0 Gardados para despois

Máis dunha explotación láctea pechada ao día e dez céntimos por litro menos que hai dous anos

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Un reflexo da situación das granxas galegas. As cifras reafirman a grave crise pola que pasan os gandeiros galegos, un horizonte escuro á espera de solucións e que vén de lonxe. O último informe da COAG (Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros) baseado nas estatísticas do Ministerio de Agricultura revela o estancamento da produción de leite e o acentuado descenso dos prezos en Galicia, que volve liderar case todos os ránkings negativos. 

Os datos revelan o estancamento da produción en Galicia e o acentuado descenso dos prezos

O documento (Del aterrizaje suave al aterriza como puedas) sinala como Galicia é a comunidade na que menos aumentou a produción entre novembro de 2013 e o mesmo mes de 2015. Malia que en todas as autonomías se rexistrou un incremento, no país foi dun 4,8% fronte ao case 7% de suba media estatal e os aumentos de entre o 12 e o 15% en territorios menos con menor tradución produtora como Navarra, Andalucía ou Castilla-La Mancha. Xa que logo, Galicia perde peso malia manterse aínda como a principal autonomía produtora do Estado, co 40% do total. 

Parte da explicación, segundo os sindicatos, reside en que coa desaparición das cotas as industrias priorizaron a recollida nas zonas próximas a grandes áreas de consumo, o que explicaria os elevados incrementos en Navarra ou Andalucía. 

Galicia é a autonomía onde menos aumenta a produción e onde máis baixaron os prezos nos últimos dous anos

En canto aos prezos pagados polo litro de leite, Galicia encabeza a listaxe negativa ao ser a comunidade autónoma onde máis baixou o importe, cunha caída do 26,4% no mesmo período fronte ao descenso medio estatal do 20,1%, ao pasar dos 38 céntimos aos 31. Nas explotacións galegas, a baixada foi dos 39 céntimos que se pagaban en novembro de 2013 aos 28,7 céntimos de media que se pagan agora. Máis de dez céntimos de diferenza en dous anos, o contraste entre cobrar cinco céntimos máis do custo de produción a percibir cinco menos. Entre a sustentabilidade ou a ruína. 

Unha ollada á evolución dos prezos pagados ao produtor por territorios no Estado amosa como Galicia mantense como a autonomía cos importes máis baixos desde xuño de 2014, hai xa máis de ano e medio, e cun descenso constante só compensado por lixeiros repuntes aínda insuficientes desde o pasado verán e que as organizacións agrarias atribúen a casos conxunturais e non aos efectos dun acordo lácteo que consideran "un fracaso". 

As explotacións galegas cobran dez céntimos menos por litro que hai dous anos e hai 474 granxa menos que hai un ano

De feito, os últimos datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) sinala que en decembro de 2015 os prezos pagados en Galicia situáronse nunha media de 28,8 céntimos, moi por debaixo aínda do custo de produción, tres menos que o importe do conxunto do Estado e lonxe de autonomías como Andalucía, onde as granxas cobran case seis céntimos máis por litro. 

Os baixos prezos e a falta de expectativas provoca o peche diario de explotacións en Galicia, onde actualmente son 9.132 as granxas que venden o leite dos seus animais ás industrias fronte ás 9.606 de hai un ano. Son 474 menos, o 68,6% do total de explotacións que tiveron que pechar no conxunto do Estado. Máis de unha explotación fechada en cada xornada do ano. 

Mentres, tanto COAG como as organización s agrarias galegas e a propia Plataforma na Defensa do Sector Lácteo Galego insisten na ineficacia dun acordo lácteo que segue a basearse na boa vontade das empresas. Logo de que as protestas dos gandeiros acadasen os compromisos dos incrementos nos prezos dos cartóns de leite, o traslado destes aumentos ás granxas por parte das industrias está a ser máis complicado.

Lactalis comprométese a trasladar o aumento no prezo do leite aos gandeiros tras as ameazas de boicot

Lactalis está no punto de mira ao ser unha das principais firmas que se nega a trasladar esa suba e a Plataforma xa iniciou as protestas e ameazou cun "duro boicot" contra o grupo francés. Ante as advertencias e os anuncios de sinalar ante os consumidores as marcas que non se deben comprar, a empresa francesa tería aceptado pagar xa o incremento no prezo na liquidación do leite entregado no mes de xaneiro, aínda que este acordo aínda non foi confirmado oficialmente pola compañía, unha das que máis produto recolle en Galicia. 

Descenso nos prezos do leite 2013-2015

Valores porcentuais

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.