Entre decembro de 2014 e outubro de 2015 Galicia incrementou a súa débeda comercial sanitaria en case 200 millóns de euros, pasando dos 176 aos 372 millóns, duplicando a cifra previa (un crecemento do 110%). Os datos que mes a mes recolle o Ministerio de Facenda amosan que a débeda comercial do conxunto das comunidades autónomas en materia sanitaria é de 7.834 millóns, cun crecemento do 29% no último ano.
Aínda que Cataluña (1.787 millóns), Comunidade Valenciana (1.467 millóns) e Andalucía (1.200 millóns) son os tres territorios que acumulan unha maior débeda, Galicia é -só despois de Murcia- a segunda comunidade na que máis crece a débeda. Pola contra, Navarra, País Vasco, Castela-León, Castela-A Mancha, A Rioxa e Canarias son as seis únicas rexións que reducen os seus números negativos.
Dende a Consellaría de Facenda prevese que a débeda sanitaria se reduza en novembro e decembro
Dende a Consellaría de Facenda advírtese de que a previsión é que a débeda sanitaria se reduza en novembro e decembro. E destácase que, malia a suba experimentada nos últimos meses, a débeda comercial sanitaria de Galicia é case un 20% inferior á media das 17 comunidades autónomas. Sinala, neste senso, que en catro territorios (Murcia, Valencia, Estremadura e Aragón) a débeda sanitaria por habitante duplicaba en outubro á de Galicia.
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) sinala que a "avultada débeda farmacéutica e tecnolóxica xerada en 2015 é especialmente preocupante, xa que reflicte o control da industria sobre as decisións do sistema sanitario". "A cesión da xestión da investigación pública do Sergas á industria farmacéutica e da xestión da alta tecnoloxía ás multinacionais tecnolóxicas, unido á rápida e continuada aprobación de fármacos a prezos cada vez máis estrambóticos para o mesmo proceso, incrementarán aínda máis a débeda sanitaria, o que levará a un círculo vicioso de novos recortes e privatizacións e á insostibilidade do SNS", engade.
En Galicia o orzamento sanitario público reduciuse nun 18.3% desde 2009, sendo a comunidade que fixo o recorte máis severo
De igual xeito, para a Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública, á que pertence a AGDSP, o constante crecemento da débeda nos últimos meses é o resultado da combinación de tres factores: os orzamentos reducido e insuficientes, os recortes e a política privatizadora das Comunidades Autónomas. En Galicia, de feito, o orzamento sanitario público reduciuse nun 18.3% desde 2009, sendo a comunidade que fixo o recorte máis severo.
A entidade conclúe que "cada día é máis evidente a necesidade dun cambio de rumbo na política sanitaria e no goberno de Galicia"
A AGDSP afirma que aos 372 millóns de débeda acumulados nos dez primeiros meses de 2015 en Galicia "haberá que sumar os máis de 500 de débeda anterior" e "os compromisos anuais das súas innecesarias e desastrosas privatizacións: 72 millóns/ano do canon do hospital de Vigo, 75 millóns/ano do concerto con Povisa e as custosas externalizacións de servizos sanitarios e non sanitarios". A entidade conclúe que "cada día é máis evidente a necesidade dun cambio de rumbo na política sanitaria e no goberno de Galicia".