A CIG presentou este venres un informe -realizado a partir dos datos da Axencia Tributaria- que salienta a precarización das condicións laborais e salariais en Galicia dende o comezo da crise. O documento revela ademais a sangría laboral entre os menores de 35 anos, o fenómeno crecente dos traballadores pobres e a terciarización da economía galega. Os datos foron presentados polo secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, e pola técnica do gabinete de Economía do sindicato, Natividad López Gromaz. Alcántara fixo fincapé na perda de postos de traballo e precarización dos existentes ao longo da crise económica, incidindo no peso da emigración, na redución de salarios, o crecente fenómeno dos e das traballadoras pobres e na redución do estado do benestar. "É o triste legado que nos deixa Feijoo da súa estadía en San Caetano", conclúe a central.
"É o triste legado que nos deixa Feijoo da súa estadía en San Caetano", di a CIG
En moitas campañas electorais adóitase preguntarlles aos posibles votantes se están mellor ou peor que catro anos antes. A economía galega, no relativo a emprego e salarios está moito peor que antes da crise. En primeiro lugar, hai moitos menos traballadores e traballadoras, tanto polo incremento da taxa de desemprego coma pola crecente emigración, sobre todo das xeracións máis novas. Son, en concreto, 173 mil traballadores e traballadoras menos que en 2007, e 124 mil menos que en 2009, momento en que Núñez Feijoo se converteu en presidente da Xunta.
Este descenso na masa laboral galega durante os últimos cinco anos corresponde, sobre todo, aos e ás menores de 35 anos (case 135 mil menos), mentres que nas xeracións seguintes (de 35 a 65 anos) hai 11 mil persoas máis con emprego.
Entre o 2009 e o 2014, a caída do salario medio das persoas entre 26 e 35 anos foi do 11,7%, fronte á un desenso medio do 2,7% no conxunto da poboación
Reducíronse tamén os soldos. O salario medio anual en Galicia caen dende os 18.217 euros de 2009 ata os 17.729 euros de 2014 (un 2,7%). A caída, ademais, non foi uniforme: nos últimos cinco anos incrementouse o número de traballadores e traballadoras con soldos por debaixo do salario mínimo interprofesional (648,6 euros mensuais, 9.080,4 anuais), que xa son o 31% do total de persoas con emprego (fronte ao 27% en 2009). A gravidade deste fenómeno dos traballadores pobres é maior, observando que o 18,4% das persoas con emprego ingresan menos da metade do salario mínimo (324,3 euros ao mes), mentres que hai cinco anos eran o 14,5%. No extremo contrario, apenas o 20% dos e das traballadoras galegas gaña máis de 1.944 euros mensuais.
Entre a mocidade non só descendeu o número de persoas con traballo, senón que tamén empeoraron as súas condicións. Se entre o 2009 e o 2014, a caída do salario medio foi do 2,7% no conxunto da poboación, entre as persoas entre 26 e 35 anos o descenso dos soldos foi do 11,7%.
Apenas o 20% dos e das traballadoras galegas gaña máis de 1.944 euros mensuais
Como destacou a CIG esta mañá, o descenso dos salarios da maioría da poboación asalariada en temos reais, xunto co descenso do número de asalariados e salariadas, "explica que as rendas do traballo, como porcentaxe das rendas totais en Galicia, descendesen de maneira significativa durante este período". No ano 2009 representaban o 48% das rendas totais, e en 2014 representan o 44,6%. "Esta baixada das rendas do traballo foi en beneficio das rendas do capital", destaca o sindicato. Estas rendas medraron significativamente, dun 43,6% no ano 2009 a un 45,5% en 2014.
Nos datos chama tamén a atención a gran destrución de emprego que se produciu na construción, co estalido da burbulla inmobiliaria, perdéndose 56 mil postos de traballo, pero tamén na industria (-26 mil) e no comercio e o transporte (-21 mil). Os únicos sectores que gañaron emprego foron os servizos de ocio (oito mil máis) e o sector primario (dous mil máis). Iso si, no sector primario é onde caeu máis o salario medio (case un 35%). O sector terciario, con case 3 de cada 4 postos de traballo, afiánzase en termos relativos, confirmando o crecente peso dos servizos na economía galega.
Evolución do número de traballadores/as en Galicia e salario medio anual
Distribución dos e das traballadoras galegas en función do seu salario
Número de asalariados e asalariadas por idade
Número de asalariados e asalariadas por sectores