Vilas sen vacas, vilas sen xente

Manifestación do sector lácteo, este martes en Sarria © Revista Afriga

A crise pola que pasa o sector lácteo galego está a servir para botar unha ollada sobre unha problemática que implica, entre outras moitas consecuencias, a moi notable redución de cabezas bovinas no país, unha cuarta parte en apenas dez anos. Galicia perde vacas e tamén perde poboación, tal e como veñen amosando todos os indicadores demográficos. Pero, que acontece se cruzamos ambos datos? Se o facemos obtemos un novo mapa no que, sobre todo nos concellos do centro, en comarcas eminentemente gandeiras, as vilas e aldeas que van quedando sen vacas van ficando tamén cada vez con menos xente.

Dado que os datos máis recentes do censo bovino corresponden a finais do ano 2012 realizaremos a comparación coa información poboacional de comezos de 2013 e contrastarémola coa datada a 1 de xaneiro de 2003. Nesa década a tendencia xeral foi a perda de poboación, mentres que pouco máis de medio cento de concellos gañaron habitantes. Se colocamos estes datos sobre o mapa dos concellos galegos -315 neste momento- comprobamos que o crecemento de poboación se concentra nas cidades e, moi especialmente, na fachada atlántica, mentres que os pequenos concellos do interior son os máis afectados pola despoboación.

Na zona centro do país os concellos que perden máis poboación coinciden cos que reduciron máis o número de vacas

No caso da zona centro do país, isto é, o interior da provincia da Coruña, o centro e o sur de Lugo e mais o norte de Ourense, os concellos que máis poboación perderon porcentualmente no período analizado son tamén os que, en números absolutos, máis cabezas de gando bovino deixaron de ter. Sen que poida ser posible establecer unha correlación directa, ambos datos poden ser ilustrativos no que atinxe á diminución de actividade gandeira e a súa ligazón coa perda de habitantes.

Para completar este segundo retrato cómpre deterse tamén noutra parte dos concellos nos que se concentra a redución no número de vacas e que neses dez anos gañaron poboación. Trátase, esencialmente, de cabeceiras de comarca e de concellos situados na contorna das cidades nas que, paulatinamente, o sector primario foi perdendo peso para pasaren a ser vilas máis orientadas aos servizos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.