O 2016 comezou no sector lácteo galego dun xeito moi semellante a como rematou 2015: con protestas dos produtores e incerteza no futuro a respecto dos baixos prezos do leite. Malia ás sucesivas minguas dos últimos anos Galicia segue a ser a gran potencia leiteira do Estado tanto en número de granxas, unhas 9.400, como sobre todo en produción, cun promedio de 190.000 toneladas de produto ao mes. No entanto, o agro galego segue a ingresar os prezos máis baixos do Estado pola súa materia prima, unha diferenza que ten un impacto superior aos mil millóns de euros anuais no país.
Pero, que factores influen na configuración dos prezos para que o leite de Galicia sexa o peor pagado? O enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez apunta tres factores esenciais. O primeiro é o tecido industrial: "nos últimos trinta anos produciuse unha concentración das industrias que mercan o leite, o que lles posibilita anular a competencia, pactaren prezos e tirar por este á baixa", explica. A outra peza do crebacabezas é a distribución, que "marca o prezo final e ten o control do consumo", tendo en conta ademais que a facilidade de almacenamento dos cartóns de leite fai que "sexa doadamente empregado como produto reclamo" nas grandes áreas comerciais.
A atomización e escasa dimensión das explotacións alimenta "a febleza" dos gandeiros fronte a industria e distribución
Xunto a industria e distribución, o terceiro compoñente da fotografía é o propio sector produtor, as explotacións. "A característica atomización, a reducida dimensión económica" comparada co resto de elos da cadea "e a febleza fronte a eles no mercado fai que lle sexa imposible, na práctica, vender o produto no mercado a un prezo razoable". Neste punto Óscar Antón Pérez pon o acento tamén no que considera "incapacidade política de fomentar industrias xestionadas directamente polo tecido gandeiro", o que "provoca que o medio rural sexa o máis prexudicado cada vez que existe conflito".
As cifras
Con este pano de fondo os datos máis recentes da Consellería do Medio Rural e do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) indican que o leite galego segue por baixo dos 30 euros por cada 100 litros e que o importe percibido polas explotacións de Galicia continúa, mes tras mes, como o menor de todo o Estado.
En comparación coa media do Estado, detalla Óscar Antón Pérez, "a gandería de leite de Galiza percibe por cada litro un 12,6% menos", isto é, deixa de ingresar uns 4 céntimos por litro. Nunha explotación galega media, que produce unhas 305 toneladas de leite ao ano, nos primeiros dez meses do ano a perda por mor das baixadas de prezos sitúase na contorna dos 457 euros. Cos prezos medios de Galicia e do Estado, conclúe o enxeñeiro, "unha explotación galega está a deixar de gañar arredor de 1.066 euros ao mes a respecto de calquera explotación" do resto do estado. En 10 meses este importe que se deixa de ingresar supera os 10.000 euros, polo que nun ano rolda os 12.000.
O que as explotacións galegas deixan de ingresar equivale case ao 40% do custo do concentrado para alimentar as vacas
Nun contexto no que, destaca, os gastos das explotacións en combustible, amortizacións de maquinaria ou alimento dos animais son "aproximadamente os mesmos que os de calquera outra explotación do resto do Estado", esta situación "deixa as explotacións galegas en clara desvantaxe". Por exemplo: eses 1.066 euros menos nas explotacións galegas "equivalerían ao pago do 37% do concentrado [alimento das vacas]".
O impacto desta circunstancia, salienta, tamén é obvio na "economía global galega". Cos devanditos valores medios o total de ingresos das 9.420 explotacións lácteas galegas supoñen máis de 7.000 millóns anuais. "Se o prezo fose o da media estatal, os ingresos nas explotacións ascenderían" ata acadar uns 9.000 millóns. Así as cousas, conclúe Óscar Antón Pérez, "a diferenza entre cobrar o leite aos prezos de Galiza" ou percibir o que se paga na media estatal "supón unha perda de ingresos para a economía rural galega" duns 1.200 millóns cos prezos do 2015.
Retos de futuro
A xuízo deste enxeñeiro agrícola estas cifras evidencian "os moi importantes retos da gandería de leite" en Galicia. "Algúns -resalta- derivan da súa propia xestión" e "outros teñen que ver con decisións que pouco ou nada teñen que ver" cos gandeiros e gandeiras, "como pode ser a política de prezos ou mercados ou as estruturas agrarias".
Sen medidas que favorezan o cambio de modelo produtivo nas explotacións "o rural estará en loita cada poucos meses"
"A produción leiteira de Galiza" aínda "asenta unha importante cantidade de poboación no rural e contribúe indirectamente" a xerar emprego noutros sectores por mor do seu espallamento xeográfico. "As elevadas dependencias do sector lácteo -afirma- lastran as explotacións" por mor dun "modelo produtivo que tivo pouco en onta a planificación e cantidade de recursos propios" e "introduciu a gandería nunha dinámica de gasto" que "non sempre foi acompañada de medidas políticas e de mercados que a premiasen".
As "inclemencias do mercado" e "de Administracións públicas que non son quen de afrontar dun xeito decidido un problema que require de medidas concretas que freen os abusos do sector industrial e distribuidor" son, actualmente, as principais ameazas para os gandeiros, que ademais deben afrontar un "cambio de modelo produtivo" para o que "precsian sistemas de planificación territorial que faciliten o acceso á terra e controlen os excedentes produtivos". "Sen estas medidas -advirte o rural estará en loita cada poucos meses".