida en zigzag

  12. 12

    Cabo Silleiro (Baiona)

    O derradeiro da costa galega, o máis próximo a Portugal. Cabo Silleiro alumea dende 1866, se ben o faro actual data de 1924. O primeiro combustible foi unha lámpada de aceite vexetal.