As cifras de 2015 desmenten a recuperación en Galicia

Evolución do PIB CC-BY-SA Praza Pública

Moreas de datos económicos que non deixan en bo lugar a Galicia. Remata o 2015 e a proclamada recuperación non dá chegado aos petos dos cidadáns. Así o certifican cifras e táboas que teiman en botar abaixo as previsións do Goberno e en aprazar unha bonanza que para nada parece preto. 

Os últimos datos son os resultados da enquisa estrutural aos fogares de 2014 que elabora o Instituto Galego de Estatística (IGE). Segundo as cfiras, case unha de cada tres persoas novas está en Galicia en risco de pobreza ou exclusión social, situación á que tamén se enfrontan cada vez máis persoas próximas á idade de xubilación. A taxa subiu na poboación de entre 16 e 24 anos nos últimos anos: 10 puntos desde 2007.

Case seis de cada dez fogares chegan con dificultades a fin de mes e un terzo dos mozos están en risco de pobreza ou exclusión

Ademais, e segundo os mesmos datos, case seis de cada dez fogares galegos teñen dificultades para chegar a fin de mes. Mentres, a porcentaxe de familias galegas que di non ter problemas para rematar o mes baixou por segundo ano consecutivo. Ten isto moito que ver coa precariedade e temporalidade que se está a instalar no mercado laboral galego. Así o certifica tamén o informe presentado neste mes de decembro pola CIG. Realizado a partir dos datos da Axencia Tributaria, conclúe que máis do 30% das persoas con emprego cobra menos de 650 euros, unha situación que afecta especialmente aos máis novos. Entre o 2009 e o 2014, a caída do salario medio das persoas entre 26 e 35 anos foi do 11,7%, fronte a un desenso medio do 2,7% no conxunto da poboación.

E mentres, o paro subiu en Galicia en máis de 3.000 persoas no pasado mes de novembro mentres baixaba no Estado. Ademais, o número de afiliados á Seguridade Social caeu en máis de 2.000. Son 225.158 parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego, 3.066 persoas e un 1,38% máis que en outubro.

En canto aos datos interanuais, baixa moito máis o paro rexistrado do que se incrementa a afiliación á Seguridade Social (23.474 persoas menos en paro fronte a 20.471 afiliacións máis), situación que se explica tamén pola emigración e a retirada do mercado laboral de persoas desanimadas pola falta de oportunidades. Todas as cifras, como acotío nos últimos meses, insisten en reducir o diferencial positivo de Galicia co Estado. 

A taxa de protección dos parados en Galicia é do 26,8%, doce puntos menos que hai catro anos

Respecto da EPA, as últimas cifras do terceiro trimestre deixan o número de parados en Galicia en 222.800, 29.700 menos que no anterior e que deixa a taxa de desemprego no 17,7%, 35.500 persoas menos que hai un ano. Un descenso que pode virar cos datos do último trimestre e que chegou dacabalo da temporalidade, que continuou aumentando. Mentres os asalariados con contrato indefinido se incrementaran  un 0,2%, os que teñen contrato temporal subiron un 13,8%. Ao tempo, tan só un de cada quince mozos galegos en paro percibe algunha prestación mentres que a taxa de protección en Galicia é do 26,8%,12 menos que hai catro anos.

 

A emigración que non se detén

Moitas destas cifras explícanse tamén pola redución da poboación activa e o aumento da emigración. Á falta dos datos definitivos de 2015, no ano anterior marcharon de Galicia unhas 30.000 persoas e 204.000 desde que comezara a crise. De debullar os datos do IGE sobre a diáspora, hai algún especialmente significativo, como o feito de que a emigración galega a Madrid aumentase un 40% na última década ou que o saldo migratorio de Galicia virase negativo desde 2013. Porque os movementos migratorios seguen a ser, ao contrario do afirmado dende instancias oficiais como a Xunta, unha das fontes de perda de poboación do país. 

Galicia é unha das autonomías cos salarios máis baixos e máis de 200 euros por baixo da media estatal

E en que condición está quen queda en Galicia? Pois cos salarios estancados ou en caída. A Enquisa Trimestral de Custo Laboral do INE sinala que o custo salarial total permanece estancado en Galicia dende hai tres anos. De feito, os datos amosan mesmo un descenso no custo salarial medio en Galicia dun 2% en relación a xuño e dun 0,05% con respecto a hai 12 meses.

Ademais, podemos observar que Galicia segue a ser unha das autonomías con salarios máis baixos por traballador/a e tamén por hora traballada. En canto ao custe salarial total, está máis de 200 euros por debaixo da media española (1.602 fronte a 1.810 euros) e só supera á Comunitat Valenciana, Extremadura, Canarias e Castilla-La Mancha. En canto ao salario por hora de traballo, Galicia é cuarta pola cola, só por diante de Estremadura, Canarias e Illes Balears, dous euros por debaixo da media española (12,76 fronte a 14,87).

As cifras, por moitas reviravoltas que deamos, dificilmente alimentan o optimismo. Tampouco as que deberían ratificar a recuperación. O INE revisou hai tan só unha semana os seus datos de crecemento dende comezos de século e ata o último ano completo, o 2014. Este novo balance indica que no pasado exercicio económico só unha comunidade autónoma, Castilla-La Mancha, medrou menos que Galicia, ao ficar cun crecemento interanual do PIB do 0,28% fronte ao 0,44% galego. Ambas estaban, en todo caso, lonxe da media estatal (1,36%) e tamén dos territorios que medraron máis, entre os que se atopan tanto os máis turísticos -caso de Valencia ou Murcia- como os tradicionalmente máis dinámicos economicamente.

Mentres o Instituto Galego de Estatística advirte que o balance deste 2015 será tamén de menor dinamismo económico en Galicia -o ritmo do PIB galego só se aproxima ao estatal pola ralentización deste-, o balance do INE amosa tamén como, durante estes anos, as cifras macroeconómicas se traduciron tamén na economía das familias. Nesta liña, e con datos correspondentes ao ano 2013, a estatística amosa que a renda dos fogares galegos segue a caer, neste caso, 77 euros anuais ata ficar nos 12.885 per cápita e ano, un 91,6% da media estatal e só por riba de Valencia, Canarias, Castilla-La Mancha, Murcia, Andalucía e Extremadura.

Mesmo en 2015, varios datos feitos públicos polo Eurostat, oficina estatística da Comisión Europea, deixaron tamén en moi mal lugar a Galicia. Así, a UE puxo o país como exemplo de destrución de emprego durante a crise

En 2015, a UE puxo Galicia como exemplo de destrución de emprego e evidenciou como a converxencia do país coa renda europea retrocedeu unha década

Eurostat explica que entre 2009 e 2014 a maioría das rexións europeas sufriron importantes movementos no seu mercado laboral, xa fose para incrementar a poboación ocupada, caso por exemplo de todo o territorio de Alemaña e Suecia e a "maioría" do Reino Unido, ou para sufrir unha "contracción no emprego" que foi "particularmente evidente" no Estados do sur, en cuxos territorios se destruíu emprego a "ritmo rápido" durante a pasada media década. Neste contexto, a oficina estatística da UE destaca que en "todas as rexións" de Grecia o emprego caeu por riba dos 5 puntos durante estes anos, e que "tamén se rexistraron reducións desta magnitude en catro rexións españolas", a saber: Ceuta, Castilla-La Mancha, Galicia e Andalucía.

Só uns meses antes, tamén os datos de Eurostat evidenciaban que a converxencia de Galicia coa renda europea retrocedeu unha década. Os datos máis recentes acreditaron un novo retroceso de 4 puntos do PIB per cápita galego a respecto da media da UE, mentres que a Xunta calculara que en 2014 este indicador estaría no 95% e en 2013 xa baixara ata o 83%..

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.