A mediados de setembro o Consello da Xunta deulle luz verde a Guía para unha contratación pública socialmente responsable no sector público autonómico, que fixa uns determinados criterios sociais nos contratos públicos, coma a igualdade de xénero, a inclusión social e os dereitos das persoas con discapacidade, entre outros. Segundo este documento, os contratistas quedan obrigados a proporcionarlles aos seus traballadores e traballadoras "un traballo de calidade e estable", protexéndoos fronte aos accidentes e riscos laborais e promovendo condicións de conciliación familiar e laboral e de igualdade de xénero. A Guía busca tamén "protexer o persoal afectado pola subrogación", propoñendo incluír nos pregos "criterios de determinación de oferta anormal ou desproporcionada".
O Goberno galego uníase coa aprobación deste documento ás posicións fixadas nos últimos anos por outras administracións e a un bo número de demandas que neste senso lle chegaran dende forzas políticas e entidades sociais
O Goberno galego uníase coa aprobación deste documento ás posicións fixadas nos últimos anos por outras administracións e a un bo número de demandas que neste senso lle chegaran dende forzas políticas e entidades sociais. Curiosamente, algo máis dun ano antes, en abril de 2014, o PP rexeitara no Parlamento unha proposta moi semellante do PSdeG-PSOE. Os socialistas pedían que, para contratar unha ou outra empresa, a Xunta tivese en conta condicións como "a mellora das condicións laborais", o mantemento do cadro de persoal, dos contratos indefinidos ou do seu nivel de salarios. Os populares non dixeron estar en desacordo, pero votaron en contra argumentando que a Xunta xa estaba "a adoptar medidas" semellantes e traballaba "na elaboración dunha guía de cláusulas sociais e ambientais" na contratación, unha guía aprobada, finalmente, 15 meses despois.
Nesas mesmas datas, ademais, o Goberno galego desentendérase expresamente dos recortes laborais que estaba a aplicar Alcor, unha das empresas que xestionaba os servizos de seguridade da biblioteca da Xunta en Lugo, do Museo do Castro de Viladonga e da Cidade da Cultura, dependentes da administración autonómica. A Xunta manifestou ser "de todo allea ás relacións laborais que se establecen entre as empresas adxudicatarias dos seus contratos, licitados coa aplicación da lexislación de contratos do sector público, e o persoal propio ou subcontratado das mesmas". Pola contra, a Deputacion de Lugo si rescindira os contratos que mantiña con Alcor, pois a adxudicataria aproveitara a reforma laboral para rebaixar os salarios dos traballadores, infrinxindo, deste xeito, o prego de condicións do contrato co ente provincial. Seguindo o exemplo fixado con Alcor, a Deputación decidiu fixar esta posición para todos os seus contratos, incorporando "cláusulas sociais" en todos os pregos de condicións para contratar servizos con empresas privadas, obrigando as empresas a asumir o compromiso de blindar as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras.
A inclusión de cláusulas sociais nos contratos públicos busca fixar un exemplo que poida guiar tamén as contratacións que realiza o sector privado, impulsando unhas relacións laborais máis xustas
A inclusión de cláusulas sociais nos contratos públicos busca, ademais de garantir unha serie de dereitos nuns determinados contratos (o sector público realiza ao redor do 15% dos contratos), fixar un exemplo que poida guiar tamén as contratacións que realiza o sector privado, impulsando unhas relacións laborais máis xustas. Ademais da proposta parlamentaria lanzada polo PSdeG-PSOE en 2014, foron moitas as entidades sociais que reclamaron que a administración se posicionase con máis firmeza. Así o fixo, por exemplo, a CIG, cando en febreiro deste ano a Xunta lle concedeu a Alcor un novo contrato de vixilancia e seguridade nos edificios xudiciais; o sindicato pedía evitar que "as rebaixas temerarias nas ofertas por parte das empresas" precaricen as condicións económicas e laborais dos traballadores e traballadoras. Tamén se pronunciou en numerosas ocasións a Rede Galega de Loita contra a Pobreza, EAPN-Galicia, que demandaba cláusulas sociais para que as empresas do terceiro sector non se visen prexudicadas nos concursos.
Unha tendencia en auxe
Foron varios os Concellos que comezaron a incorporar estas cláusulas sociais nos seus contratos. Fixérono así Ferrol, Vilagarcía, Lugo ou A Coruña
Tralas eleccións municipais de maio, foron varios os Concellos que comezaron a incorporar estas cláusulas sociais nos seus contratos, ou que anunciaron que o farán de inmediato. Fixérono así Ferrol, Vilagarcía, Lugo ou A Coruña, que o aprobou o pasado 23 de outubro. Esta moción aprobada na cidade herculina está na base da proposta que este venres tamén presentará Marea Atlántica no Pleno da Deputación provincial, apostando porque os contratos públicos "vaian máis aló da contratación de obras e servizos, cara á intervención social". "É responsabilidade das institucións públicas facer valer a súa notable influencia sobre as relacións laborais económicas", destaca.
A moción da Marea Atlántica pedirá que o ente provincial introduza unha Instrución de Clausulado social na contratación pública, para incluír nos pregos criterios laborais, medioambientais, de igualdade de xénero, inclusión social e comercio xusto. O texto moción argumenta que deberán valorarse máis aquelas ofertas que aposten pola creación de emprego estable e de calidade. Tamén se aposta pola inclusión de cláusulas destinadas a fomentar a xestión de residuos e o uso eficiente da enerxía, á igualdade salarial e de oportunidades entre homes e mulleres, a contratación de persoas que pertenzan a colectivos desfavorecidos ou con problemas de inserción laboral e o comercio xusto. Proponse que cando menos un 20% da puntuación final dunha oferta deberá ser resultado deste clausulado social.
Marea Atlántica fará unha proposta neste senso na Deputación da Coruña, sinalando que "é responsabilidade das institucións públicas facer valer a súa notable influencia sobre as relacións laborais económicas"
As administracións galegas camiñan deste xeito cara a aplicación sistemática destes procedementos, do mesmo xeito que nos últimos anos o fixeron cidades de todo o Estado, como Avilés, Oviedo, Sevilla, Barcelona, Jerez, a Deputación de Guipúscoa, a Deputación de Málaga ou Vitoria-Gasteiz, unha tendencia en auxe á que antes de final de ano se unirán outras localidades. Euskadi, Navarra, Baleares ou Catalunya contan tamén con cláusulas máis ou menos avanzadas neste senso.