Condenada unha construtora do AVE por usar traballadores como indefinidos e logo despedilos como temporais

Rajoy e Pastor o pasado agosto nun dos dous túneles de Prado, no que obreiros traballaran de xeito irregular © Ministerio de Fomento

Vías y Construcciones, filial de ACS, presidida por Florentino Pérez, contratou operarios para un treito concreto, fíxoos traballar tamén noutros lugares e despediunos por fin de obra de xeito improcedente cando xa debían ser considerados traballadores indefinidos da empresa. Así o din polo menos oito sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pronunciadas entre novembro e febreiro que ratifican outras tantas condenas emitidas previamente por catro xulgados do Social de Ourense. As sentenzas relatan como a empresa tentou aproveitar o deseño aos anacos que fixo Adif das obras do AVE á Meseta.

As sentenzas relatan como a empresa tentou aproveitar o deseño aos anacos que fixo Adif das obras do AVE á Meseta

Segundo as sentenzas do TSXG, Vías y Construcciones resultou adxudicataria por 82,6 millóns de euros do treito Ponte Ambía-Taboadela, para cuxa execución contratou, a fins de 2011 e principios de 2012, a varios operarios por obra e servizo.  Posteriormente Adif adxudicou a través de outros dous contratos distintos outro treito, o dos dous túneles paralelos de Prado, que acabaron, no caso do túnel dereito, en mans da unión temporal de empresas (UTE) formada por Vías y Construcciones, Torrescamara y Vimac por 123,2 millóns; e no caso do túnel esquerdo, da UTE formada por Dragados (tamén do grupo ACS) e Tecsa por 64,7 millóns. Ambas UTE, á súa vez, subcontrataron para realizar parte das obras a Vías y Construcciones, que entre finais de 2012 e principios de 2013 destinou a eses traballos nos dous túneles de Prado aos operarios que xa viñan traballando por obra e servizo no antedito treito Ponte Ambía-Taboadela desde un ano antes.

Os operarios foron despedidos por fin de obra, pero tanto os xulgados do Social de Ourense como o TSXG consideran que xa debían ser considerados traballadores indefinidos da empresa, que os viña empregando en tres obras distintas desde máis de tres anos antes

A principios de 2015 os operarios foron despedidos por fin de obra, pero tanto os xulgados do Social de Ourense como o TSXG consideran que xa debían ser considerados traballadores indefinidos da empresa, que os viña empregando en tres obras distintas desde máis de tres anos antes, e que polo tanto foron despedidos de xeito improcedente. Segundo os tribunais, “só pode acudirse a este tipo de contrato [por obra e servizo] cando a obra e servizo teña autonomía ou substantividade propia dentro da actividade da empresa, pero non cando se trata da realización habitual e ordinaria das tarefas que constitúen a actividade empresarial”.

Hai unha obra chamada “Túnel de Prado vía esquerda” e outra denominada “Túnel de Prado vía dereita”. Igual que hai un treito “Vilariño-Campobecerros vía esquerda” e outro “Vilariño-Campobecerros vía dereita”

“Produciuse unha conduta máis grave sequera como é a de que o actor fose destinado de xeito indistinto en ambas obras, a segunda e a terceira”, engade o TSXG, en referencia aos dous túneles paralelos de Prado. Revela así o tribunal como a empresa tentou aproveitarse do deseño fragmentario, aos anacos, que fixo Adif das obras do AVE á Meseta, cando decidiu que nuns 50 quilómetros da liña ao seu paso polo macizo central ourensano, onde están os principais túneles, as obras se licitasen por separado para as vías esquerda e dereita. Así, hai unha obra chamada “Túnel de Prado vía esquerda” e outra denominada “Túnel de Prado vía dereita”. Igual que hai un treito “Vilariño-Campobecerros vía esquerda” e outro “Vilariño-Campobecerros vía dereita”. Ou “Túnel do Espiño vía esquerda” e “Túnel do Espiño vía dereita”.

Pero Vías y Construcciones obviou esa diferenza. “No desenvolvemento do traballo, o actor prestaba os seus servizos indistinta e simultaneamente na vía dereita e na vía esquerda do túnel de Prado, en función das circunstancias tales como voaduras, etc.”, di o TSXG. Os xuíces relatan como a empresa tentou ampararse en que denominou a obra como “túnel de Prado”, sen identificar en cal dos dous subterráneos paralelos ían traballar, cando en realidade eran dúas obras independentes, entregadas por Adif a dúas adxudicatarias distintas que, á súa vez, coincidiron en subcontratar á mesma Vías y Construcciones, coa que ambas UTE tiñan vínculos empresariais. Para o TSXG “esa falta de precisión, aparte de descoñecida polo traballador, non pode quedar impune, pois con ese cambio de obra identificada en tales condicións aquel podía ser destinado a calquera obra identificada como Túnel de Prado”.

A empresa utilizou os servizos do traballador como se dun traballador fixo de plantel se tratase; isto é, destinándoo a aquelas obras ás que tivo por conveniente, en función das súas propias necesidades produtivas xerais

Segundo o tribunal, que se expresa en similares termos para os oito contratos analizados, “todas esas irregularidades supoñen que a contratación temporal efectuada deba considerarse fraudulenta, pois as condutas descritas determinan que a empresa utilizou os servizos do traballador como se dun traballador fixo de plantel se tratase; isto é, destinándoo a aquelas obras ás que tivo por conveniente, en función das súas propias necesidades produtivas xerais, e non en función da concreta obra para a que fora contratado ou cambiado”. Así pois, as sentenzas consideran improcedentes os despidos e condenan a Vías y Construcciones a que readmita aos traballadores aboándolles os salarios que deixaron de percibir desde os despidos, ou ben a que os indemnice por esas rescisións.

“Non facemos ningún comentario ao respecto”, sinalou un responsable da empresa Vías y Construcciones ao ser contactado por este medio para coñecer a súa versión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.