A Academia Galega do Audiovisual entrega esta fin de semana os Premios Mestre Mateo, que chegan á súa XI edición cunha nova categoría: a de mellor serie para internet. Nos últimos anos, á vez que baixaba o número de producións profesionais no audiovisual galego nacían multitude de proxectos neste novo formato: ficcións, documentais, animación, parodias... Case sempre con orzamentos axustados e baseados na autoxestión, no voluntarismo e nas achegas particulares. O blog especializado Petitsodios xa recolle unha vintena de títulos diferentes. Hoxe en Praza repasamos unha ducia dos máis significativos, comezando polas series candidatas ao premio da Academia.

  1. 01

    Joke business

    Déborah Vukusic e Israel Nava crearon Joke business para “falar do audiovisual contando con xente do audiovisual”, segundo recolle a súa biblia fundacional. Lonxe de ser un exercicio autocontemplativo, é unha comedia aceda chea de retranca na que as premisas son a autocrítica e saber rirse de si mesmos. Con só dous episodios publicados, conseguiron ser finalistas nos Mestre Mateo. 

    Neste primeiro episodio contaron coa participación dun asiduo colaborador das webseries galegas, o actor Monti Castiñeiras.

  2. 02

    Angélica y Roberta

    “Unha serie na que as freaks fosen elas”. Dese concepto naceu, da man de Sonia Méndez e Sandra Lesta, Angélica y Roberta, un microuniverso particular que racha cos estereotipos dos personaxes femininos televisivos. Contan a vida de dúas rapazas devotas da cultura pop dos oitenta que viven no rural galego. Nos Mestre Mateo 2012 foron finalistas na categoría de mellor serie e este ano recuncan na de mellor serie web.

    Veñen de rematar a segunda temporada e de participar no LAwebfest de Los Ángeles, onde conseguiron premio as dúas actrices e o guión.

  3. 03

    Entre pipas

    Xulio Abonjo e Luís Zahera poñen acento galego á serie de Jorge Cassinello Entre pipas, outra das candidatas ao primeiro Mestre Mateo neste formato e unha das máis exitosas a nivel estatal. En cada episodio os mesmos actores, sentados no mesmo banco e comendo pipas, sedúcennos con divertidos diálogos sobre os temas máis insospeitados. Tamén participaron no LAwebfest, acadando tres premios.

    Neste capítulo abordan as mitoloxías que crean pais e nais para educar ás crianzas.

  4. 04

    Te quiero, pero...

    Humor, malos entendidos, problemas de convivencia... pero por riba de todo o sexo é o motor principal das tramas da comedia Te quiero, pero..., outra das candidatas ao Mestre Mateo 2013. Creada por Ángel Seoane e Carlos Gulías e gravada en Pontevedra cun variado reparto, fíxose moi popular e conseguiu aparecer nos máis importantes portais de webseries do panorama estatal, como El Sótano de Antena 3.

    Neste primeiro episodio coñecemos os personaxes principais, que rapidamente deixan ver as súas neuras, filias e fobias.

  5. 05

    Amores prohibidos 2.0

    A quinta candidata a optar ao primeiro Mestre Mateo á mellor webserie, pero que non chegou a finalista, foi Amores prohibidos 2.0. En realidade este proxecto supera amplamente o concepto de serie, xa que foi un experimento transmedia en tempo real que incluíu unha plataforma na web, as redes sociais e a propia serie de vídeos.

    Durante o mes de abril de 2012 un grupo de estudantes do IES A Cachada de Boiro recreou a historia de Romeo e Xulieta co conflito lingüístico como tema de fondo. Producido por Redenasa.tv e Grupo Chévere, co soporte de A Navalla Suíza.

  6. 06

    Un sitio distinto

    A creación de debuxos animados sempre estivo presente no audiovisual galego e as webseries non son unha excepción. Xa en 2011 aparecían No te vuelvas portar mal, unha comedia gamberra, e Kalekoi, que narraba aventuras no tempo dos castrexos.

    Actualmente a produtora de Carballo Mamalola Studios produce Un sitio distinto, da que está a piques de estrear o sexto capítulo da primeira temporada. O personaxe central é o alcalde da vila ficticia de Miñanco e os argumentos adoitan estar ao fío da actualidade. Neste episodio, estreado en plena polémica mineira na Costa da Morte, o protagonista recibe unha tentadora oferta de investimentos na vila.

  7. 07

    Mar por dentro

    Non todo nas webseries galegas é ficción. O documental xa ten feito a súa aparición en tres ocasións, todas elas adicadas á natureza. A través do blog da asociación viguesa Axena (Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza) podemos ver completas as series Rumbo a la Antártida e Mar por dentro. Actualmente preparan o segundo episodio do seu proxecto máis recente, Fauna 43/37, un percorrido polas especies animais da Península Ibérica.

    En Mar por dentro, ao longo de catro capítulos e da man de Manuel Gago, podemos mergullarnos na fauna das nosas costas.

  8. 08

    Gran compadre

    A parodia dos formatos televisivos tamén ten o seu espazo nas series web. Hai tentativas máis amateur como O Comisario, versión do programa norteamericano Cops, ou simplemente máis gamberras como El comemierda, un espazo gastronómico-musical. Pero no que vai de 2013 quen leva a palma neste xénero é Gran compadre, parodia do reality-show por excelencia Gran Hermano.

    En cinco programas (ou galas) de media hora de duración, os habitantes da casa de Gran compadre compiten por un apetitoso premio: ser nomeado Director Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. Durante o tempo no que foron estreando os capítulos, os personaxes tiveron perfís propios nas redes sociais e as votacións do concurso foron reais vía internet.

  9. 09

    Para mariñeiros, nós

    As aventuras por terra e mar dos mariñeiros Pinto e Cobiñas foron pioneiras en moitos sentidos. Ademais de ser a primeira webserie que chegou a finalista nos Premios Mestre Mateo é a única ate o de agora que en Galiza deu o salto de internet á televisión. Tras unha primeira tempada na rede, agora emítese os domingos en V Tv, onde xa van polos 45 episodios.

    Neste capítulo os protagonistas da serie creada por Omar Rabuñal e Suso Lista enfróntanse cara a cara coa intelectualidade galega. Cómpre ver o episodio completo para non perder a sorpresa final.

  10. 10

    Non saímos do lixo

    Outra das veteranas no panorama galego é Non saímos do lixo, creación de Marcos Paino e Denís Mutante. Nos seus inicios, era un informativo musical da páxina Komunikando.net, pero acabou por ter vida propia. Este contedor cultural chegou aos dez episodios en dúas temporadas, cun formato semellante aos programas de sketchs televisivos: intercalan personaxes habituais con situacións e parodias propias de cada episodio, utilizando cada vez un asunto diferente como fío condutor.

    No capítulo 10 abordan un tema recorrente: a crise. Nel aparecen algúns dos personaxes máis celebrados da saga, como o superheroe Capitán GZ.

  11. 11

    Ignoto

    A finais de 2009 saíu á luz a proposta multimedia Ignoto, un proxecto final de carreira da Universidade da Coruña. Foi creado polas Also Sisters, nome artístico de Miriam e Sonia Albert Sobrino, que este ano optan ao premio da Academia Galega do Audiovisual na categoría de mellor curtametraxe con As vacacións do verdugo.

    Son un total de 9 entregas de entre 3 e 5 minutos e a súa web ofrece a posibilidade de ver os episodios en modo clásico ou interactivo. Finalmente conformaron o capítulo piloto da serie de media hora que traemos hoxe.

  12. 12

    Webseries que chegarán en 2013

    A produción de series para internet na Galiza non fai máis que aumentar. Para esta primavera está prevista a estrea de El quid, unha das que máis expectación está a levantar. Unha intriga de serie negra creada por Raúl García e Bruno Nieto, o máis prolífico creador galego de webseries. Unha intensa campaña de promoción nas redes sociais e un reparto de luxo completan a oferta.

    Tamén chegará este ano Clases do Social, unha webserie dirixida por Pablo Cacheda e xurdida dunha curtametraxe. A primeira temporada gravouse o pasado mes de marzo e xa está en fase de posprodución.