En xullo do ano 2004 o alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, e o ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, asinaban xunto co daquela conselleiro de Política Territorial da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, un convenio para o desenvolvemento urbanístico dos terreos do Porto da Coruña, ligado á construción do Porto exterior en Punta Lagosteira, e que serviría para financiar estas custosas obras. O texto salientaba que "os terreos liberados ofrécenlle unha oportunidade única á cidade da Coruña para transformar a súa fachada marítima e mellorar notablemente a súa estrutura urbanística".
Un total de 433 mil metros cadrados de terreo que na actualidade son dominio público portuario serían desafectados, para construír alí vivendas, hoteis, zonas comerciais e oficinas
Un total de 433 mil metros cadrados de terreo que na actualidade son dominio público portuario serían desafectados, para construír alí vivendas, hoteis, zonas comerciais e oficinas. O convenio foi modificado en outubro dese mesmo ano 2004, xa co PSOE no Goberno central e Magdalena Álvarez como ministra, incrementando ata un 50% a porcentaxe de vivenda protexida. En calquera caso, tanto cunha fórmula coma coa outra, o acordo supuña a privatización dun privilexiado espazo no centro da cidade da Coruña, ocupando unha parte importante da súa fachada marítima, coa que a Autoridade Portuaria esperaba obter varios centos de millóns cos que financiar as obras do Porto exterior.
No programa electoral da Marea Atlántica prevíase a "modificación da ordenación urbanística do sistema xeral portuario", sinalando que a proposta supón "unha masiva apropiación privada dun espazo público e a posta no mercado de nova oferta residencial e terciaria nunha cidade que adoece dunha altísima porcentaxe de vivenda desocupada e un gran volume de superficie comercial". "A cidade non pode repetir erros do pasado, tal e como aconteceu coas intervencións claramente desafortunadas do Palexco-Centro de ocio. Faise preciso, si, abrir á cidade ao mar, pero para recuperar espazos para uso e desfrute da cidadanía, e non para construír edificios de uso e volume como os previstos", destacábase, lembrando que o proxecto prevé a construción de edificios de ata dez alturas en primeira liña de mar, "nunha zona de especial afectación de impacto visual".
Ferreiro: "Para pagar unha débeda da Autoridade Portuaria non podemos tapar a fachada marítima da cidade, non podemos poñer en perigo ao comercio local, nin podemos xerar barrios novos de certa ‘exclusividade’"
Este martes o alcalde, Xulio Ferreiro, reiterou no Foro Smart City, en Madrid, a súa aposta -xa manifestada ao longo do verán- de reformular este polémico proxecto, evitando a recualificación e privatización dos terreos, pois "para pagar unha débeda da Autoridade Portuaria non podemos tapar a fachada marítima da cidade, non podemos poñer en perigo ao comercio local, nin podemos xerar barrios novos de certa ‘exclusividade’ que axuden a dividir á poboación". "Temos que abrir un proceso de reflexión, cremos que este tema é o suficientemente importante para tomar as cosas con calma”, concluíu.
Como financiar o porto exterior?
O porto Exterior de Punta Lagosteira suma dez anos de obras e uns 750 millóns de euros de investimento, 350 millóns máis dos previstos inicialmente
O enfrontamento latente entre a Autoridade Portuaria e o Concello vén crecendo de intensidade dende o mes de xullo. O porto Exterior de Punta Lagosteira suma dez anos de obras e uns 750 millóns de euros de investimento, 350 millóns máis dos previstos inicialmente. A súa actividade e rendibilidade futuras non está en absoluto asegurada, tralo fracaso de varios dos proxectos empresariais que nos últimos anos se barallaron para este faraónico espazo. A empresa chinesa Beijing 3E comprometérase en 2012 a investir 270 millóns para poñer en marcha unha instalación enerxética. Tamén se retirou a mexicana Pemex, que tamén en 2012 anunciara que instalaría no porto exterior a súa base loxística para toda Europa, achegando 58 millóns. E, de igual xeito, Repsol segue reticente a completar a súa mudanza dende o porto interior da cidade. Idénticas dúbidas existen no que respecta ás comunicacións terrestres do porto -autovía e tren-, que dependen dos investimentos do Goberno central.
Na sinatura do convenio de 2004, Alberto Núñez Feijoo, en representación do Goberno galego, sinalou que o Porto exterior da Coruña se convertería "nun dos máis atractivos para o comercio” e que “a súa execución creará miles de empregos de forma simultánea durante oito anos e despois impulsará a industria".
A Autoridade Portuaria, que rexistrou o pasado ano máis de 4 millóns de euros de perdas, mantiña as súas esperanzas nos millonarios ingresos que obtería da venda dos terreos no centro da cidade
A Autoridade Portuaria, que rexistrou o pasado ano máis de 4 millóns de euros de perdas (uns números vermellos que continuarán), mantiña as súas esperanzas nos millonarios ingresos que obtería da venda dos terreos no centro da cidade. Porén, a explosión da burbulla inmobiliaria recortou en moito as expectativas de retorno económico. O propio presidente do porto coruñés, Enrique Losada, valorou os terreos en 240 millóns, menos dun terzo do custe de desenvolvemento de Punta Lagosteira. A Autoridade Portuaria ten que facer fronte á devolución dos créditos solicitados para o pagamento das obras (dous créditos que suman 330 millóns), acumulando unha débeda crecente. Porén, o novo Goberno local deixou moi clara dende a súa toma de posesión a súa intención de cumprir co previsto no seu programa electoral.
Ferreiro: "Hai que ver por que A Coruña é o único lugar onde non é o Estado o que asume as obras dun porto e se intenta que o financiamento, que debería ser asumido por él, debe ser a cambio de que a fachada marítima da Coruña se vexa prexudicada”
O Concello aposta por unha reformulación do proxecto. Quere que se complete a obra do Porto Exterior, pero esixe que o Goberno central se faga cargo do seu financiamento. "Hai que ver por que A Coruña é o único lugar onde non é o Estado o que asume as obras dun porto e se intenta que o financiamento, que debería ser asumido por el, debe ser a cambio de que a fachada marítima da Coruña se vexa prexudicada”, sinalou Xulio Ferreiro, que pide que nesta cuestión Concello, Xunta e Autoridade Portuaria fagan causa común ante o Executivo central. De feito, na súa intervención deste martes en Madrid, o alcalde pediu un "debate sereno" que evite que a "presión da débeda da Autoridade Portuaria" condene a cidade a "facer as cousas sen pensar" e engadiu que esta débeda do Porto ten a súa orixe nunha "actuación relativamente irresponsable en anos pasados". Apostou, finalmente, polo remate da obra para "intentar que ese porto atraia valor e riqueza a A Coruña".
Pola contra, o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, reclama que se cumpra o disposto no convenio inicial, acusando a Ferreiro de "improvisar" e de "non coñecer a realidade do porto". Así mesmo, apela a unha das cláusulas do convenio asinado por Francisco Vázquez, referentes ao compromiso da Xunta e do Concello da Coruña de "indemnizar" á Autoridade Portuaria se "finalmente non se produce a reordenación urbanística dos terreos", compensándoa polos "danos e prexuízos" causados "por insuficiencia de fluxos financeiros para o desenvolvemento das obras" do Porto exterior. O convenio non especifica a contía destas indemnizacións, pero en calquera caso, dende o Goberno municipal destácase que o Concello "cumpriu coas obrigas impostas no convenio, que pasaban por modificar o PXOM". Ferreiro acusa de feito á Autoridade Portuaria de ser quen non cumpriu a súa parte: "a Autoridade Portuaria é a que non desafectou os terreos e non promoveu a modificación do plan especial. Seguimos agardando a que se nos presente o plan de seguimento de financiamento do Porto Exterior”.
Ferreiro: "A Autoridade Portuaria é a que non desafectou os terreos e non promoveu a modificación do plan especial. Seguimos agardando a que se nos presente o plan de seguimento de financiamento do Porto Exterior”
Dende o Concello destácase, ademais, que trala caída da demanda inmobiliaria, o resultado da venda de terreos desafectados do peirao interior "non garante a consecución do financiamento para a obra de Punta Lagosteira". “Que pasa se eses terreos se venden, se hipoteca a fachada marítima da cidade, non para poñela ao servizo do ben común, e aínda así só se consegue un terzo do que estaba previsto...de onde sairá o resto?”, preguntouse hai unhas semanas Xulio Ferreiro, apelando á procura doutras fontes de financiamento: “Na vez de teimar na tese irreal de sufragar a actuación mediante métodos dos tempos da burbulla inmobiliaria a Autoridade Portuaria debería centrarse en renegociar as condicións de financiamento aprobadas en 2011 e conseguir inversións do Goberno central para os accesos terrestres a Punta Lagosteira”. “Para resolver esta situación, non caben operacións de especulación, nin atallos, nin portas de atrás", engadiu.
Que fachada marítima para A Coruña?
“Na Coruña temos un exemplo do que é construír espazos comerciais sobredimensionados. Témolo nas aforas e no centro de ocio, que é algo que está aí, tapando a fachada marítima da cidade, e que non se sabe que facer con el"
A proposta do Goberno municipal pasa pola liberación dos actuais terreos dos peiraos, para convertelos nun espazo de uso público e para edificios dotacionais. Rexeita tanto a construción de vivendas coma de zonas comerciais e de ocio, alertando sobre o prexuízo que a instalación de novos complexos deste tipo terían para o comercio e hostalaría actualmente existentes no centro da cidade: "Que impacto sufrirá o comercio da zona Obelisco e da zona centro se temos aí grandes superficies comerciais?”, preguntouse hai unhas semanas Xulio Ferreiro. “Na Coruña temos un exemplo do que é construír espazos comerciais sobredimensionados. Témolo nas aforas e no centro de ocio, que é algo que está aí, tapando a fachada marítima da cidade, e que non se sabe que facer con el; inténtaselle dar vida e nunca a ten. O que queremos é evitar iso multiplicado por dez”, dixo.
"Un tempo novo no que acabou o ladrillo"
Na súa intervención no Foro Smart City, Xulio Ferreiro destacou que “estamos ante un tempo novo no que acabou o ladrillo, os enchufes, os espolios, o capitalismo ‘de amiguetes’". "O que toca agora é falar de talento, de capacidade para crear riqueza e emprego de calidade, de impulsar a universidade pública ou de desmercantilizar ámbitos cos que nunca se tería que ter feito negocio, como a sanidade”, dixo. "Intentamos que a política se constrúa doutra forma, con outros obxectivos e outras linguaxes”, explicou.
Xulio Ferreiro destacou que “estamos ante un tempo novo no que acabou o ladrillo, os enchufes, os espolios, o capitalismo ‘de amiguetes’"
Pola súa banda, a alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, dixo sobre o rexedor coruñés que “cando coñecín a Xulio crin que era unha persoa que tiña claro que o que quería era loitar pola xente e facer unha nova política que ía a ter unha liña de actuación moi clara, que era a da honestidade por riba de todo; esa liña ten que ver coa concepción propia da democracia”.