Marzo de 2014, 32 millóns. Xuño de 2015, 31 millóns. Decembro de 2015, 31.3 millóns. Dende que en 2013 se fusionaron os catro entes provinciais de xestión do solo, o Goberno transferiulle máis 94 millóns de euros a Xestur. A empresa pública acumula unha débeda de case 200 millóns (194 millóns, segundo reflicten os orzamentos da Xunta para 2016), unha débeda a longo prazo que chegou a ser maior, rexistrando o pasado ano unhas obrigas de 239 millóns ata o 2021. Outra das cifras que definen a Xestur é a dos metros cadrados de solo industrial que aínda ten sen vender, ao redor de dous millóns.
A empresa pública acumula unha débeda de case 200 millóns
A nova inxección económica levada a cabo polo Instituto Galego de Vivenda e Solo busca reducir a débeda que a empresa ten coas entidades bancarias e implica ao mesmo tempo un incremento da participación que a Xunta ten na empresa pública, pasando do 92,3% ao 95%. Redúcese, pola contra, a participación da deputacións provinciais, que antes desta transferencia sumaban case un oito por cento (4,05% A Coruña, 2,22% Lugo, 1,02% Ourense e 0,34% Pontevedra) e agora fican no 5%. Chama a atención, neste senso, como recolle Economía Digital, que os entes provinciais non foron informados da operación. A Deputación de Lugo xa anunciou hai uns meses a súa intención de vender a súa participación na compañía.
Xestur é responsable dunha parte significativa da débeda pública galega e acumula estes problemas dende a pasada década, cando funcionaba a través de catro xestures provinciais, participadas maioritariamente polo Goberno galego. A elevada débeda destas entidades e a súa dificultade para vender o stock de solo que posuían xa obrigara neses anos a que algunha das deputacións (coma a de Pontevedra en 2009) tivese que inxectar fondos para evitar a súa quebra. A finais de 2012 iniciouse un proceso de fusión que foi completado o 1 de xaneiro de 2014 coa creación de Xestión de Solo de Galicia Xestur, S.A., que implicou un aforro de 4,8 millóns de euros en gastos de funcionamento, segundo a Xunta.
En 2014 sumaba 2,8 millóns de metros cadrados de parcelas industriais sen vender
Se en 2009 as catro xestures provinciais sumaban 118 millóns de euros de débeda (A Coruña 43 millóns, Ourense 19, Pontevedra 17 e Lugo 16), a crise económica e o estoupido da burbulla inmobiliaria non fixo máis que empeorar. A nova Xestur unificada nacía cunha débeda de 239 millóns de euros ata o ano 2021 e un moi reducido ritmo de venda do seu solo acumulado: 2,8 millóns de metros cadrados de parcelas industriais sen vender, dúas de cada tres situadas na provincia da Coruña. O PP culpa da situación á xestión realizada polo goberno bipartito, que levou a cabo a través de Xestur iniciativas coma o parque ofimático da Coruña, Valdecorvos (Pontevedra), a Plisan de Salvaterra-As Neves, O Bertón (Ferrol) e As Gándaras e Garabolos (Lugo).
Aínda que o nivel de venda se incrementou ao longo de 2015, os problemas seguen aí, e a empresa mantén aínda unha cantidade moi importante de parcelas sen vender, a pesar de que nos últimos dous anos reduciu enormemente os prezos, para animar a empresas realizar estes investimentos.