Pode o coidado dos fillos ser un obstáculo á vida laboral? Si, se es muller

Tasa de emprego de persoas de 25 a 49 anos en España con/sen fillos menores de 12 anos Dominio Público Praza Pública

O coidado dos fillos e fillas interponse na vida laboral de moitas mulleres. Nesta campaña electoral todos os partidos levan nos programas medidas para facilitar a conciliación entre o traballo e a familia, tanto para homes coma para mulleres. Porén, a estatística confirma que son elas as que deben realizar os maiores sacrificios, véndose obrigadas en ocasións a renunciar a traballar por mor do coidado de familiares ou, como mal menor, a buscar empregos a tempo parcial. 

Unha conciliación, ademais, que semella aínda un desexo difícil de acadar para moitas persoas, a pesar da existencia de plans gobernamentais de apoio á corresponsabilidade e á conciliación. Este mesmo mércores coñeceuse unha sentenza que recoñece o dereito a entrar unha hora tarde ao traballo para levar os fillos á gardaría. O sindicato CSIF denuncia que a Administración Xeral do Estado denega por sistema a flexibilidade horaria a traballadores e traballadoras en turno fixo.

Segundo datos do INE, en España a taxa de emprego entre as mulleres de 25 a 49 anos con fillos e fillas menores de 12 anos é do 60%, oito puntos inferior á das mulleres da mesma idade sen nenos e nenas pequenas ao seu cargo (68,4%). Iso si, ao longo da crise esta fenda recortouse lixeiramente: en 2009 as taxas de emprego eran de 73,2% (sen fillos) e 61% (con fillos). Nos homes o feito de teren fillos e fillas nesas idades ten un impacto inverso: traballa o 77,8% dos varóns de 25 a 49 anos con pequenos e pequenas, unha porcentaxe que é moito menor naqueles homes sen descendencia desas idades (67,4%).

Preguntados homes e mulleres que non traballan e que tampouco procuran emprego polas razóns de non buscalo, as respostas tamén poñen en foco na fenda de xénero que continúa a existir no coidado de familiares (sexan nenos, anciáns ou enfermos). Entre os homes de 25 a 49 anos, a razón principal para non buscar un emprego é de padecer unha enfermidade ou discapacidade, seguida da de cursar estudos. Tan só en sexta posición, con apenas o 2,6% das respostas, aparece o coidado de nenos ou de adultos enfermos, incapacitados ou maiores. Entre as mulleres, unha de cada catro (o 25,1%) di non buscar traballo por ter que realizar estes coidados, sendo esta a segunda razón aludida tralas responsabilidades familiares ou persoais. 

Chaman tamén a atención neste senso a diferenza existente entre homes e mulleres en canto ás razóns polas que teñen un traballo a tempo parcial no canto dun a tempo completo. Entre os homes, a razón principal é a de non atopar un emprego a tempo completo (70,3% de respostas). Tamén o é entre as mulleres, pero cunha porcentaxe moi inferior (61,3%). Entre elas, gaña peso o apartado de outros motivos (27,8% fronte a 17,4%), entre os que moi probablemente o coidado de familiares está moi presente.

En 2014, ademais, das 699 excedencias laborais para o coidado de familiares concedidas en Galicia, 630 corresponderon a mulleres mentres que as 69 restantes foron de homes. O mesmo sucede cos permisos por maternidade e paternidade que poden ser compartidas: o pasado ano, dos 14.279 casos que houbo en Galicia, só en 305, o 2%, a baixa foi compartida polo home.

Tasa de emprego de persoas de 25 a 49 anos en España con/sen fillos menores de 12 anos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.