Alberto Núñez Feijóo presentou este xoves o Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020, que definiu como unha "aposta polo ámbito rural como lugar no que vivir e traballar". O Programa significará un desembolso público de máis de 1.186 millóns de euros no rural galego, procedentes na súa maior parte de fondos europeos. Os seus obxectivos principais son mellorar a "competitividade da agricultura galega" mediante catro prioridades: a modernización das explotacións, a incorporación de agricultores mozos, a ordenación do territorio e a mellora da produtividade da industria agroalimentaria e forestal.
Núñez Feijoo asegurou que o obxectivo deste plan é "insistir e persistir en que no rural se pode vivir e se pode traballar"
Entre as partidas principais, destacan os 67 millóns de euros destinados a apoiar aos mozos e mozas que queiran instalarase para desenvolver actividades agrícolas, os 166 millóns dedicados á mellora de explotacións, os 57 millóns dirixidos a actuacións de concentración parcelaria e camiños ou os 95 millóns para axudar a industria agroalimentaria. Así mesmo, destinaranse 176 millóns á prevención de danos causados por incendios, desastres naturais e catástrofes ou 116 millóns ao mantemento da poboación agraria nas zonas de montaña.
Núñez Feijoo asegurou que o obxectivo deste plan é "insistir e persistir en que no rural se pode vivir e se pode traballar". “Imos insistir nesta idea con novos folgos económicos”, asegurou. Á vista está que a situación das zonas rurais en Galicia non é boa, nomeadamente no que respecta a eses dous aspectos (vivir e traballar) nos que o presidente da Xunta fixo fincapé. O rural non deixa de perder poboación, sobre todo poboación nova, sufrindo un constante avellentamento ano tras ano. De igual xeito, as estatísticas revelan a debilidade das súas actividades económicas, comezando polo esmorecemento do sector primario, fundamental nestas zonas.
O Instituto Galego de Estatística compila unha serie de indicadores para o seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural, organizando os datos en función do grao de urbanización dos concellos e das parroquias galegas, en consonancia coa clasificación empregada a nivel estatal e europeo. Divide, deste xeito, o territorio en Zonas densamente poboadas, Zonas intermedias e Zonas pouco poboadas (ZPP). O instituto estatístico define estas ZPP como espazos cunha densidade inferior aos 100 habitantes por quilómetro cadrado e non adxacentes a territorios densamente poboados. A maior parte de Galicia corresponde a este tipo de zonas, parroquias que suman o 91,6% da superficie, pero pouco máis dun terzo da poboación (ao redor dun millón de habitantes).
O peso do sector primario, ata hai non moito a base da súa economía, decreceu dende o ano 2010 do 19,9% das persoas ocupadas a só o 13,5%, descendendo tamén a industria, do 29,6% ao 25,1%
As estatísticas amosan, ademais, unha continuada regresión demográfica (35 mil na última década), sobre todo nos grupos de poboación máis novos (pasou de 117 mil a 109 mil habitantes menores de 15 anos). A taxa de ocupación entre a poboación en idade de traballar descendeu nos últimos cinco anos do 60% ao 55%. E o peso do sector primario, ata hai non moito a base da súa economía, decreceu dende o ano 2010 do 19,9% das persoas ocupadas a só o 13,5%, descendendo tamén a industria, do 29,6% ao 25,1%. Crece, pola contra o peso relativo do sector terciario, ficando o turismo como un recurso cada vez máis importante nestas zonas nas que nos últimos anos asistimos a un gran crecemento do número de prazas dispoñibles nos establecementos turísticos.
Poboación en Zonas Pouco Poboadas. Fonte: IGE
Poboación menor de 15 anos en Zonas Pouco Poboadas. Fonte: IGE
Taxa de ocupación (da poboación de 15 a 64 anos) en Zonas Pouco Poboadas. Fonte: IGE
Poboación ocupada por sectores nas Zonas Pouco Poboadas. Fonte: IGE
Capacidade dos establecementos turísticos nas zonas pouco poboadas. En número de camas. Fonte: IGE