A folga do transporte de residuos, adiada ata o mércores, pode provocar "serios problemas de salubridade"

Concentración dos traballadores de Transportes Pellejero © CIG

"Ou na nova concesionaria se manteñen todos os postos de traballo e nas mesmas condicións ou imos á folga". Con esta rotundidade expresa Inácio Pavón (CIG) a posición dos 68 traballadores da empresa Transportes Pellejero e Hijos S.L –concesionaria do transporte de residuos de SOGAMA-, que poden perder os seus empregos como consecuencia da nova adxudicación do servizo. O problema é que a plica do concurso da nova contrata non recolle a obriga da subrogación destes empregos, polo que o 1 de marzo estes traballadores poderían quedar na rúa.

As condicións na nova concesionaria serían "infinitamente inferiores" ás actuais, con descensos de salario de ata o 50%

Hai uns días anunciaron a convocatoria dunha folga indefinida, que comezaría este martes. De momento, o inicio do paro foi adiado 24 horas (ata o mércores ás doce da noite) mentres se levan a cabo xuntanzas para achegar posicións e mellorar as condicións ofrecidas pola nova empresa concesionaria. Na tarde deste luns persoal e empresa manterán unha nova reunión no Consello Galego de Relacións Laborais.

Dende a CIG sinálase que aínda que non está recollido nas condicións da nova adxudicación, unha parte dos traballadores si serían "serán contratados de novo, xa que o servizo ten unhas características particulares", porén subliña que as súas condicións serían "infinitamente inferiores" ás actuais, con descensos de salario de ata o 50%. Pavón sinala que as condicións ofrecidas pola nova adxuducataria -Copasa- "supoñen na práctica aproveitar un concurso público para reducir e precarizar os empregos actuais". E reitera o compromiso de todo o persoal de non aceptar ofertar parciais, esixindo a subrogación de todos os contratos e o mantemento das actuais condicións.

O persoal é consciente de que a folga só tería efectos durante 15 días, pero no caso de non haber acordo as mobilizacións irían moito máis aló

A nova adxudicataria do servizo, durante os vindeiros 10 anos, é unha unión temporal (UTE) da construtora ourensá Copasa e a pública Renfe, que se fixeron cun contrato valorado en 131 millóns de euros máis IVE. O prego de cláusulas di textualmente que “o persoal necesario para a execución do contrato dependerá exclusivamente da entidade adxudicataria [...] sendo Sogama de todo allea ás referidas relacións”. O máximo responsable das condicións do contrato foi Luis Lamas, que tivo que dimitir a comezos de 2015.

Este venres o Diario Oficial de Galicia publicou uns servizos mínimos da folga do 55%. Se o paro agora convocado se prolonga moito tempo, pode acabar repercutindo nas rúas das vilas galegas. A capacidade de almacenamento temporal das 37 plantas de transferencia existentes por toda Galicia podería verse superada ao non poder dar saída ao lixo cara Sogama, o que á súa vez pode obrigar aos concellos dependentes desas plantas a reducir o ritmo ou o volume de recollida das súas rúas. Segundo a Xunta, “a parada da actividade provocaría o colapso na recollida dos residuos a nivel autonómico que, no mellor dos casos, tardaría días en corrixirse, o que, sen lugar a dúbidas, pode provocar serios problemas de salubridade e ambientais a nivel autonómico”.

Está convocada unha manifestación para o vindeiro domingo 21, que partirá da Alameda de Ordes

Está convocada unha manifestación para o vindeiro domingo 21, que partirá da Alameda de Ordes ás 13 horas. Pavón advirte de que aínda que o persoal é conseciente de que a folga só tería efectos durante 15 días (ata o 1 de marzo que se inicia o novo contrato), no caso de non haber acordo, as mobilizacións irían moito máis aló. "Isto converteríase nun conflito político, no que os culpables serían o PP, o Goberno da Xunta e Sogama". O persoal acusa neste senso o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, de manter unha actitude "insultante e provocadora" critican que non aparecera por unha xuntanza que el mesmo convocara, unha postura que para Pavón e "impresentable por parte do representante dun ente público".

Camión da empresa que ata agora viña dando servizo a Sogama © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.