As oficinas de emprego galegas só logran o 4% dos traballos que atopan as persoas en paro

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Na primavera de 2014, cando os datos laborais referentes a Galicia ofrecían algúns dos peores diagnósticos de toda a crise, o presidente da Xunta cuestionaba o efecto desánimo que leva a parte da persoas en situación de desemprego a non renovar a súa alta nas oficinas de emprego, especialmente cando fican sen prestación. "É difícil atopar un traballo se non amosas interese en conseguilo", sentenciou daquela Alberto Núñez Feijóo, para quen igual que "é imposible conseguir unha operación cirúrxica se alguén non está anotado na lista de espera dun hospital", é complicado dar cun posto de traballo sen ter unha inscrición activa no antigo INEM. Tanto antes como, moi especialmente, durante a crise, os datos desmenten a ligazón entre inscrición na oficina de emprego e posibilidade de saír do paro.

Das máis de 289.000 baixas por colocación rexistradas durante 2015, apenas 10.500 tiveron na súa orixe unha oferta de traballo tramitada polo Servizo Público

Os datos máis recentes indican que das máis de 289.000 baixas por colocación rexistradas durante o ano 2015 que tiveron como causa unha colocación, poucas máis de 10.500 tiveron na súa orixe unha oferta de traballo chegada ou xestionada dende a oficina de emprego. Isto supón, polo tanto, que apenas o 4% das persoas que saíron da lista do paro para traballar en Galicia durante o pasado ano puideron facelo grazas á intermediación directa do Servizo Público de Emprego. Ou, o que é o mesmo, que o 96% destas colocacións se produciron grazas ás xestións realizadas por conta das persoas desempregadas.

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, as colocacións logradas polo Servizo Público aumentaron un chisco a respecto de 2014, pero aínda está lonxe de niveis previos á crise, cando as oficinas de emprego chegaron a atopar case o 20% dos empregos que deron lugar a baixas nas listas do paro. Como é obvio, estas cifras non se poden traducir automaticamente en redución do paro, toda vez que non todas as baixas computadas durante un ano corresponden a persoas diferentes.

Estes números danse nun contexto no que, durante o ano 2015, algo menos do 60% das baixas nas oficinas de emprego se deberon a atopar traballo. Un terzo das baixas foron por non renovación da demanda e o 9% restante, por "outras" causas, caso por exemplo das persoas que pasan a seguir cursos de formación. O indicador das baixas por colocación mellorou en tres puntos a respecto de 2014 e en 8 con relación 2012 e 2013. Mentres, o epígrafe "outras" mantense invariable en termos porcentuais dende 2012.

Vía libre e subvencións ás axencias privadas

Nos últimos anos os gobernos galego e español aumentaron os permisos e achegas económicas ás axencias privadas de colocación

As evidentes deficiencias das oficinas de emprego como vía para atopar traballo non foron compensadas nos últimos anos con medidas de reforzo do Servizo Público, senón que os gobernos galego e central ampliaron a marxe de manobra e as axudas para as axencias privadas de colocación, caso das empresas de traballo temporal (ETT). Así, a reforma laboral de 2012 abriu a porta a que as oficinas públicas subcontratasen os seus servizos coas ETT e pouco despois, en 2013, o Goberno de España aproveitaba un paquete de medidas sobre emprego na mocidade para permitirlles a estas empresas a única restrición que tiñan en materia de contratación: a realización de contratos de aprendiz.

Unha vez alargadas as funcións das axencias privadas, o Ministerio de Emprego puxo sobre a mesa ata 200 millóns de euros para sufragar os postos de traballo que puidesen atopar as grandes compañías do sector -esixíaselles ter un volume medio de negocio anual de 100.000 euros-. O departamento de Fátima Báñez estipulou que estas empresas poderían recibir ata 3.000 euros por proporcionarlle a unha persoa desempregada un contrato de tres meses e, no caso de Galicia, a Xunta decidiu financiar o pasado xullo con 4,9 millóns de euros o pagamento ás axencias privadas de entre 200 e 1.700 euros por persoa colocada.

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.