As nosas vivendas: Maioritariamente en propiedade e cada vez máis en pisos

Os galegos e galegas vivindo en edificios de apartamentos son maioría dende o 2010 CC-BY Pepe Martin

Miña casiña, meu lar. O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar este martes os datos correspondentes a 2015 da súa Enquisa Estrutural a Fogares, que achega unha detallada información sobre as vivendas nas que habitan os galegos e galegas, o seu réxime de propiedade, as súas condicións e o seu equipamento. Dende o ano 2010 son xa máis os galegos e galegas que viven en edificios de apartamentos, superando por vez primeira os fogares situados en vivendas unifamiliares, independentes ou acaroadas. En 2015 esa tendencia intensifícase. O que non varía demasiado é o seu réxime de pertenza, pois a inmensa maioría dos fogares seguen sendo vivendas en propiedade (con ou sen hipoteca, que descenden un chisco con respecto aos datos de 2010). Os alugueiros son minoritarios, aínda que neste aspecto hai grandes diferenzas en función dos ingresos e do lugar de residencia.

Se hai tan só unhas décadas a maior parte dos fogares estaban situados en vivendas unifamiliares, esa xa non é a realidade da maior parte dos galegos e galegas. En 1999 as vivendas unifamiliares independentes representaban o 48,5% dos fogares, e hoxe son o 40,3%. Neste tempo creceron as acaroadas e, sobre todo, os pisos en edificios de máis de dez vivendas (pasaron do 23,98% ao 34,37%). Por suposto, hai grandes diferenzas entre unhas e outras zonas de Galicia: nos concellos de menos de 10 mil habitantes as casas independentes son aínda o 72%, as acaroadas o 12%, mentres que os pisos só representan o 16%. Os fogares situados en edificios de apartamentos supoñen o 43% do total nas vilas entre 10 e 20 mil habitantes, o 45% nas que teñen entre 20 e 50 mil, e dispáranse ata o 84% no conxunto das sete cidades.

As vivendas en réxime de alugueiro seguen sendo minoría e, ademais, a súa proporción crece moi lentamente, situándose mesmo por debaixo dos datos de 1999. Se daquela eran o 12,88%, en 2005 descenderan ata o 8,44% e hoxe fican no 11,63%. Os alugueres crecen nas localidades máis poboadas, representando o 19,25% do total de fogares nas sete cidades. En paralelo, entre 1999 e 2010 producírase un rápido incremento das hipotecas, que pasaran do 13,23% ao 21,61% dos fogares. Entre 2010 e 2015, por efecto da crise económica, a porcentaxe de fogares con hipoteca descendeu ata o 19,81%.

Un dos factores que máis inflúe no réxime de tenza das vivendas é o nivel de ingresos da unidade familias. Así, as familias que ingresan menos de 600 euros mensuais son as que máis viven en alugueiro (24,96%). Pola contra, aqueles fogares con ingresos superiores aos 2.000 euros mensuais son os que con máis frecuencia recorren ás hipotecas (nun 29,23% dos casos).

A enquisa tamén ofrece datos sobre os equipamentos das vivendas. O 72% conta con calefacción, catro puntos máis que en 2010 e moi lonxe do 42% que se acadaba en 1999. Porén, hai grandes diferenzas en función dos ingresos de cada familia: entre aquelas que ingresan menos de 600 euros ao mes, só o 48% vive en casas con calefacción, unha porcentaxe que crece ata o 55% nas familias que ingresan entre 600 e 1000 euros.

As desigualdades entre uns fogares e outros quedan á vista analizando outros indicadores, coma os que se refiren a aquelas familias que contan cunha segunda vivenda, ou a aquelas que dispoñen de máis dun coche. O 17,1% das familias galegas teñen unha segunda vivenda (fronte ao 15,6% de 2010), unha porcentaxe que se eleva ata o 25,73% no caso dos fogares con ingresos mensuais superiores aos dous mil euros. De igual xeito, o 26,91% dos fogares dipoñen de dous coches e outro 5,11% de "tres ou máis"; o 47,47 das familias posúen un vehículo e o 20,51% non conta con este medio de locomoción.

 

Servizos na contorna

O estudo do IGE presenta igualmente información sobre os servizos dos que as vivendas dispoñen nos seus arredores. Así, pregunta por aqueles que son accesibles a pé "a menos de 15 minutos". Nos últimos anos prodúcese unha mellora en todos os indicadores, agás nos que se refiren ás oficinas de correos (o previsto peche de 52 oficinas auxiliares agravaría a situación) e, sobre todo, ás estacións de tren (en 2013 desapareceron un bo número de estacións e apeadeiros)

Os galegos e galegas vivindo en edificios de apartamentos son maioría dende o 2010 CC-BY Pepe Martin

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.