Novidades da Renda 2016: Baixada de tipos, poucas axudas por nacemento e menos deducións por alugueiro

Oficina da Axencia Tributaria © Agencia Tributaria

Este mércores 6 de abril comeza unha nova campaña da renda, que chegará ata o 30 de xuño, data límite para presentar a declaración do IRPF. A partir de hoxe pódese solicitar o borrador da declaración e confirmalo a través de Internet. Tamén dende hoxe están dispoñible os datos fiscais dos e das contribuíntes. Xa o 4 de maio iniciarase o servizo de petición de cita previa para axuda e atención en oficinas da axencia tributaria e dende o 10 de maio poderá presentarse a declaración en papel de maneira presencial. O 25 de xuño será o último día para a presentación do borrador e a declaración da renda con resultado a ingresar con domiciliación bancaria. O 29 de xuño será o derradeiro día para solicitar cita previa. E o 30 de xuño será a última oportunidade para presentar as declaracións (agás as que teñan resultado a ingresar con domiciliación).

A partir de hoxe pódese solicitar o borrador da declaración e confirmalo a través de Internet

A campaña da renda deste ano presenta algunhas novidades importantes, e algunhas refírense xa ao método para a presentación e xestión das declaracións. A Axencia Tributaria lanza unha nova plataforma online, Renta Webcoa que "axilizar a tramitación das declaracións". Este nvo portal unifica o borrador e o programa PADRE nunha única aplicación, á que tamén se pode acceder dende dispositivos móbiles. Ademais, a presentación por vía telemática co programa PADRE tamén se realiza agora a través de Renta Web.

A Axencia Tributaria lanza unha nova plataforma online, Renta Web, que unifica o borrador e o Programa Padre

As restantes novidades, produto da reforma fiscal aprobada polo Goberno, inciden xa no que pagamos e no que o Estado recada a través deste imposto. A diferenza dos tres anos anteriores, nesta ocasión hai menos treitos (pasan de 7 a 5) e redúcese o tipo impositivo, é dicir, a porcentaxe dos ingresos que cada persoa debe achegar á caixa común. Baixan para as persoas con salarios máis reducidos (do 24,75% ao 19,5%) e tamén os que gañan máis (o tipo máximo pasa do 52% ao 46%). 

Aínda que o Goberno central destacou que cada cidadán tería cada mes unha media de 15 euros máis no peto, isto é así porque mentres algúns (as rendas máis baixas) non notarán beneficio ningún ou este será moi reducido, as rendas máis altas e as grandes fortunas (a rebaixa fiscal tamén se aplica ás rendas do aforro) si percibirán un grande incremento dos seus ingresos. En primeiro lugar, a rebaixa fiscal non beneficiará en absoluto ás persoas que ingresan menos de 12.000 euros brutos anuais. Na actualidade ao redor do 45% dos declarantes galegos teñen cada ano un ingreso inferior a esa cantidade, segundo datos da Axencia Tributaria, polo que a medida do Goberno non lles afecta positivamente. Son as rendas por riba dos 30.000 euros anuais as que notarán de verdade os efectos da rebaixa fiscal; porén, os galegos que gañan máis desa cantidade cada ano son pouco máis dun 13%.

A diferenza dos tres anos anteriores, nesta ocasión hai menos treitos (pasan de 7 a 5) e redúcese o tipo impositivo, é dicir, a porcentaxe dos ingresos que cada persoa debe achegar á caixa común

Outras novidades son introducidas polas medidas adoptadas polo Goberno galego. O pasado mes de outubro, no derradeiro debate de política xeral da lexislatura Alberto Núñez Feijoo anunciou unha baixada de impostos "sen precedentes", a tempo para o ano no que se celebrarán eleccións ao Parlamento galego, e que foi moi criticada polos técnicos de Facenda agrupados en Gestha. A Xunta aprobou unha redución do treito autonómico do IRPF que sitúa a nosa comunidade -xunto con Madrid- como o territorio cunha menor carga impositiva. De igual xeito, no imposto de Sucesións, o Goberno galego elevou a 400.000 euros o mínimo exento de tributación. E o imposto de sociedades tamén se recortou dende o 28% ao 25%, no marco desta rebaixa xeral.

Quen está obrigado a facer a declaración? Deben presentala aquelas persoas que cobren máis de 22.000 euros dun único pagador. Así mesmo, se o contribuínte ten varios pagadores (e estes pagadores secundarios suman máis de 1.500 euros) a cantidade mínima para presentar declaración baixa a 12.000 euros.

 

A dedución por vivenda

Desaparece a dedución estatal por alugueiro e mantense a autonómica 

Outro dos grandes cambios á hora de presentar esta declaración ten que ver coa dedución por alugueiro de vivenda habitual, que desaparece -no caso da axuda estatal- para os contratos asinados despois do 1 de xaneiro de 2015. Nos contratos anteriores mantense, ata un máximo do 10,05% das cantidades pagadas en 2015, sempre que a súa base impoñible sexa inferior aos 24.107,20 euros anuais. Tamén se mantén a dedución autonómica, que en Galicia chega ao 10% do alugueiro aboado, cun límite de 300 euros por pagamento mensual. Iso si, o ou a declarante na data do devengo do imposto debe ter 35 anos ou menos e a súa base impoñible debe ser inferior aos 22 mil euros anuais.

En canto á posible desgravación fiscal por adquisición de vivenda habitual, esta só beneficia a aqueles contribuíntes que a mercaron antes do 1 de xaneiro de 2013, xa que este incentivo fiscal quedou eliminado a partir desa data. O mesmo sucede coas obras de rehabilitación ou ampliación dunha vivenda, que tamén deben ser anteriores a 2013. A dedución máxima en todos os casos é dun 15% das cantidades aboadas, ata un máximo de 9.040 euros anuais, podendo recuperar polo tanto ata 1.356 euros.

 

Outras Deducións

No caso dos fillos e fillas, a dedución por nacemento é de 300 euros (con ingresos superiores a 22 mil euros) e 360 euros con ingresos inferiores a esa cantidade

Entre as deducións das que se poden beneficiar os e as contribuíntes de toda España están, por exemplo as doazóns a universidades, federacións deportivas, Cruz Vermella, fundacións, entidades públicas ou a propia Igrexa Católica. Das doazóns inferiores a 150 euros é deducible o 50%; se a cantidade é superior, a dedución é do 27,5%, que se eleva ao 32,5% para doazóns reiteradas (se se fixeron achegas a esa entidade durante tres anos seguidos). No caso das achegas a ONGs ou asociacións declaradas de utilidade pública e non incluídas na lista anterior (cubertas pola lei 49/2002) a dedución pode chegar ao 10%. As achegas a partidos políticos se benefician dunha dedución do 20%. Tamén se acollen a estes beneficios as subscricións de accións de empresas de nova creación (un 20% das cantidades achegadas, cun límite de 50.000 euros).

Outro tipo de deducións de grande importancia están relacionadas co nacemento ou adopción de fillos e fillas, a condición de familia numerosa ou o coidado de persoas discapacitadas. Neste enlace pódense consultar as axudas ofrecidas pola Xunta de Galicia neste caso, que poden supoñer descontos á hora de realizar a declaración da renda. 

No caso dos fillos e fillas, a dedución é de 300 euros (con ingresos superiores a 22 mil euros) e 360 euros con ingresos inferiores a esa cantidade. A cantidade incrementarase nun 20% para os e as residentes en concellos de menos de 5.000 habitantes e nos resultantes de fusión. A dedución para familias numerosas sitúase entre os 250 e os 400 euros. 

No caso da axuda externa para o coidado de persoas discapacitadas ou maiores de 65 anos, a dedución máxima é do 10% dea cantidades pagadas, ata un máximo de 600 euros

Tamén se poderán deducir o 30% das cantidades aboadas por deixar fillos e fillas ao coidado dunha persoa ou en escolas infantís, cun límite máximo de 400 euros, 600 euros se teñen dous ou máis fillos. Deben traballar os dous proxenitores e as súas bases impoñibles deben ser inferiores a 22 mil euros (en declaración individual) ou 31 mil euros (en declaración conxunta). No caso da axuda externa para o coidado de persoas discapacitadas ou maiores de 65 anos, a dedución máxima é do 10% dea cantidades pagadas, ata un máximo de 600 euros.

Outras deducións autonómicas están relacionadas coa contratación de internet de alta velocidade (30% da cota de alta e cotas mensuais, ata un máximo de 100 euros). Iso si, só se pode aplicar no exercicio que se contrata a liña. En Galicia tamén se poden beneficiar quen adquiriran accións de empresas galegas de nova creación (ata un 20% do investimento).

 

Oficina da Axencia Tributaria © Agencia Tributaria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.