A economía galega medrou no ano 2015 un 2,1%. Este dato, significativo en si mesmo, supón ademais que por primeira vez dende a chegada do actual Goberno galego, a previsión de avance do Produto Interior Bruto (PIB) do país cadrou coa realidade, toda vez que a diferenza entre o dato real e o previsto como base para elaborar os Orzamentos Xerais do pasado ano foi de apenas unha décima e, ademais, a corrección foi á alza: a economía avanzou 0,1 puntos máis do que a Xunta prevera.
A economía galega medrou un 2,1% en 2015 e a Xunta prevera un 2%
Este dato chega despois de que en 2014 o crecemento do PIB galego fose a metade do previsto pola Xunta e tras unha serie de erros sucesivos. A ocasión na que o Goberno Feijóo estivera máis preto ata o momento de atinar nas súas previsións fora en 2013, pero daquela o escenario non era de crecemento, senón de recesión. A proxección do Executivo para ese ano era do -0,9% e rematou sendo do -1%. En 2012 a Xunta augurara un avance do 1,1% e o que realmente houbo foi un retroceso do 2%, en 2011 prevía medrar un 1% e Galicia decreceu un 0,5% e en 2010 o crecemento foi tres décimas maior ao proxectado.
A diferenza negativa entre Galicia e España incrementouse en 2015
Alén do acerto nesta previsión, no que o Goberno galego segue sen acertar é na súa aposta por converxer economicamente cos datos medios do Estado. Ben ao contrario, dende que as economías galega e española abandonaron a recesión a fenda negativa mantense e mesmo alárgase un chisco: durante 2015 a economía española creceu un 3,2%, isto é, 1,1 puntos máis que a galega, mentres que en 2014 a disparidade fora dun punto. Nos últimos dous anos seguidos con crecemento, 2007 e 2008, Galicia medraba 1,1 puntos e 4 décimas máis que España, respectivamente.
Malia á diferenza co Estado a avaliación que a Xunta realiza destes datos é netamente optimista. Así, ven no avance do PIB unha mostra de "crecemento sólido" cun dato anual que, subliñan, é "o mellor comportamento dende 2007. Os datos da contabilidade trimestral publicados polo Instituto Galego de Estatística sérvenlle tamén á Xunta para afirmar que "se está a consolidar a mellora do mercado laboral en Galicia", aínda que a EPA vén de reflectir que a poboación activa galega segue a minguar. Igualmente, aplauden o crecemento do gasto en consumo dos fogares, que foi dun 2,3% durante o pasado ano.