0 Gardados para despois

Miguel Pardo

Unha ducia de protagonistas galegos de #onosoderbi

Centos de futbolistas galegos disputaron #onosoderbi ao longo da historia. Este domingo, en Riazor, unha nova edición do clásico galego e outra oportunidade para que os rapaces da Terra se reivindiquen. Velaquí unha ducia de xogadores que deixaron a súa pegada neste encontro de rivalidade. 

  • Fran

    Mito do deportivismo, disputou nada menos que 25 derbis durante a súa carreira. O primeiro, en Segunda División hai 27 anos, e o último na primavera de 2004. Ambos acabaron cun 3-0 a favor do equipo coruñés. Do total de partidos de rivalidade disputados, Fran gañou nove e perdeu cinco, pero non marcou gol en ningún deles. 

  • Vicente Álvarez

    Ourensán con 16 tempadas ao lombo no Celta, Vicente Álvarez disputou un total de 13 derbis galegos entre Primeira, Segunda División e a Copa da Liga. Xogou o primeiro deles en 1980 e o último dezaseis anos despois, gañando catro deles e marcando un tanto. Todo un símbolo do celtismo. 

  • José Luis

    O xogador de Esteiro (Muros) foi outro dos grandes protagonistas dos intensos derbis dos anos 80. Disputou un total de 13, o último deles no play-off de ascenso de 1987, onde unha discutida decisión arbitral provocara graves altercados en Riazor. Gañou cinco encontros de rivalidade e anotou dous goles. 

  • Míchel Salgado

    Durante a súa carreira, o das Neves mantivo algúns dos duelos máis intensos co deportivista Fran, sobre todo nos partidos de rivalidade galega. Disputou un total de oito derbis antes de fichar polo Real Madrid, gañando unicamente un deles, no final da temporada 1997-98. 

  • Amancio Amaro

    Considerado un dos mellores futbolistas da historia do fútbol español, antes de triunfar no Real Madrid, o canteirán do Deportivo tivo a oportunidade de disputar varios derbis. Xogou media ducia entre finais dos 50 e principios dos 60 e tan só logrou vencer dúas veces e anotar un tanto, no seuu último encontro de rivalidade contra os celestes. 

  • Hermidita

    Este mito celtiña de Gondomar foi un dos goleadores máis destacados dos derbis nos anos 40 e 50. Con dez aparicións nestes encontros de rivalidade, anotou un total de seis goles, o primeiro en 1946 e o último, en 1953, nunha importante vitoria do Celta no estadio de Riazor. 

  • Acuña

    Acuña, o Xanetas, estivo toda a súa vida vinculado ao Deportivo. Durante os anos 40 e 50 disputou un total de 16 derbis ante o Celta de Vigo, vencendo na metade deles. Destacado como un dos mellores porteiros da Liga durante varias tempadas, unha estatua súa recibe aínda os seareiros ao pé do estadio de Riazor. 

  • Pahíño

    Ídolo para as dúas afeccións, o de Navia mantense como mito de ambos os dous grandes galegos. O dianteiro rebelde que desafiaba o franquismo disputou tres derbis coa camisola do Celta, anotándolle dous goles nun mesmo partido ao conxunto coruñés. Anos máis tarde, co Deportivo, xogou outros cinco encontros de rivalidade, anotando os catro tantos do conxunto branquiazul nunha vitoria por 4-2 ante os vigueses. 

  • Riverita

    O dianteiro do Carballiño foi tamén protagonista dos derbis galegos durante os 60 e principios dos 70. Logo do seu paso polo Sevilla, destacou no equipo vigués, disputando dez encontros de rivalidade, gañando catro e anotando un total de tres goles. 

  • Vicente Celeiro

    Forma parte para sempre da historia do Deportivo logo de que un gol in extremis seu evitara o descenso a 2ªB do club e, moi probablemente, a súa desaparición. Cun fillo celtista e outro deportivista, esgotou os seus últimos anos na elite no equipo vigués, pero disputou moitos máis derbis coa camisola branquiazul: un total de 13 con catro goles. Co conxunto celeste, o de Vilalba apenas disputou dous partidos de rivalidade. 

  • Álex Bergantiños

    Canteirán, coruñés e deportivista, o capitán do conxunto branquiazul acumula xa sete derbis ás súas costas desde que se estreara en 2011 nun dos emocionantes enfrontamentos en Segunda División. Gañou catro deles e vén de ser protagonista na vitoria do seu equipo ante o Barcelona. 

  • Iago Aspas

    Cos dous tantos que anotou no derbi da primeira volta, Iago Aspas rompeu coa xeira sen marcar nos derbis. ¨dolo e símbolo do celtismo, o de Moaña destapouse esta tempada como un dos mellores futbolistas, non só do seu equipo, senón dunha Liga onde é dos máximos anotadores. Disputou un total de sete encontros de rivalidade, vencendo nun deles.