A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) vén de lle impoñer unha sanción de 25 millóns de euros ao xigante eléctrico Iberdrola por manipular o prezo da electricidade a través de centrais hidroeléctricas, entre elas, as que a compañía ten no treito galego do río Sil. Segundo o expediente, entre o 30 de novembro e o 23 de decembro de 2013, xusto antes da poxa que o Estado acabou anulando por disparar os prezos, Iberdrola amañou os prezos nas súas centrais galegas e tamén nas dos ríos Douro e Texo. A empresa xa anunciou que rercorrerá a sanción, que tipifica a conduta como "moi grave".
Segundo o organismo regulador, "consciente da existencia dun escenario de elevada demanda ao que corresponde o mes de decembro", Iberdrola "decidiu retirar unha capacidade de produción" das súas centrais para así "elevar o prezo do mercado. Estas son as claves do caso:
Que se investigou?
Segundo o organismo regulador, "consciente da existencia dun escenario de elevada demanda ao que corresponde o mes de decembro", Iberdrola "decidiu retirar unha capacidade de produción" das súas centrais para así "elevar o prezo do mercado
Investigouse unha alteración dos prezos que houbo no mercado almacenista durante a ponte da Constitución do 2013. Eses días, en concreto o domingo da ponte, o prezo da electricidade no mercado almacenista acadou os 90 euros MW por hora, récord desde 2002. As eléctricas atribuírono a causas excepcionais, como o pouco vento ou o frío.
A quen se investiga?
O expediente afecta só a Iberdrola aínda que a análise do que sucedera nesas datas realizouse a todo o sector. Competencia preguntou a todos os axentes do mercado e como conclusión só atopou información pouco clara nesta eléctrica.
Por que só ás plantas hidroeléctricas?
Porque a información que Iberdrola remitiu sobre o funcionamento destas plantas nos días que subiu tanto o prezo non convenceu a CNMC. Iberdrola ten unha ducia de plantas nester ríos, algunhas con moita potencia instalada. En total, a empresa ten un 22% da súa capacidade instalada en hidráulica.
Como poden afectar esas plantas ao prezo da electricidade?
No momento investigado, a formación dos prezos no mercado almacenista faise co sistema de pool polo cal entran varias enerxías (pola súa tecnoloxía) no sistema. As primeiras en entrar son a nuclear e a hidráulica, que son as máis baratas, e finalmente entran as máis caras, que son as que fixan o prezo. Se entra pouca hidráulica (ou pouca nuclear e naqueles días había varias plantas paradas), a demanda de enerxía complétase coas tecnoloxías máis caras, o que inevitablemente sobe o prezo.
Como se pode manipular unha central hidroeléctrica?
O caudal de auga regúlase desde a central. As concas hidrográficas marcan uns mínimos necesarios para consumo e regadío que se van regulando. Se se solta o caudal mínimo en hora punta, o problema está servido. Por suposto, hai circunstancias que poden provocar esta coincidencia, pero a central debe advertir ao regulador do mercado para que o teña en conta á hora de formar o prezo. A lei actual é moi clara a respecto desta obrigación de previr ao mercado de posibles incidencias.
Afecta todo isto aos consumidores?
Cabe lembrar que se xulgaron feitos pasados. E tamén que se fai no mercado almacenista intradía. Con todo, a evolución diaria dos prezos acabou afectando á poxa (aínda que se invalidou por falta de concorrencia) e finalmente trasladouse ao prezo da luz polo miúdo. Co sistema actual xa non hai poxa pero si mercado intradía que si fixa o prezo da luz hora por hora e que serve de referencia tamén para o usuario. En principio, o que redunde en transparencia na formación de prezos e unha correcta vixilancia dos actores de mercado farao tamén en que o prezo que pague o usuario sexa xusto. Pero a guerra entre as eléctricas e o Goberno pode acabar saíndo cara aos usuarios.