Os datos de risco de pobreza veñen sendo uns dos máis arrebolados entre goberno e oposición durante os anos da crise económica. A evolución temporal destes indicadores ou a propia definición de pobreza deron lugar a incontables tirapuxas nos que, no caso galego, a Xunta adoita argumentar que os números da pobreza descenderon durante a crise e que, ademais, outros territorios do Estado presentan unhas cifras notablemente peores. Os datos máis recentes, que vén de publicar o INE, amosan que, efectivamente, o risco de pobreza ou exclusión descendeu durante boa parte da crise. Pero tamén amosan que en 2015, na suposta saída "do peor" das dificultades económicas, volveu subir.
A renda media anual por persoa en Galicia descendeu uns 300 euros en media década
O primeiro chanzo para trazar un retrato do risco da pobreza ou exclusión social é abordar a evolución das rendas das persoas e das estatisticamente denominadas "unidades de consumo", as familias. A renda media neta anual por persoa en Galicia situábase en 2015 -todos os datos se refiren ao ano anterior- en 10.212 euros, uns 20 euros menos que o ano anterior e case 300 menos que en 2010. No caso das familias, a renda media anual está un chisco por riba dos 15.000 euros, uns 600 euros menos ao ano que hai media década.
Os datos de renda son relevantes porque é a partir deles como se achan os limiares da pobreza e da exclusión social. A grandes trazos, considérase que unha persoa está en risco de pobreza cando percibe menos do 60% dos ingresos medios, o que en Galicia equivale a algo menos de 600 euros ao mes. Ao risco de pobreza súmase o da exclusión social cando, atendendo aos criterios fixados na Estratexia Europa 2020, ademais de estar por baixo dos devanditos niveis de renda sofre as coñecidas como carencias materiais severas. Por exemplo, non poder comer carne ou peixe cada dous días, non ter cartos para manter a vivenda a unha temperatura axeitada, ter que adiar o pagamento de subministros básicos ou non poder facer fronte a urxencias económicas imprevistas.
Mentres seguiron aumentando os niveis medios de renda, subiron tamén os limiares da pobreza
Atendendo a todos estes criterios configúrase unha radiografía segundo a cal mentres aumentaron os niveis medios de renda e, polo tanto, o limiar estatístico da pobreza -de 2008 a 2011-, os riscos de pobreza e mais de pobreza ou exclusión foron descendendo ano a ano. En canto o impacto da crise comezou a instalarse nos petos da poboación, estes riscos volveron medrar, aínda que con tendencias dispares. O de pobreza volveu descender de 2012 a 2014 e o de pobreza ou exclusión só baixou levemente hai dous anos. No entanto, ambos indicadores repuntaron entre 2014 e 2015.
En Galicia os soldos máis altos xa comezaron a recuperarse mentres que os máis baixos, seguen a baixar
Esta evolución da pobreza e da exclusión produciuse nun panorama no que as rendas medias evolucionaron, en boa medida, cos cambios experimentados polos salarios da poboación. Como xa detallou Praza.gal, os estudos salariais do Instituto Galego de Estatística confirman que no ano 2014, o último analizado neste eido, os soldos máis altos comezaran xa a recuperarse, mentres que os máis baixos seguían a baixar. Deste xeito, o IGE acredita que as persoas que agora perciben apenas 400 euros brutos mensuais cobraban uns 500 antes da crise, mentres que quen superaba os 4.200 euros mensuais agora rolda os 4.500. Neste panorama un dos sectores máis prexudicados é a mocidade, entre a que o risco de pobreza ou exclusión chega a un terzo da poboación.
No que atinxe á comparativa cos territorios máis próximos, o resto de comunidades autónomas do Estado, Galicia non é a que presenta peor situación pero tampouco está, nin de lonxe, á cabeza dos datos de renda ou nos últimos postos do risco de pobreza ou exclusión, dato no que non obstante si gañou posicións relativas durante a crise. A renda media neta anual por persoa é a sétima máis baixa do estado e está máis de 3.000 euros por baixo da máis alta, a de Euskadi, mentres que a taxa galega de risco de pobreza ou exclusión é a oitava maior das autonomías.