Sesenta nomes galegos da lista de debedores con Facenda

Vista parcial da listaxe CC-BY-SA Praza Pública

A Axencia Tributaria vén de publicar este mércores, tres días despois das eleccións xerais, a identidade dos 4.855 contribuíntes (persoas físicas e xurídicas) que deben máis de un millón de euros ao fisco e aínda non regularizaron as súas débedas pendentes a 31 de xullo de 2015, sempre que estas non estean aprazadas ou suspendidas por calquera motivo legalmente previsto. 

A lista de morosos, que pode consultarse aquí, é unha vella promesa do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, e inclúe 345 persoas físicas cunha débeda conxunta de máis de 700 millóns e 4.510 persoas xurídicas cunha débeda de 14.900 millóns, polo que o total da débeda ascende a 15.600  millóns de euros. 

Entre as case 5.000 persoas físicas e xurídicas aparecen máis de 60 nomes galegos cunha débeda total duns 130 millóns

Na lista aparecen varias empresas galegas e tamén algunha persoa física. En total, máis de 60 casos que suman unha débeda total duns 130 millóns de euros. Lideran a lista, con moita distancia, dúas empresas: Compañía Galega de Licores, con máis de 22 millóns de euros pendentes de pagamento ao fisco, e Acerías As Pontes, con máis de 21. Ademais, moitas compañías en fase de liquidación ou xa desaparecidas, e algún club de fútbol como o CD Ourense, que xa non existe, e a SD Compostela, que foi refundada. 

O equipo santiagués xa deixou claro nun comunicado que esa débeda refírese "exclusivamente" á anterior etapa do club e que quedou resolta ao resolverse o proceso concursal que rematou coa liquidación da entidade, polo que "non se lle pode atribuír" á actual sociedade "a débeda á que se refire a Axencia Tributaria na listaxe". 

No caso da Compañía Galega de Licores, o empresario responsable dela fora acusado hai dous anos dun delito continuado de falsidade documental en concurso con delitos fiscais, á fronte desta empresa de compravenda, por xunto e a granel, de augardentes e licores que presuntamente defraudou case 14 millóns de euros. 

Entre os nomes da lista aparece a deseñadora Kina Fernández, coa súa empresa Volvoreta SA, que suspendera pagamentos en 2011 e adebeda á Seguridade Social 1,7 millóns de euros. Segundo os datos da Axencia Tributaria, a súa débeda co fisco a 31 de xullo era de 1,68 millóns. 

Pescanova aclara que xa liquidou a débeda de máis de 4 millóns que mantiña a finais de xullo

Ademais, Pescanova é unha das sinaladas, cunha débeda de 4,33 millóns. A empresa aclarou nun comunicado que xa liquidou a devandita débeda e aclara que a cantidade contraída con Facenda "é consecuencia da débeda privilexiada xurdida do concurso de acredores de Pescanova e non liquidada a data de 31 de xullo de 2015". 

Entre as empresas con maior débeda atópase tamén Pórtico (4,31), que solicitou a liquidación cinco meses despois de superar o concurso de acredores, Blusens (4,61) ou Ferralla Lois (3,67). Ademais, e como no conxunto do Estado, son maioría as empresas vinculadas á construción e tamén outras aos combustibles ou gasolineiras. 

Mavieira, empresa de servizos financeiros, é outra das que máis debeda ten co fisco (9,84), ao igual que Gallega de Moliende de Clinker (6,82), dedicada á fabricación de cemento, e da que catro directivos foran acusados de defraudar 3,3 millóns. Tamén destaca entre os morosos coa Facenda, Energal -distribuidora de carburantes- (6,22) ou Freiremar (5,74). 

Por outra banda, son poucas as persoas físicas que aparecen, pero é destacable a débeda de César Cunqueiro, de 2,45 millóns de euros, ou de Lucía Molares Uzal (2,36 millóns), unha das farmacéuticas da rede Dorribo e á que a Xunta abrira expediente sancionador e que declarara ante os inspectores que fora enganada por este empresario. Tamén aparece o avogado Manuel Franco Argibay (que debe 1,59 millóns) e que estivera fuxida da xustiza pola colaboración cunha rede de branqueo de diñeiro procedente do narcotráfico. 

A lei impide ofrecer aos lectores unha ferramenta de consulta

Praza Pública non pode ofrecer aos seus lectores unha ferramenta de consulta para buscar os nomes dos morosos na lista da Axencia Tributaria. Malia que esa é a idea en calquera caso e co obxectivo de manter a transparencia, a lei impídenos poñela a disposición dos nosos usuarios. O artigo 2 da orde ministerial do 24 de outubro aclara que a publicación "efectuarase por medios electrónicos, en formato PDF, adoptando as medias necesarias, conforme ao estado da técnica, para impedir a indexación do seu contido a través de motores de busca en Internet e asegurando que as listaxes deixarán de ser accesibles unha vez transcorridos tres meses desde a data de publicación, de acordo co artigo 95 bis da Lei Xeral Tributaria".

O CXPX xa amosara a súa disconformidade coa publicación dunha lista de morosos, que non de defraudadores xa condenados

O Consello Xeral do Poder Xudicial amosara a súa disconformidade coa publicación desta lista, xa que non é de defraudadores, senón de morosos. En definitiva, de persoas que non puideron atender en prazo as súas débedas pero que non tiveron que ser xa condenados por isto. O CXPX consideraba ademais que deberían terse excluído as empresas en concurso e que deberían, en cambio, terse publicado as administracións públicas que están eximidas pola lei de aparecer na lista. 

Vista parcial da listaxe CC-BY-SA Praza Pública
Cristóbal Montoro, nunha intervención no Congreso © Gobierno de España

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.