Galicia ten 25.000 empregos menos tras catro anos de reforma laboral

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

A reforma laboral do Goberno Rajoy vén de cumprir catro anos. Presentada en febreiro de 2012 como unha das "reformas estruturais" clave para a "recuperación económica" e a xeración de "emprego de calidade", o proxecto que o propio ministro de Economía, Luis de Guindos, chegou a cualificar como "extraordinariamente agresivo" tivo en Galicia unha influencia dispar nos diversos indicadores do mercado laboral. Catro anos despois o país ten menos paro, pero tamén unha poboación activa máis cativa e, sobre todo, case 25.000 empregos menos, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA).

A redución do paro é superior ás 43.000 persoas, pero neste período tamén se reduciu o emprego

A EPA do primeiro trimestre de 2012, no que se aprobou a reforma, indicaba que en Galicia tiñan traballo 1,06 millóns de persoas e estaban paradas 265.900, o que sumaba unha poboación activa -agregación de persoas que traballan e buscan traballo- de 1,32 millóns de mulleres e homes. A última EPA dispoñible, a do derradeiro trimestre de 2015, indica que as persoas desempregadas son 43.200 menos que daquela, pero isto non se traduciu en postos de traballo. Ben ao contrario, o estudo cuantifica 24.500 persoas ocupadas menos.

Tras catro anos de reforma as persoas ocupadas a xornada completa son 37.300 menos e a xornada parcial, 12.800 máis

Un dos aspectos máis críticados da reforma laboral, a "flexibilidade" que se traducía, a xuízo de oposición e sindicatos, en maior precariedade, ten tamén o seu reflexo nos datos do mercado laboral galego. Así, no que atinxe á duración da relación laboral entre as persoas ocupadas e as empresas nas que traballan, destaca o incremento das contratacións de entre dous días e un mes e as de entre 1 e 3 meses. Tamén aumentaron as relacións laborais de entre 4 e 6 meses, que seguen a ser as maioritarias, e fixérono en menor medida as de entre 1 e 2 anos e as superiores a 3. Mentres, reducíronse as persoas que din estar traballando dende hai entre 2 e 3 anos.

Xunto á temporalidade, outro dos indicadores de precariedade no emprego, a incidencia das xornadas parciais fronte ás completas, tamén experimenotu un notable aumento. Así, o Instituto Galego de Estatística (IGE) recollía en 2012 que 928.200 persoas traballaban con xornada completa e 128.800, a tempo parcial. Tras catro anos de reforma laboral, as persoas ocupadas a xornada completa son 37.300 menos e as que teñen xornada parcial, 12.800 máis.

Paro rexistrado, afiliacións e contratos

Xunto á EPA, estudo homologado internacionalmente para avaliar o mercado laboral, outra das fontes para facelo son os datos de inscricións nas oficinas de emprego e mais na Seguridade Social, que durante a crise económica adoitaron ser máis favorables que os da Enquisa de Poboación Activa. Neste caso, en xaneiro de 2016 figuraban inscritas no paro 45.867 persoas menos que en febreiro de 2012, cando se aprobou a reforma. No entanto, as afiliacións á Seguridade Social, os empregos, só medraron en 4.616.

Os datos do Servizo Público de Emprego tamén permiten concluír que, cando menos de momento, non se cumpriu nin de lonxe un dos obxectivos enunciados pola ministra de Emprego, Fátima Báñez, na presentación da reforma: a loita contra a "dualidade" do mercado laboral, isto é, contra a proliferación dos contratos temporais fronte aos indefinidos. 

Os únicos contratos que descenderon entre 2012 e 2015 en Galicia foron os indefinidos

Así, entre 2012 e 2015 os únicos contratos que descenderon foron os indefinidos, pasando de máis de 53.000 rexistrados hai catro anos a uns 40.100 en 2015, un descenso superior ao 24%. Mentres, os contratos que máis proliferaron nestes anos foron uns dos máis incentivados pola reforma, os de formación, aumentano de 5.200 a case 12.000 (máis dun 127%). Os contratos de prácticas tamén experimentaron un incremento semellante e, aínda que en menor medida, tamén se rexistraron máis contratos eventuais, de obra e as interinidades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.