Unha concesionaria de Defensa presiona os traballadores para que acepten o seu despido

Residencia Militar, na cidade da Coruña © Google

Presionar os traballadores que levan catro meses sen cobrar para que firmen e acepten un despedimento procedente co argumento de recibiren máis axiña o subsidio por desemprego e non ter que esperar a que se leve a cabo un ERE. Así actúa unha subcontrata do Ministerio de Defensa cos seus traballadores, tamén en Galicia.

A concesionaria de Defensa presiona os traballadores para que acepten un despido procedente e así cobren antes o subsidio

A empresa Proman, e no caso de Galicia unha sociedade pantalla denominada Easy Sea East, é a adxudicataria da vixilancia e o control de accesos en residencias e centros de ocio militares repartidas por todo o Estado, varias delas en Galicia. O Ministerio xa anunciou que rescindirá o contrato con esta concesionaria, que deixará de prestar os seus servizos o vindeiro 1 de setembro e cuxos traballadores acumulan xa catro meses sen cobrar. Os empregados quedarán no paro e á espera das posibilidades de que a firma que se encargue desde o vindeiro ano do servizo os contrate ou non.

A empresa esíxelles que renuncien á indemnización e aos catro meses que se lles deben e advirte que o Fogasa pagaralles pouco e tarde

Ante a situación desesperada, a compañía ocorréuselle unha idea: que acepten un despido disciplinario, que se xustifique a falta de asistencia durante cinco días e, xa que logo, renuncien á indemnización e aos catro meses que se lles deben. Todo, segundo o correo que enviou aos traballadores e ao que puido acceder Praza, "para que se opte ao desemprego dunha maneira máis rápida". "Do contrario, teríades que agardar a que se faga efectivo o ERE e de aí pasar a cobrar por Fogasa (Fondo de Garantía Salarial), o que vos levaría até o mes de decembro como pouco", presiona a compañía. 

A comunicación vai máis aló e advirte aos traballadores que o Fogasa só paga catro mensualidades, polo que, segundo lles di, "tanto se esperades coma se non o facedes, só vos pagaría as mensualidades que ata a data vos deben". Ao tempo, ameaza os empregados dicíndolles que, de esperaren polo paro, non o poderían percibir "ata a regularización do devandito ERE". "Da outra maneira, o vindeiro 10 de outubro xa sería a primeira mensualidade cobrada", insiste Proman -que é quen envía o e-mail-, que tamén lembra ao cadro de persoal que a partir do 31 de agosto o Ministerio rescindirá o contrato coa compañía. 

Proman presiona os empregados: de esperar polo paro, non o recibirían "ata a regularización do ERE"

"O do mail pedíndonos aceptar un despedimento xa é o colmo, pero levamos meses con denuncias e conflitos laborais por impagos", explica a este diario unha traballadora dos como mínimo 15 afectados en Galicia e que perciben un soldo "moi precario" malia facer "funcións de funcionario xunto a persoal laboral de Defensa". Os salarios apenas chegan ao mínimo legal e, no conxunto do Estado, son entre 300 e 400 os afectados polos impagamentos e as ameazas que tamén sofren os seus empregados galegos. 

O caso xa está en mans de sindicatos que levaron ante os tribunais unha situación que non se dá arranxado. Non é a primeira vez que esta compañía, adxudicataria dos servizos de conserxes dos centros militares, se ve implicada nun escándalo. Hai tan só uns meses, o seu director xeral foi procesado por suborno xunto con tres mandos militares e outro contratista máis de Defensa. O xuíz asegura que dous tenentes coroneis asesoraban a empresa -a cambio de comisións, convites, agasallos ou retribucións fixas- e axudáballe a preparar ofertas á hora de poxar por contratos de seguridade, limpeza ou alimentación co Ministerio. 

Proman foi procesada por suborno xunto a tres mandos militares e acumula sancións e sentenzas en contra

Proman acumula varias sancións da Inspección de Traballo e sentenzas condenatorias dos tribunais por diferentes delitos contra os dereitos dos traballadores, o que non impediu que Defensa seguise contando con ela para diferentes adxudicacións. 

Residencia Militar, na cidade da Coruña © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.