As traballadoras de Extel manifestaranse este xoves en defensa dos seus empregos

Mobilización das traballadoras e traballadores de Extel, a pasada semana © CGT Extel

Extel amósase inflexible e négase a reconsiderar o ERE presentado, que pode deixar sen traballo a 355 persoas en toda España, 205 delas na Coruña, o centro máis afectado. Ao longo deste martes as representantes sindicais mantiveron unha longa xuntanza coa compañía, un encontro que non serviu para mover as posicións iniciais. Ademais, este martes sóubose que Extel vén de conseguir un contrato co servizo de Correos, que xerará 120 empregos, que irán integramente para o seu centro de Madrid, o que motivou máis críticas dos sindicatos que representan os e as traballadoras da oficina coruñesa.

Este xoves o persoal das empresas de telemarketing de toda España está chamado a unha folga xeral en defensa dun novo convenio colectivo

Este xoves o persoal das empresas de telemarketing de toda España está chamado a unha folga xeral en defensa dun novo convenio colectivo, unha acción que se une aos paros parciais que xa tiveron lugar os últimos dous xoves. Na Coruña esta iniciativa adquire unha significación máis urxente ante o conflito laboral existente en Extel, filial de Adecco e que traballa en exclusiva para Movistar. Ademais, está convocada unha manifestación, que partirá ás 20 horas do local de Movistar na rúa Ramón y Cajal (fronte a El Corte Inglés) e que rematará na Praza de Pontevedra, despois de pasara pola sede da Delegación do Goberno.

​O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, vén de solicitar unha reunión con representantes de Extel e Movistar para recibir “información de primeira man” sobre o ERE presentado. Ferreiro indicou que é preciso “buscar outras solucións para manter a produtividade da empresa que non pasen por laminar e mandar ao paro a máis de dous centos de veciños e veciñas desta cidade”. O rexedor coruñés fixo esta solicitude de forma conxunta co seu homólogo en Zaragoza, Pedro Santisteve, xa que a empresas de telemárketing tamén propuxo o despedimento de 104 persoas nesta localidade.

“De acordo coas declaracións realizadas polos responsables de Extel, o despido colectivo lévase a cabo por razóns produtivas e organizativas, porque o seu principal cliente, Movistar, anunciou que a partir de outubro reducirá a carga de traballo dun dos servizos que ten contratados. Cremos que é de recibo que as empresas se reúnan cos alcaldes das dúas cidades máis afectadas por este expediente de emprego. Non só queremos amosar o noso apoio aos e ás traballadoras, senón que o que tamén queremos é levar a cabo unha labor de mediación”, explicou Ferreiro.

O alcalde da Coruña sinalou que "vemos como unha vez máis as últimas reformas laborais levan a esta consecuencia, que calquera axuste na produción dunha empresa sempre se carga na parte máis débil, na parte dos traballadores, neste caso, maioritariamente das traballadoras”, e lembrou que Extel é “unha empresa clave para os postos de traballo da Coruña, nun sector, o telemárketing, que ten moita ocupación na cidade”.

 

Deslocalización

Ferreiro: "Vemos como unha vez máis as últimas reformas laborais levan a esta consecuencia, que calquera axuste na produción dunha empresa sempre se carga na parte máis débil, na parte das traballadoras"

Extel argumenta a previsión dunha redución da carga de traballo como a razón que -apoiándose na última reforma laboral- xustifica o ERE. Os sindicatos denuncian que Movistar pretende deslocalizar este servizo, desviando a maior parte das súas chamadas a centros situados en países de América Latina, con salarios máis baixos. De feito, sinalan que a oficina de Bucaramanga, en Colombia, xa comezou a atender a maior parte das consultas ao 1004. "Na última década os centros de atención ao cliente en Galicia foron pechando en canto as empresas centralizaron o servizo en grandes centros de traballo", denuncia a CIG, que explica que "desde o estoupido da crise, as grandes empresas incrementaron a deslocalización dos servizos de atención cara a terceiros países: en Galicia pasaron de 7433 postos de traballo en 2010 a 5393 en 2012".

 

Mobilización das traballadoras e traballadores de Extel, a pasada semana © CIG Extel
Faixa colocada na sede coruñesa da empresa © CIG Extel
Está convocada unha manifestación para este xoves © CIG Extel
Faixa no estadio de Riazor durante o Depor-Sporting do pasado sábado © El 1004 se queda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.