Hai moitos xeitos de medir os salarios e de analizar se soben ou baixan. Un dos máis precisos e tamén o único homologable a nivel europeo é o que, dende 2009, se realiza a través do denominado decil de salarios. Este sistema, incluído na Enquisa de Poboación Activa (EPA), ordena os soldos que percibe toda a poboación asalariada e divídeos en dez grupos iguais, de menor a maior. Acto seguido, establece tres grupos: os soldos máis baixos, coas tres franxas con menor remuneración, os máis altos, coas tres que máis perciben, e os medios, coas catro franxas intermedias. O INE vén de facer públicos os datos desta análise correspondentes ao ano 2014 e deles pódese tirar que os soldos máis baixos seguen a minguar a súa contía en Galicia, mentres os medios e altos xa comezaron a remontar.
Segundo estes datos, o pasado ano o salario medio galego situouse en 1.744 euros brutos ao mes, case 50 euros máis que un ano antes e practicamente 100 euros máis que no ano 2008, considerado o do inicio da crise económica. No entanto, esta suba media vén dada polos incrementos dos soldos medios e, sobre todo, dos altos. Mentres, o terzo da poboación que apenas chega a cobrar mil euros ao mes sufriu durante 2014 unha nova perda de recursos económicos.
Un terzo da poboación asalariada galega non chega a ingresar 1.000 euros ao mes
O devandito grupo dos salarios máis baixos estivo formado en 2014 en Galicia polas persoas que cobraban, de media, 401, 809 e 1.099 euros brutos ao mes. En ambos grupos baixou a remuneración a respecto de 2014 e tamén con relación ao inicio da crise. Quen agora apenas cobran 400 euros tiñan un soldo duns 500 euros en 2008. Os soldos de 800 euros brutos eran daquela de case 900 e quen agora roldan os 1.000 euros brutos, superaban en 2008 os 1.100.
Quen agora cobran apenas 400 euros brutos ao mes cobraban uns 500 antes da crise; quen cobraban 4.200 agora perciben 4.500
Pola banda de arriba a situación é notablemente máis acomodada. Os soldos medios de en torno a 2.380 euros brutos ao mes aumentaron uns 30 euros a respecto de 2014 e máis de 200 dende 2008. Quen cobra case 3.000 brutos ao mes de media percibe agora case 300 euros máis cada mes que ao inicio da crise. Na banda máis alta, a dos soldos de máis de 4.500 euros brutos mensuais, o incremento anual foi duns 50 euros e de 300 a respecto do inicio da crise.
Esta disparidade na evolución dos salarios prodúcese nun contexto no que unha de cada tres persoas asalariadas no país non chega a ingresar 1.000 euros mensuais polo seu traballo. Case unha cuarta parte da poboación asalariada está entre os 1.300 e os 1.500 euros brutos ao mes e practicamente un 20% supera os 2.000 euros mensuais e, segundo estes datos do INE, algo menos dun 8% da poboación galega ingresa cada mes máis de 4.500 euros brutos polo seu traballo asalariado.
Estes datos, como a propia EPA e outros indicadores, ratifican que o mercado laboral galego segue minguando. Cae a poboación activa xeral -suma de persoas que traballan e das que buscan traballo- en Galicia e tamén descende a poboación asalariada. Así, no ano 2008 na banda dos salarios máis baixos contábanse unhas 300.000 persoas, na dos soldos medios unhas 370.000 e na dos altos, algo menos de 240.000. No ano 2014 encadrábanse nos grupos salariais máis baixos pouco máis de 230.000 persoas, unhas 330.000 na franxa media e arredor de 198.000, na alta. Deste xeito, onde antes da crise había máis de 920.000 persoas asalariadas, agora hai apenas 765.000.