A redución é unha das máximas no tratamento de residuos, as famosas 3 erres (redución, reutilización, reciclaxe) dos grupos ambientalistas. Este luns o INE vén de publicar os máis recentes datos de recollida de residuos, correspondentes ao ano 2013, que amosan unha diminución na cantidade total de residuos urbanos xerados en todo o Estado (un 2,4% menos con respecto ao ano anterior) e tamén en Galicia, nunha proporción semellante (un 2,3% menos).
Os galegos e galegas estamos entre os que menor cantidade de residuos xeramos por habitante no Estado, unha media de 393 quilos por persoa e ano
Mantense, polo tanto a evolución seguida nos últimos anos, nos que en Galicia se pasou dun total de 1,5 millóns de toneladas en 2006, ata as 1,08 toneladas de 2013. Neste recorte é probable que influíse a partir de 2009 a crise económica, e a haberá que ver a evolución que seguiu esta estatística en 2014 e 2015, nos que se volveu rexistrar un incremento do consumo.
Os galegos e galegas estamos entre os que menor cantidade de residuos xeramos por habitante no Estado, unha media de 393 quilos por persoa e ano, lonxe da media española (468 quilos) e doutras comunidades, como País Vasco, Andalucía e Canarias (por riba de 500 quilos) e de Baleares (por riba de 700 quilos).
-En Galicia recíclase apenas o 11% dos materiais e non se chega ao mínimo esixido polas normativas europeas (que piden un 50% de reciclaxe) nin sequera no vidro ou no papel
O que tamén chama a atención na estatística é que practicamente se mantén invariable a proporción de residuos que se recollen de forma separada (papel, vidro, equipos electrónicos...), que suman unicamente o 15% do total na nosa comunidade. De feito, a porcentaxe -ainda que crece con respecto a 2008, cando era do 13%- é menor da que se rexistraba en 2006 (20%).
Segundo denuncian habitualmente os grupos ecoloxistas, en Galicia recíclase apenas o 11% dos materiais e non se chega ao mínimo esixido polas normativas europeas (que piden un 50% de reciclaxe) nin sequera no vidro ou no papel. Os datos de 2011 amosan que o 46% do lixo galego se incinera sen valorización e outro 43% vai directamente a vertedoiros.