“Se seguimos así, poderanse facer poucas políticas públicas porque o diñeiro irá destinado a pagar a débeda"

Eric Toussaint © Vimeo

A nova de que a débeda pública española superou, por vez primeira nun século, o 100% do PIB enche dende este mércores as portadas dos xornais. Unha xornada de debate, organizada por AGEe, analizará este sábado en Compostela os efectos prácticos do crecemento deste indicador, que practicamente se triplicou dende o ano 2007 (daquela representaba o 36% do PIB), e as alternativas que están sobre a mesa, comezando pola realización dunha auditoría que parte da débeda é ilexítima e, polo tanto, non debería ser pagada.

A publicación deste dato coincidiu coa rolda de prensa na que a eurodeputada Lidia Senra presentaba a xornada, e na que advertiu de que "a crise da débeda é un dos principais motivos das reformas políticas antisociais que estamos a vivir e que están levando a serios recortes de gasto en materia de servizos públicos como a sanidade, a educación ou a dependencia". Senra instou as formacións de esquerda a poñer este tema no primeiro plano do debate político, pois é "fundamental" -dixo- "entender e debater sobre a débeda e buscar propostas para facerlle fronte a todas as reformas antisociais que están poñendo en marcha os gobernos neoliberais tanto no Estado español como na Xunta como consecuencia de ter que pagar semellante débeda”.

“Se seguimos con esta liña, poderanse facer moi poucas políticas públicas porque todo o noso diñeiro irá destinado a pagar a débeda"

"O que queremos é que nos preguntemos todas e todos por que temos máis gastos que ingresos e a resposta témola na débeda pública que se está pagando e nas políticas neoliberais que nestes últimos anos levaron á deslocalización da produción, á eliminación de postos de traballo e á merma de persoas que cotizan aquí, á privatización de empresas públicas e a políticas fiscais regresivas que fan que o Estado ingrese menos”, subliñou, engadindo que “hai que poñer dunha vez por todas enriba da mesa por que o Estado non ten ingresos”.

Senra sinalou que aínda que este tema semelle ás veces tecnicamente complexo e afastado do día a día da poboación, as súas implicacións directas son importantísimas. “No ano 2013, pagar os intereses da débeda supuxo o 25% do Orzamento do Estado español”, destacou. “Se seguimos con esta liña, poderanse facer moi poucas políticas públicas porque todo o noso diñeiro irá destinado a pagar a débeda, tendo en conta a reforma da Constitución levada a cabo que obriga a priorizar o pago da débeda por riba das outras políticas”, dixo.

Senra reclamou a realización dunha auditoría da débeda pública para poder determinar que parte é ilexítima

A eurodeputada galega alertou de que "a solución á débeda pública que barallan a día de hoxe os partidos políticos neoliberais é seguir coas privatizacións e cos recortes para os servizos públicos e con políticas fiscais regresivas". Porén, "hai alternativas" e deben ser aplicadas canto antes", rematou Senra, que sinalou que o goberno resultante das eleccións do 26 de xuño debe tomar unha serie de decisións, comenzando por encargar e realizar unha auditoría da débeda pública para poder determinar que parte é ilexítima, "algo que se fixo no seu día, por exemplo, en Ecuador, e que levou a que declarasen ilegal parte da súa débeda e a dispor novamente de recursos para facer políticas de apoio á cidadanía e aos dereitos sociais de todas e todos".

 

Toussaint

Este sábado celebrarase en Compostela unha xornada de debate sobre “A débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea”, organizada por AGEe e polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Facultade de Filosofía da USC (Praza de Mazarelos). No encontro intervirán expertos/as e activistas galegos/as e internacionais, entre eles e elas o belga Éric Toussaint, un dos referentes mundiais nesta cuestión, que impartirá unha conferencia sobre a diferenza entre legalidade e lexitimidade da débeda pública. Toussaint é voceiro da rede internacional do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo; as súas obras, traducidas a varios idiomas, son clave para entender o problema da débeda e das institucións financeiras internacionais.

Toussaint impartirá unha conferencia sobre a diferenza entre legalidade e lexitimidade da débeda pública

A conferencia de Toussaint, presentado por David Rodríguez, será a primeira dunha xornada que se abrirá coas intervencións de Xosé Manuel Beiras e Lidia Senra. Ademais, ofrecerán as súas visións e análises Iolanda Fresnillo (membro da Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda), Joan Tafalla (integrante da Plataforma Saír do Euro), Ramón Franquesa (economista e activista catalán, coordinador da Xarxa Socialista Unificada de Catalunya). Ademais dos galegos e galegas Antón Sánchez, Miguel Quinteiro e Esther Duro.

Cartaz da xornada, que se celebra este sábado en Compostela © AGEe
Eric Toussaint © Vimeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.