O prezo do leite galego segue a caer e xa é o máis baixo da década

Mario, gandeiro galego, coas súas vacas CC-BY-SA Sara Torreiro

"Gobernen". Foi unha das reclamacións que, hai agora un ano, ecoou con máis forza nas rúas de Lugo e mais nas de Santiago, onde culminaron as diversas tractoradas que, por todo o país, devolveran ao asfalto a alerta sobre o que os gandeiros denominaban como "ruína" do sector lácteo, no que aos problemas estruturais se uniu a fin das cotas lácteas da UE, letal para moitas explotacións. Froito da presión daquelas semanas chegou o acordo con industrias e distribución, un acordo de carácter voluntario sen réxime sancionador para as empresas incumpridoras que, segundo os principais sindicatos agrarios ou a Organización de Produtores de Leite, non serviu para moito. Os indicadores de prezos do produto avalan esta afirmación.

A información máis recente do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) indica que o prezo do leite galego o pasado mes de xullo foi de 26,8 euros cada 100 litros. Ou, o que é o mesmo, algo menos de 27 céntimos por litro, uns tres céntimos por baixo dos 30 que o sector indica como limiar para non producir perdendo cartos por sistema. Esta foto fixa do FEGA combinada cos datos acumulados na Consellería do Medio Rural permite coñecer que os prezos medios non deixaron de baixar dende o pasado xaneiro, cando se freou o leve ascenso experimentado tras a sinatura do devandito acordo.

O prezo do leite galego o pasado xullo caeu por baixo dos 27 céntimos por litro, menos que nos meses previos ás grandes tractoradas de 2015

Unha ollada con maior perspectiva amosa ás claras que os prezos que perciben as explotacións lácteas galegas polo seu produto non só está por baixo do rexistrado en plenas mobilizacións tras a fin das cotas. Son, cando menos, os máis baixos no que vai de década. Non en van, dende o ano 2010 o litro de leite galego só descendera dos 28 céntimos durante tres meses, o trimestre previo ás tractoradas do pasado 2015. Ademais, entre 2012 e 2014 experimentou unha tendencia á alza que o levou a superar os 39 céntimos por litro, segundo as mesmas fontes estatísticas.

Os datos din que o prezo do leite galego é o máis baixo da década, pero cabe tamén a posibilidade de afirmar que a situación é a peor no que vai de século. Aínda que a metodoloxía para obter os valores medios variou e, polo tanto, non é posible realizar unha comparación mecánica, as bases de datos do IGE si poden ser útiles para obter unha referencia dos niveis en que se movía o sector nos anos previos a 2010. Así, unha ollada á serie estatística dende o ano 2001 e ata finais de 2006 -os datos de 2005 non están dispoñibles- amosa un mercado moito máis volátil, con variacións moi bruscas e caídas de catro ou cinco céntimos por litro en pouco máis de medio ano. Con todo, os valores máis baixos deses anos estaban por riba do prezo medio rexistrado a mediados deste 2016.

Ás portas das eleccións o sector volve ás mobilizacións e a Xunta anuncia a instalación dunha industria que non operará ata 2019

Este é o escenario no que o sector volve valorar a vía das mobilizacións, tal e como informou Praza.gal. Así, Agromuralla convocou unha protesta en Lugo para este martes, 6 de setembro, á que a OPL xa ofreceu o seu apoio. Dende os sindicatos, pola súa banda, tamén se considera que existen razóns para as protestas, se ben Unións Agrarias lamenta que o colectivo lucense optase por "ir por libre" mantendo unha postura "embiguista", en verbas do seu secretario xeral, Roberto García. O Sindicato Labrego Galego, pola súa badna, cre "importante" que se desenvolva "calquera reivindicación para conseguir un prezo que realmente remunere os custos de produción", se ben considera errado poñer o foco, como fai Agromuralla, no cumprimento dun acordo no que o SLG non ve máis que "papel mollado".

Os anuncios de mobilizacións gandeiras en plena precampaña foron retrucadas dende a Xunta -casualmente ou non- co anuncio da posta en marcha dunha nova industria láctea en Curtis que, no entanto, non operará ata 2019. Nun acto convocado de urxencia o Goberno galego anunciou un investimento de ata 70 millóns de euros na nova planta, impulsada pola empresa Goodleit SL, creada o pasado febreiro. Segundo Feijóo, o anuncio non responde a motivación electoralista ningunha, senón que cadrou que é precisamente agora cando a empresa dispón dos terreos que precisaba.

Tractorada en Lugo en setembro de 2015 CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.