A sociedade Leite Noso fíxose este venres con Deleite e Muu, marcas de Alimentos Lácteos, dentro do proceso de liquidación desta empresa. Leite Noso gañou a poxa cunha oferta de 670 mil euros, a pagar en tres anos.
O pasado 9 de setembro tamén Casa Macán se presentou á poxa convocada polo xulgado mercantil de Lugo, facendo unha oferta de 652 mil euros, que incluía o compromiso de contratación dos ex traballadores de Alimentos Lácteos e a incorporación de cooperativas. O compromiso de contratación de Leite Noso é, segundo destaca este sábado El Progreso, menos “preciso” que o que realizara Casa Macán.
A CIG sinalou que á poxa deste venres "non compareceu ningún dos licitantes", polo que finalmente resultou gañadora a oferta inicial de Leite Noso. O sindicato amosou a súa "sorpresa polo modus operandi" dos licitantes, e cre que a decisión de non comparecer obedece ao obxectivo de “non elevar o gasto”.
A central afirma que haberá que ver se a adquisición das marcas “obedece á materialización dunha vontade de proceso transformador de leite ou a unha estratexia de, definitivamente, eliminar a posibilidade dunha arma arreboladiza entre as empresas transformadoras". Leite Noso, salienta Campo Galego, é unha sociedade constituída hai 21 días, o 28 de agosto, cun capital de 3.000 euros. Esta domiciliada no Polígono de Costa Vella, en Santiago de Compostela, e como administradora figura Patricia Sánchez Lorenzo.
Alimentos Lácteos quebrou en outono do pasado ano. Fora creada con capital cooperativo e contara co apoio financeiro (e algún outro) da Xunta. Uns 9 millóns de euros de inxección pública xestionados por destacados militantes do PP, cuxo proxecto foi elixido polo Goberno galego pasando por riba dunha unión de máis de vinte cooperativas liderada por Feiraco e que aspiraba a ser a semente do desexado grupo lácteo galego. Tralo concurso de acredores presentado por Alimentos Lácteos hai dous anos, lembra Europa Press, as súas marcas comerciais foron taxadas, á baixa, en 5.6 millóns de euros. O pasado ano unha primeira poxa ficou deserta, ao non haber ofertas que quixesen pagar un prezo de saída de 1.6 millóns, máis do dobre do pagado este venres.