O paro rexistrado baixa en agosto en Galicia, que consolida o emprego temporal e precario

CC-BY-SA Praza Pública

O paro rexistrado descendeu en agosto en Galicia, a comunidade autónoma na que máis baixou o número de desempregados apuntados ás oficinas de emprego, fronte ao aumento de 21.670 no conxunto do Estado. No país, rexistráronse 2.639 parados menos que no mes anterior, un descenso do 1,2% que foi de 23.207 persoas e un 9,7% con respecto ao agosto do pasado ano. 

O paro rexistrado descendeu en Galicia en 2.639 persoas durante o mes de agosto

Galicia conta aínda con 213.732 parados rexistrados (sendo as mulleres maioría: 116.981 fronte a 96.751 homes) logo dun mes de agosto positivo no que os contratos temporais, precarios e fundamentalmente na hostelería pola temporada de verán permitiron o descenso do desemprego e un aumento de 5.317 afiliados á Seguridade Social, un 0,56% máis que o mes anterior e que sitúa o número medio de afiliacións en perto de un millón (963.196). No entanto, se a comparación se fai en termos anuais, o descenso do paro rexistrado non se traduce na súa totalidade en creación de emprego: os parados rexistrados diminúen en 23.207 nun ano pero a afiliación media só aumenta en 21.558 persoas.

A baixada no paro rexistrado mantén a tendencia dos últimos anos, cando en agosto se producía un descenso importante que era absorbido polo aumento continuado nos cinco meses seguintes. Así ocorreu en 2014, cunha baixada aínda maior (-3.340) e un aumento de máis de 1.000 parados en setembro e de case 6.000 en outubro, moi semellante ao ocorrido tamén en 2013. Un círculo que se pecha: medio ano con lixeiros descensos segundo se achega a Semana Santa e incrementos do paro no outono e no inverno. De feito, o descenso deste 2015 en agosto foi o menor dos tres últimos anos a pesar de que os datos de crecemento económico eran bastante peores

Ademais, tal e como advirte CCOO, parte deste descenso de agosto débese ao inicio dos cursos de formación para persoas desempregadas, que desta maneira non computan nas cifras do paro rexistrado, polo que o sindicato considera que "se está a desacelerar a recuperación do emprego no noso país".

O descenso do paro neste agosto é o menor dos tres últimos anos malia que os datos macroeconómicos eran peores daquela

Eses datos e os deste verán confirman a consolidación do cambio de modelo económico, con contratos escasos e por poucas horas ou meses, centrados en épocas de vacacións e no sector servizos. De feito, case o 57% dos parados que abandonaron as listas das oficinas de emprego fixérono neste sector servizos (1.498) fronte, por exemplo, aos 179 que deixaron as estatísticas desde o colectivo sen emprego anterior. Ademais, o desemprego descendeu en 504 persoas na construción, 324 na industria e 134 na agricultura. 

Case o 57% dos parados que abandonaron as listas de desempregados pertencen ao sector servizos; tan só o 5% dos contratos asinados foron indefinidos

A proba máis evidente do asentamento deste precario modelo tírase de novo da contratación. En Galicia asináronse en agosto 75.964 contratos, dos que tan só o 5,1% (3.882) foron indefinidos, fronte aos máis de 72.000 temporais. O outro gran problema atópase na protección dos parados. Dos máis de 213.000 desempregados rexistrados no país, tan só 108.239 son beneficiarios dunha prestación por desemprego, un 50,6%. Xa que logo, case a metade deles non reciben xa ningún tipo de prestación. 

Malia todo, o Goberno galego apurou para destacar os bos datos do final da tempada de vacacións nas redes sociais. 

 

A Xunta aproveitou os bos datos estatísticos para presumir do comportamento do emprego en Galicia. Así, xa nun chío en Twitter lembrou que "o paro baixa en Galicia no mes de agosto un 9,79%. É a maior baixada interanual absoluta de toda a serie histórica". É, curiosamente, o mesmo chío literal que dez minutos despois subiu o grupo parlamentario do PPdeG, incluíndo mesmo as mesmas etiquetas. 

Manifestación de parados do sector naval CC-BY-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.