Moléculas en galego

Unha ducia de moléculas contra o cancro

DÍA INTERNACIONAL CONTRA O CANCRO | A quimioterapia é unha técnica terapéutica que consiste na administración de substancias químicas para o tratamento dunha enfermidade. Na actualidade é un dos métodos máis empregados no tratamento do cancro. Este método utiliza unha ampla variedade de fármacos antineoplásicos; substancias que impiden o desenvolvemento ou a proliferación de células tumorais malignas. Estas substancias poden ser de orixe animal, sintético ou semisintético. Velaquí unha ducia de exemplos.

  1. 01

    Oxaliplatino

    O oxaliplatino é un composto químico que actúa contra o desenvolvemento das células canceríxenas. É un axente alquilante que prevén a replicación e a transcrición do ADN ao causar pontes cruzadas entre as bases do ADN.

  2. 02

    Carboplatino

    O carboplatino é un medicamento baseado no platino que se usa en quimioterapia para o tratamento de varios tipos de cancro, principalmente nos tumores de ovario e de pescozo.

  3. 03

    Carmustina

    A carmustina é un fármaco anticanceroso que se emprega principalmente no tratamento de tumores cerebrais ou na enfermidade de Hodgkin.

  4. 04

    Xemcitabina

    A xemcitabina é un medicamento que se emprega como axente quimioterápico no cancro de pulmón non microcítico metastásico, no carcinoma de páncreas, no de vexiga e no de mama.

  5. 05

    Citarabina

    A citarabina é un medicamento que se emprega no tratamento dalgúns tipos de cancro, principalmente na leucemia mieloide aguda e en linfomas. Actúa interferindo na síntese de ADN, dificultando deste xeito a multiplicación das células malignas.

  6. 06

    Mercaptopurina

    A mercaptopurina é un medicamento inmunosupresor que se usa en distintos tipos de cancro, fundamentalmente na leucemia linfocítica aguda.

  7. 07

    Epirubicina

    A epirubicina é un fármaco que pertence á familia das antraciclinas e que se utiliza para tratar linfomas malignos, carcinomas de pulmón, de mama, de fígado, de páncreas, cancro gástrico etc.

  8. 08

    Bleomicina

    A bleomicina é un antibiótico que detén ou desacelera o crecemento de células canceríxenas no corpo. Emprégase principalmente no cancro de testículo.

  9. 09

    Mitomicina

    A mitomicina é un axente quimioterápico que se administra por vía intravenosa para tratar varios tipos de cancro, como o carcinoma esofáxico, o cancro anal ou o de mama.

  10. 10

    Etopósido

    O etopósido é un medicamento que se usa para tratar algúns tipos de cancro debido á súa capacidade de inhibir a multiplicación das células tumorais.

  11. 11

    Docetaxel

    O docetaxel é un fármaco que se usa principalmente no tratamento do carcinoma de mama metastásico.

  12. 12

    L-asparaxinase

    A L-asparaxinase é un encima que se utiliza principalmente no tratamento da leucemia linfoblástica aguda infantil.