0 Gardados para despois

A mínima suba no prezo do leite non frea o peche de explotacións en Galicia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Un ascenso menor e que pouco arranxa. O prezo do leite incrementouse en agosto en Galicia por primeira vez no que vai de ano ao pagárense de media 27,2 céntimos. Un triste consolo ao situarse o importe a niveis do pasado mes de maio e cun aumento de 0,3 e 0,4 céntimos por litro con respecto aos de xuño e xullo, cando acadou os niveis máis baixos da década. 

O prezo do leite recupérase un chisco, pero sitúase nos niveis de maio en tan só 0,4 céntimos máis que os peores datos da década

Eses son os datos que vén de publicar nun novo informe o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) e que confirman máis malas novas para o sector gandeiro en Galicia, que continuou a perder explotacións durante o pasado mes de agosto. Así, das 8.755 granxas que entregaron leite no mes de xullo pasouse ás 8.709, 46 menos que no mes anterior e 369 menos que a principios de ano. Unha explotación e media menos cada día durante este 2016. 

Galicia perdeu 46 explotacións no mes de agosto, 369 no que vai de ano, e segue a ser a comunidade onde prezos máis baixos se pagan

Ademais, e atendendo tamén a estes datos oficiais, o prezo medio que se paga polo leite en Galicia é o máis baixo de entre todas as comunidades autónomas. Está moi lonxe da media estatal (que chega agora aos 29 céntimos) e un punto por baixo do seguinte territorio cos prezos máis baixos, Cantabria (28,2). 

Xa que logo, os gandeiros en Galicia reciben case uns tres céntimos por baixo dos 30 que o sector indica como limiar para non producir perdendo cartos por sistema. Ademais, no conxunto do Estado deixaron a actividade 635 explotacións desde que comezou este ano. O 58% delas, en Galicia. 

Os prezos que reciben as explotacións galegas continúan a ser, cando menos, os máis baixos no que vai de década. Así, dende o ano 2010 o litro de leite galego só descendera dos 28 céntimos durante tres meses, o trimestre previo ás tractoradas do pasado 2015. Ademais, entre 2012 e 2014 experimentou unha tendencia á alza que o levou a superar os 39 céntimos por litro, segundo as mesmas fontes estatísticas.

Con todo, no pasado debate electoral na CRTVG, o presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo, asegurara que ao chegar ao goberno en 2009 aopara "un prezo do leite máis baixo que agora". Non é certo. Naquel ano o litro pagouse a máis de 33 céntimos. Desde aquela, nunca alcanzara un importe tan baixo como nestes últimos meses. Ademais, en dez anos, as explotacións galegas perderon a cuarta parte das súas vacas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.