Praza Pública

Unha ducia de voces no #InLugo16

Da primavera ao inverno, pero de volta. O congreso de cultura dixital e redes sociais #InLugo desenvolve os vindeiros 16 e 17 de decembro a súa cuarta edición no lucense Pazo de San Marcos, de novo con voces diversas de diversos eidos da tecnoloxía e os medios de comunicación. Velaquí unha ducia delas.

  1. 01

    Daniel Basteiro

    O xornalista vilalbés abordar na súa intervención do sábado as perspectivas e o futuro da prensa nativa dixital, na que traballa dende que chegou a El Huffington Post procedente de Público tras o peche da súa edición en papel. Dende 2015 exerce o oficio en El Español.

  2. 02

    Óscar Fafián

    O enxeñeiro de telecomunicacións Óscar Fafián traballa dende hai máis de década e media no departamento de planificación estratéxica e desenvolvemento de R. Dende alí aborda o futuro do que se deu en chamar "internet das cousas", que abordará no InLugo cun relatorio sobre o futuro do "fogar dixital".

  3. 03

    Phil González

    Phil González dirixe a división dixital da produtora AMC Networks International na península ibérica e América Latina e é tame´n o responsable de Instagramers, considerado punto de encontro para persoas usuarias para persoas usuarias desta popular aplicación de fotografía. González debullará no InLugo como pasou de ser bloqueado por Instagram a colaborar activamente coa empresa, actualmente propiedade de Facebook. 

  4. 04

    Miguel Ángel Lurueña

    Miguel Ángel Lurueña é licenciado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e enxeñeiro técnico agrícola. Combina ambas disciplinas científicas en traballos de divulgación no seu blog Gominolas de petróleo, no que tenta retrucar os falsos mitos sobre o mundo da alimentación. No InLugo tentará responder a unha compelxa pregunta: "Son seguros os alimentos que comemos?".

  5. 05

    Juan García

    Juan García é referencia na divulgación no eido da informática e tamén un habitual do InLugo. O agora director da Escuela Bitácoras centrará desta volta a súa intervención na que considera "revolución do eLearning".

  6. 06

    Sebas Mouret

    O galego Sebastián Mouret leva cinco anos amosando que é posible ser un youtuber de éxito entre a mocidade falando de libros, primeiro en castelán e despois tamén en lingua galega. Actualmente é estudante de xornalismo e regresa ao InLugo para explicar como é iso de triunfar en YouTube.

  7. 07

    Wicho

    Javier Pedreira, Wicho, é o responsable da área informática dos Museos Científicos Coruñeses e tamén un dos referentes do popular portal Microsiervos. Chega ao InLugo co reto de explicar se as persoas consideradas como "nativas dixitais" existen ou non, como el mantén.

  8. 08

    Bárbara Yuste

    Bárbara Yuste é xornalista e docente e estuda dende hai anos as vías polas que se desenvolve o que se deu en chamar "economía dixital". Na actualidade é tamén a responsable de proxectos, expansión e comunidades do portal Bez e, dende esa experiencia, analizará no InLugo o panorama dos novos medios.

  9. 09

    Simón Cabarcos

    O pontés Simón Cabarcos traballaba hai anos na súa empresa de pezas de automóbiles mentres xogaba ao fútbol. Combinou ambas facetas para crear unhas pioneiras caneleiras de fibra de carbono, que agora fabrica e distribúe dende a empresa Blindaxe para diversas disciplinas deportivas.

  10. 10

    Álvaro Fontela

    Álvaro Fontela é o responsable da empresa lucense de hosting Raiola Networks. No InLugo abordará a importancia da creación de sitios web de calidade para o desenvolvemento das empresas.

  11. 11

    Víctor Grande

    O cómico e guionista (e tamén informático) Víctor Grande é outro dos habituais do InLugo. O tamén colaborador de Radio Coruña-Cadena SER volverá procurar sorrisos entre o público do InLugo

  12. 12

    Premios InLugo

    No congreso haberá tres voces que polo momento son descoñecidas. Serán as das tres persoas ou entidades que gañen os premios InLugo nas súas categorías de comercio, lecer e restauración; deportes, cultura e acción social e mais tecnoloxía. Con estes galardóns a Deputación lucense procura recoñecer o "talento" vinculado á tecnoloxía.