O Goberno en funcións decide que Reganosa pode saltar a avaliación de impacto ambiental

Instalacións de Reganosa en Mugardos © CCE

O Consello de Ministros celebrado este venres polo Goberno en funcións acordou "excluír, de maneira excepcional, do trámite de avaliación de impacto ambiental os proxectos de autorización" da planta de regasificación de Reganosa. Esta decisión responde ás dúas sentenzas (do 4 e do 28 de abril) nas que o Tribunal Supremo anulou a autorización administrativa e o proxecto de execución desta planta de gas, obrigando a empresa a solicitalas de novo. As sentenzas do Supremo fixaban un prazo máximo de dous meses (que estaba a piques de cumprirse) para que o Ministerio de Industria outorgase novos permisos ou, doutro xeito, obrigaba á paralización da actividade da instalación. Obrigaba, polo tanto, a que o Goberno en función adoptase unha decisión política para manter aberta a planta, e esta decisión política vén de producirse.

O Executivo en función afirma que se realizou unha avaliación "alternativa" concluíndose "que a planta é viable ambientalmente"

O Executivo presidido por Mariano Rajoy afirma que "coa adopción desta medida, axilízase o procedemento necesario para cumprir coas dúas sentenzas do Tribunal Supremo, co que se evita unha paralización prolongada da actividade da planta que poría en risco a subministración de gas natural en España e Portugal, así como a seguridade de persoas, bens e do propio sistema gasista". E excusa a decisión de ignorar a obrigatoria avaliación de impacto ambiental sinalando que "en todo caso, realizouse unha avaliación alternativa concluíndose que a planta é viable ambientalmente, e que non ten ningunha incidencia significativa susceptible de producir repercusións apreciables no medio ambiente ou os recursos naturais". Engade que "ademais, a resolución que poña fin ao procedemento poderá establecer como condición de operación da planta as medidas adicionais de prevención, corrección e vixilancia que os organismos consultados durante o procedemento estimasen necesarias, se as houber". O Goberno en funcións agárrase á modificación ad hoc do PXOM feita en 2012 por Concello de Mugardos e Xunta para pasar por riba doutra sentenza negativa do Tribunal Supremo.

Hai algo máis dun mes a avogada do Comité Cidadán de Emerxencia, Patricia Gabeiras, denunciaba en rolda de prensa que "Reganosa non ten vontade de cumprir as sentenzas", augurando que "van tentar acadar unha nova autorización, que tamén será ilegal e que tamén recorreremos". "Pódenlle dar as voltas que queiran, mesmo falan de conseguir unha autorización provisional, que é algo que non existe na Lei de Hidrocarburos. Ata onde queren que xoguemos? Ata onde queren chegar?", engadía.

En Marea: "É a punta do iceberg dun goberno en funcións dedicado en exclusiva a defender intereses privados, igual que fixera coa prórroga a ENCE en Pontevedra"

Para En Marea, que reclamou no Congreso dos Deputados a paralización e o desmantelamento da actividade da planta de Reganosa, a decisión adoptada polo Consello de Ministros "é a punta do iceberg dun goberno en funcións dedicado en exclusiva a defender intereses privados, igual que fixera coa prórroga a ENCE en Pontevedra, e favorecendo unha infraestrutura ilegal que pon en serio perigo a toda a poboación da comarca de Ferrolterra". Yolanda Díaz cualifica a acción de “auténtica golfería” por parte "dun Consello de Ministros que de xeito inaudito desoe non só á cidadanía senón tamén os reiterados fallos dos tribunais de xustiza". "O Goberno prevarica, vulnerando as sentenzas e a lexislación vixente en aras de defender os intereses de Reganosa", sinala.

Para o alcalde de Ferrol, a decisión constitúe "un insulto a democracia e moi propio da desfachatez dun Goberno pregado aos intereses da clase empresarial por riba dos intereses colectivos"

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, manifestou a súa "estupefacción e incredulidade" despois de que o Goberno en funcións puxese en práctica "un subterfuxio ideado adrede para librar a Reganosa, de xeito excepcional" dunha "obriga legal". “Que isto aconteza nun Estado de Dereito, onde as leis deberan ser iguais para todos, é, primeiro, un insulto a democracia e moi propio da desfachatez dun Goberno pregado aos intereses da clase empresarial por riba dos intereses colectivos que aínda en funcións, e coas eleccións xerais do 26X as portas, ten o descaro de manobrar para favorecer a unha planta de gas que se basea en dous proxectos anulados polo Alto Tribunal en dúas sentencias recentes. Coido que esto é absolutamente inadmisible”, sinalou o rexedor.

A planta de Reganosa, que eludiu a declaración de impacto ambiental, está situada a menos de 200 metros do núcleo urbano de Mehá, a 1.200 metros do arsenal militar, a 800 metros do núcleo de Mugardos e a 1.500 do centro de Ferrol, cando por lei non pode ter ningún núcleo de pboación agrupada a menos de 2000 metros. Está, ademais, a carón do complexo petroquímico de Forestal del Atlántico, que almacena preto de 300.000 m3 de combustible e produtos químicos.

 

Que pode e que non pode facer un Goberno en funcións

A toma de posición adoptada este venres polo Executivo únese á igualmente polémica prórroga concedida a ENCE o pasado mes de xaneiro, e trae de volta o debate sobre os límites legais e éticos das accións dun goberno en funcións. É lícito que un Executivo xa cesado (á espera da constitución dun novo) adopte decisións de importante calado social e que terán efectos durante varias décadas ou que comprometen a acción do seu substituto? 

A prórroga a ENCE agochouse baixo unha "resolución administrativa" na que "non interfire para nada o Goberno". Agora optouse por aludir á "urxencia" e ao "interese xeral"

A Lei 50/1997 limita no seu artigo 21 a xestión do Goberno en funcións ao "despacho ordinario dos asuntos públicos, absténdose de adoptar, agás casos de urxencia debidamente acreditados ou por razóns de interese xeral cuxa acreditación expresa así o xustifique, calquera outra medida". Se a prórroga de ENCE foi agochada baixo o disfrace dunha "resolución administrativa" na que "non interfire para nada o Goberno", como chegou a afirmar a ministra Isabel García Tejerina, desta volta o Executivo tivo que recorrer á urxencia e ao interese xeral invocados na lei.

 

Instalacións de Reganosa en Mugardos © CCE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.