Praza Pública

Unha ducia de camposantos galegos

Esta foi a semana de visitar os cemiterios, de lembrar os amigos e parentes que marcharon. Semana de ósos e caveiras, tamén. Unha semana ao redor da morte. Relaciónanse os cemiterios con algo negativo, un lugar feo que cómpre evitar. Pero en Galicia hai camposantos ben fermosos e varios deles figuran nas guías turísticas e mesmo na Asociación Europea de Cemiterios Significativos, coma o de San Amaro ou o dos Ingleses en Camariñas.

  1. 01

    Cemiterio de San Amaro (A Coruña)

    A Coruña celebrou o 25 de agosto o segundo centenario do camposanto. En San Amaro, situado no barrio de Montealto, a poucos metros do mar e a dez minutos a pé da Torre de Hércules, descansan os restos, entre outros, de Manuel Murguía, Pedro Barrié de la Maza, Pucho Boedo, Leandro Carré Alvarellos, Ánxel Casal, Manuel Casás, Álvaro Cebreiro, Wenceslao Fernández Flórez, Manuel Lugrís, os irmáns Vilar Ponte, Eduardo Pondal, Luísa Villalta ou Manuel Curros Enríquez. 

    Cómpre destacar dous monumentos colectivos que son o Monumento aos Mártires da Liberdade e a Columna dividida en lembranza da folga xeral de 1901. Este monumento foi erixido por subscrición popular e por iniciativa das sociedades obreiras, ás vítimas dos sucesos do 30 e 31 de maio de 1901, a raíz da que está considerada como a primeira gran folga xeral da historia do movemento obreiro galego, cun paro absoluto en todos os sectores.

  2. 02

    Cemiterio da Fin do Mundo (Fisterra)

    Trátase dunha obra de César Portela formada por 14 cubos de granito proxectados cara ao mar nos cantis de Fisterra. Foi recoñecido como unha das mellores obras funerarias do mundo: finalista dos premios Philippe Rotthieer (2002) e Mies van der Rohe (2003).

  3. 03

    Cemiterio dos ingleses (Camariñas)

    Neste lugar descansan os mortos do Serpent. Este acoirazado partiu o 8 de novembro de 1890 de Plymouth con rumbo á Serra Leona. Derivou moito a terra e a escasa luz do Faro Vilán fixo que chocase na Punta do Boi, ás 23:00 do 10 de novembro , no lugar que hoxe se chama "o baixo do Serpent". O mar foi devolvendo os corpos dos 172 mariñeiros restantes á area de Trece.

    No habitáculo interior do cemiterio permanecen os restos do capitán e oficiais e no recinto exterior, os dos mariñeiros. O almirantazgo inglés agasallou ao pobo de Camariñas, en agradecemento polo seu comportamento, cun barómetro, ao cura de Xaviña cunha escopeta, e ao alcalde cun reloxo. Nos primeiros anos tras a catástrofe, un barco da armada inglesa achegábase até o lugar para arroxar unha coroa de flores e cada barco de guerra inglés que pasaba preto destas costas lanzaba unhas salvas de ordenanza na honra dos compañeiros enterrados no Cemiterio Inglés.

  4. 04

    Cemiterio de San Froilán (Lugo)

    Cemiterio Municipal de San Froilán, inaugurado en 1947, despois de que o lugar do antigo camposanto fose ocupado polo Gran Hotel de Lugo, ofrece visitas turisticas dende hai meses e xa foi incluido na Asociación de Cemiterios Históricos Europeos e na Ruta Europea de Cemiterios Históricos.

  5. 05

    Cemiterio de San Francisco (Ourense)

    Foi declarado de Interese Cultural polo seu patrimonio monumental, histórico e artístico. Nel descansan os restos de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Branco Amor, Ben-Cho-Sei, Forentino Cuevillas ou José Angel Valente. Os Suaves dedicoulle en 1992 o álbum San Francisco express.

    É coñecida en todo Ourense a lenda de Asunción, muller que está catalogada como a primeira vítima de xénero en España e que descansa neste cemiterio. Foi asasinada en 1891.

  6. 06

    Cemiterio de Noia

    O Cemiterio medieval é un fermoso recanto da vila de Noia no que se poden contar até 500 tumbas gremiais. Cómpre reparar no pequeno templete situado no centro do lugar, e tamén a réplica da Catedral de Santiago que adorna unha sepultura.

  7. 07

    Santa Mariña (Cambados)

    Aos pés das ruinas de Santa Mariña de Dozo repousan as tumbas deste cemiterio. O estado ruinoso no templo, que data do século XVI, dálle ao conxunto unha beleza romántica sen igual.

  8. 08

    Panteón dos Galegos Ilustres

    Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas, Domingo Fontán, Francisco Asorey e Castelao, este con polémica, compoñen a nómina de ilustres que respousan na capela de San Domingos de Bonaval. O Panteón inaugurause co traslado dos restos de Rosalía de Castro dende o cemiterio de Adina en Iria Flavia, o 25 de maio de 1891.

  9. 09

    Cemiterio de Boisaca (Compostela)

    No cemiterio municipal de Santiago atopamos as tumbas de Ramón María del Valle Inclán, Antón Fraguas ou Isaac Díaz Pardo entre moitos outros persoeiros. Este camposanto é un de tanto espazos que en Galicia ainda deixan á vista as feridas abertas e nunca pechadas da Guerra Civil: na súa tapia foi fusilado por exemplo Xoán Xesús González, despois de fracasar o seu intento de resistir o golpe de estado fascista á fronte dunha columna de mineiros.

  10. 10

    Cemiterio de Goiriz (Vilalba )

    En Goiriz, unha parroquia do Concello de Vilalba, atopamos unha alfaia pouco coñecida. Un cemiterio de estilo neogótico, bastante habitual na Terra Cha.

  11. 11

    Cemiterio de Mondoñedo

    No vello camposanto de Mondoñedo ou de San Lázaro podemos atopar as tumbas de Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga ou Pacheco. E tamén homenaxes ás persoas que foron asasinadas na guerra civil e na postguerra polos fascistas.

  12. 12

    Cemiterio de Santo Estevo de Ribas de Sil

    A fermosura deste cemiterio reside no espectacular entorno e na beleza do propio monasterio beneditino do século IX. E a súa singularidade percibirase se tentamos entrar no Parador instalado ai hai uns anos. Debe ser dos poucos hoteis nos que para entrar hai que atravesar un camposanto.