O ERE de Extel pode deixar na rúa a 205 persoas na Coruña

Faixa colocada hai uns días na fachada do Concello da Coruña © Concello da Coruña

Extel anunciou por fin este martes o alcance do Expediente de Regulación de Emprego que aplicará nos seus centros en España. En total afectará a uns 355 traballadores e traballadoras en todo o Estado (dun total de tres mil) e a delegación da Coruña será a máis prexudicada, pois 205 empregados e empregadas poden quedar na rúa (dun total de 900). Entre eses 205 traballadores e traballadoras, 182 son teleoperadores/as especialistas, 5 xestores/as, 12 coordinadores/as, 3 formadores/as, 1 responsable de servizo, 1 auditor/a, 1 técnico/a de RRHH. 

A oficina da cidade herculina é unha das máis grandes da empresa e traballa en exclusiva como servizo de atención telefónica de Movistar. Os sindicatos, que lembran que a situación económica da compañía é boa, alertan de que esta medida busca trasladar parte da actividade a outros países, nomeadamente a América Latina, buscando pagar salarios menores. 

A empresa, que a pasada semana se negou a informar das condicións do ERE, di que non negociará o alcante do Expediente e sinala que a decisión sobre os traballadores e traballadoras se tomará en base a súa "antigüidade e produtividade". As centrais sindicais xa anunciaron mobilizacións contra o ERE, que se suman aos paros xa convocados para este xoves (dúas horas) e o xoves que vén (todo o día) en todo o sector do telemarketing. En Extel haberá concentracións ás 10.30 e ás 17.30.

 

Faixa colocada hai uns días na fachada do Concello da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.