0 Gardados para despois

O 95% das persoas con traballo parcial para poder coidar dependentes son mulleres

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Ten algo que ver a Lei de Dependencia coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres? Teno, e moito. Dende que botou a andar no ano 2007 son múltiples as interpretacións e análises sociopolíticas que vinculan directamente o correcto desenvolvemento desta normativa coa garantía dos dereitos das mulleres e, polo tanto, o seu retroceso coa imposición de barreiras para que poidan desenvolver a súa actividade persoal e laboral con normalidade. Así, por exemplo, o Consello Económico e Social alertaba en 2011 de que, co obxectivo de "aforrar" en servizos públicos a Lei de Familia da Xunta tentaba devolver as mulleres a "roles tradicionais" como o coidado de nenos, maiores e doentes. O INE vén de lle poñer cifras a esta situación nunha das súas vertentes fundamentais, a laboral. Máis do 95% das persoas que se ven forzadas a traballar só a tempo parcial para poder coidar familiares en situación de dependencia son mulleres.

Despois de peneirar os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) dos últimos sete anos o instituto estatístico español permite coñecer que ata 359.500 persoas están "ocupadas a tempo parcial porque coidan a persoas dependentes. Delas, 342.400 son mulleres. Aínda que o número de varóns case se multiplicou por catro dende o inicio do análise -dous anos antes da existencia da Lei de Dependencia- a diferenza segue a ser abismal. Así, en 2005 ata 292.300 mulleres deixaban parte do seu traballo para atender familiares en situación de dependencia, xa sexa anciáns ou nenos, mentres que só o facían 4.400 homes. En 2011 -último dato dispoñible- só 17.100 das persoas coidadoras tiñan sexo masculino. 

O 55,9% das mulleres que renuncian a parte do seu traballo para seren coidadoras fano "por non haber ou non poder custear os servizos axeitados"

A importancia das axudas públicas, xa sexa en forma de achegas económicas ou de prestación de servizos, fica tamén confirmada nos motivos que aluden tanto mulleres coma homes á hora de xustificar a necesidade de traballaren a tempo parcial. O 55,9% das mulleres que non pode traballar a tempo completo para exerceren de coidadoras fano "por non haber ou non poder custear os servizos axeitados" para o coidado de nenos, adultos enfermos, persoas con discapacidade ou maiores. No caso dos homes esta porcentaxe sobe ata o 70,7%. 

Outro dos datos máis relevantes do estudo do INE é o vinculado á idade dos coidadores e coidadoras que renuncian a parte do seu traballo fóra da casa. Dos máis de 350.000 ata 98.300 teñen máis de 50 anos e 39.200, máis de 60. Mentres, apenas 78.000 baixan dos 50. Así as cousas, é posible afirmar que unha parte nada desprezable destas persoas que suplen as prestacións da Lei de Dependencia e normas semellantes serán beneficiarios potenciais destes servizos públicos en poucos anos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.