O cerco levanta o seu campamento, pero manterá a mobilización

Acto de peche do campamento do sector do cerco, este domingo © @Benito_Portela

A Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga), colectivo maioritario do sector, puxo fin este domingo ao campamento que dende había tres meses mantiñan instalado fronte á sede da Xunta, en Compostela. Este luns os barcos volverán ao traballo, pero mariñeiros e armadores advirten de que manterán as protestas e a mobilización, xa que desde a asociación de armadores insisten en que seguirán reclamando unha repartición xusto de cotas, liñal, por barco e tripulante e sen que as capturas históricas sexan o principal criterio.

O acto simbólico co que se pechou o campamento comezou ás 12 do mediodía coa lectura de dous comunicados, un a cargo do presidente de Acerga, José Blanco, que salientou que "sen xustiza non haberá supervivencia", e outro a cargo dunha das portavoces das mulleres do cerco, Lucia Olveira.

Na súa intervención, José Blanco afirmou que "este campamento foi o símbolo dá nosa loita por un reparto xusto para todos" e denunciou que "as administracións crearon un problema onde non o había, pecháronse nos seus despachos e miraron para outro lado, as veces que nos deixaron entrar a falar, foi para dicirnos que non tiñamos razón e que estaba todo ben". "Decidimos vir terra dentro e acampar diante dous seus despachos para que pasasen vergonza cada vez que mirasen pola fiestra", dixo.

"Voltamos ao mar, pero non deixamos a nosa loita, e mais pronto que tarde o imos conseguir. Porque cando as causas son xustas, os tempos para arranxar as situacións inxustas son curtos", engadiu. "Sei que o final desta loita está preto. Tras tres meses aquí, cos seus dias e as súas noites, levamos moitas batallas ganadas (trouxemos máis cotas, fixemos publico un problema que moitos se empeñaron en agochar...), pero a vida do mariñeiro é o mar. Agora a loita entra nos despachos, onde algúns tentaron afastala durante máis de dous anos", concluíu

"Agora tócalles ás mulleres", foi unha das ideas máis repetidas no acto; as donas dos armadores de Acerga van seguir traballando "para informar a sociedade galega e española da problemática que atravesa a nosa flota e para iso desenvolverán unha serie de actos informativos e reivindicativos durante os vindeiros meses". Este venres pola noite o campamento acolleu a derradeira cea, e ao seu remate os e as participantes saíron en procesión levando candeas acesas co emblema eu vivo do mar, que foron depositadas na capela do Carme, que se atopa a 600 metros de San Caetano.

Malia non estaren conformes nin confiar nunha medida que os satisfaga polo momento, Acerga asegura que a oferta da Consellería do Mar de establecer un mínimo de 10.000 quilos para os barcos máis pequenos que permita ir incrementando a cota segundo as toneladas de arqueo (GTs) de cada embarcación é un primeiro paso para intentar lograr máis adiante un acordo máis favorable para a inmensa maioría do sector do cerco en Galicia. "Logramos unha pequena vitoria porque a Xunta recoñeceu que algo falla cando non se lle concede aos barcos cota para pescar e se mantén este sistema, pero tampouco se trata de gañar unha guerra para acabar todos arruinados", explican desde Acerga. Así, Andrés García, un dos voceiros, aclara que "non se pode deixar de traballar máis tempo", xa que, como explica, "a situación de moitos armadores é crítica", así como a de moitos mariñeiros, redeiroa e de traballadores que viven tamén indirectamente do sector.

Sindicatos como CIG ou CC.OO. participaron no acto celebrado este domingo. Comisións esíxelle ao Goberno galego que "aposte polo mantemento da actividade e do emprego no noso sector pesqueiro" e que "non permita que ningún barco da nosa frota en condicións para traballar quede sen facelo por non ter cota histórica". A central mantén a súa oposición "a un sistema de transferibilidade que supoña a privatización dun recurso público" e reclama "a apertura inmediata" da mesa de negociación para o Plan de xestión do caladoiro do Cantábrico Noroeste entre o Goberno galego e as organizacións empresariais e sindicais.

Imaxe da 'última cea', celebrada este sábado no campamento © Eu apoio o cerco de Galicia
Intervención de Lucía Olveira en representación das mulleres © @PiliCancela
Acto de peche do campamento, este domingo © Asociación de Armadores de Cerco de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.