"O problema da débeda ten unha solución política, é unha cuestión de relación de forzas"

Iolanda Fresnillo Dominio Público Praza Pública

A débeda pública tense convertido nos últimos anos nun dos maiores problemas da sociedade española, superando esta semana a fronteira simbólica do 100% do PIB. O Estado dedica ano tras ano unha parte importante dos seus recursos simplemente a pagar os intereses xerados por esta débeda, que non deixa de crecer. Nos Orzamentos de 2016 dedícanse 34.000 millóns de euros ao pagamento destes intereses, unha cifra superior á dedicada a educación, sanidade e prestacións de paro e políticas activas de emprego (que suman 32.000 millóns). Dende distintos movementos sociais vense apostando por unha saída a esta escalada imparable da débeda, que comezaría por unha auditoría das orixes destas obrigas, escollendo despois que parte pagar e que parte non, por tratarse de débeda ilexítima, da que en moitas ocasións se están beneficiando as entidades bancarias rescatadas no comezo da crise. 

Este sábado celebrarase en Compostela unha xornada de debate sobre “A débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea”, organizada por AGEe e polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Facultade de Filosofía da USC (Praza de Mazarelos). No encontro intervirán expertos/as e activistas galegos/as e internacionais, entre eles e elas o belga Éric Toussaint, un dos referentes mundiais nesta cuestión, que impartirá unha conferencia sobre a diferenza, precisamente, entre legalidade e lexitimidade da débeda pública. Tamén estará a catalá Iolanda Fresnillo, promotora do proxecto "Haití os outros terremotos", integrante da Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda e que actualmente forma parte da cooperativa eKona, un novo espazo de estudos e consultoría en economía política. Falamos con ela.

"Ponse de relevo unha cifra, o 100% do PIB, case como unha anécdota histórica, non se fala da relación que ten coa vida cotiá da xente: a sanidade, a educación, os recortes, o paro, as pensións..."

Escribías hai uns días un artigo chamando a atención sobre o feito de que o problema da débeda non sexa protagonista do debate político nin figure entre as primeiras preocupacións da sociedade, a pesar de resulta determinante para calquera acciónde goberno. Esta semana, ao fío da noticia sobre o nivel do 100% acadado, si que se está a falar da débeda. Pero, faise nos termos adecuados? 

Esta semana si se fala da débeda, pero non se vincula con todas as cuestións que leva aparelladas e coas consecuencias que implica. Ponse de relevo unha cifra, o 100% do PIB, case como unha anécdota histórica, non se fala da relación que ten coa vida cotiá da xente e cos problemas que preocupan á cidadanía: a sanidade, a educación, os recortes, o paro, as pensións...

Tampouco o fan as forzas políticas de cambio, de esquerda. Non colocan este tema en primeira liña...

É un tema bastante tabú, en tanto que as solucións non son sinxelas. Se a esquerda pon este asunto sobre a mesa atópase coa obriga de dicir como vai solucionar este problema. Está claro que é un problema, que ademais afecta directamente a aquelas cuestións que a esquerda di que quere abordar: a crise social e os necesarios plans de choque para enfrontala. En petit comité si que quizais poden propoñer a necesidade de quitas, de reestruturacións ou de impagos, pero en público estas cuestións non se valoran, porque poderían restar votos ou poderían ser acusados de extremistas, vinculados con situacións coma a de Grecia. O tabú non é tanto falar da débeda como falar de como solucionar o problema da débeda, pero ambos os dous temas van unidos.

Hai alternativas? Como se soluciona o problema da débeda?

Hai alternativas. Hai débedas que mesmo non deberían pagarse, porque son ilexítimas. E en calquera caso a solución pasa por cambiar a relación de forzas. As alternativas, iso si, non poden vir soas: non podes propoñer unha reestruturación da débeda ou unha quita sen levar a cabo outras accións políticas en paralelo, comezando por unha reforma fiscal. O aumento da débeda nos primeiros anos de crise débese, principalmente, a un descenso dos ingresos, non tanto a un aumento dos gastos, que si o houbo no ano 2009, principalmente. Estamos propoñendo o instrumento da auditoría como ferramenta para entender a situación entre todos e todas. Porque a través desa comprensión colectiva do que pasou podemos propoñer solucións.

"As alternativas non poden vir soas: non podes propoñer unha reestruturación da débeda ou unha quita sen levar a cabo outras accións políticas en paralelo, comezando por unha reforma fiscal"

Se queres desengancharte da débeda, desconectarte dos mercados financeiros e rebaixar a dependencia deles, tes que conseguir os cartos por outro lado e, polo tanto, tes que incrementar os ingresos. Esa reforma fiscal pasa por ter un sistema fiscal realmente progresivo, por loitar de forma efectiva contra a fraude, atallar o problema dos paraísos fiscais... Isto é, por suposto, moi complicado. Estámolo vendo agora en Catalunya, onde ante a proposta de incrementar o IRPF para as rendas máis altas está habendo unha reacción das elites económicas.

Nos últimos anos o gasto que máis subiu foi o gasto en débeda pública, especialmente o pagamento de intereses. É necesario abordar unha renegociación desa débeda e deses intereses, porque son abusivos e porque llos estamos pagando á banca española que accedeu a un rescate -directo ou indirecto- que lle permitiu mercar débeda pública a un interese maior, gañando unha marxe que estamos pagando entre todos. Digo negociación para non asustar a ninguén, aínda que a miña posición sería o impago de certas débedas, sobre todo as que se manteñen coa banca rescatada. Porque doutro xeito dificilmente imos solucionar isto. Na situación actual España ten que endebedarse simplemente para pagar a débeda.

O tema, ademais, afecta a todos os niveis da administración e do Goberno. Tamén a nivel autonómico e municipal?

Nós tamén facemos bastante fincapé na débeda municipal e autonómica. Non é a máis importante, a nivel cuantitativo, pero si que é moi relevante en canto aos recortes que leva aparellada e, polo tanto, ao impacto que ten nas vidas de todos e todas nós. En moitas comunidades estanse levando a cabo recortes brutais en sanidade e educación, porque teñen estas competencias, a causa precisamente desta débeda autonómica e das respostas aplicadas ante ese incremento da débeda autonómicas, coma o Fondo de Liquidez Autonómico, o FLA. É necesario que a xente entenda estas cuestións, que poden parecer técnicas e complexas, porque son estes temas os que están afectando ás finanzas do noso concello, o que están impedindo que unha comunidade autónoma reverta os recortes en sanidade. Temos que perderlle o medo á economía.

"Unha análise das diferentes crises relacionadas coa débeda que houbo en todo o mundo leva a concluír que a solución é política"

A cuestión é que este tema, aínda que semelle técnico ou afastado dos problemas do día a día, determina todo, calquera acción de goberno, calquera proposta de redistribución da riqueza ou de reversión dos recortes, non si?

O caso de Syriza é o mellor exemplo disto, o caso grego é un exemplo no que deberíamos mirarnos con moita atención. Eles chegaron ao Goberno cunha proposta progresista e están aplicando os maiores recortes dende que se iniciou a crise. Por non tratar o tema da débeda dunha forma máis valente. Unha análise das diferentes crises relacionadas coa débeda que houbo en todo o mundo, e non falo só dos países empobrecidos, leva a concluír que a solución é política. Que a posición de forza coa que ti abordes esa necesaria negociación determinará a solución final. Se ti vas negociar cos teus acreedores baixando a cabeza, vas obter máis recortes e máis políticas neoliberais. Pero se en cambio vas coa ameaza de non pagar e de que sexan eles os que non cobren, as negociacións son moi diferentes. Tamén sería moi distinta a cousa no caso de Grecia se en lugar que deixar só ao Goberno grego, se propuxera unha posición conxunta de toda a periferia europea. Todo é unha cuestión de relación de forzas políticas.

"Poñemos en riba da mesa a ferramenta da auditoría para reindignar a xente, que a sociedade española se indigne coa inxustiza desa débeda, para ter forza social"

A forza que neste caso poida ter un Goberno depende da mobilización social que se cree por debaixo sobre este tema?

Sempre dicimos que poñemos en riba da mesa a ferramenta da auditoría para reindignar a xente, que a sociedade española se indigne coa inxustiza desa débeda, para ter forza social. E isto debe facerse non só a nivel estatal, senón que hai que facer pedagoxía en todos os ámbitos, que a xente entenda os mecanismos da débeda a través da débeda municipal ou da denuncia das estratexias recentralizadoras do Goberno español ou da Lei de Estabilidade Orzamentaria. A través da mobilización local tamén podes ir conseguindo esa masa social necesaria para abordar a cuestión máis importante, que é a débeda da Administración central.

 

Iolanda Fresnillo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.