Un terzo da poboación ocupada galega non logra encadear un ano seguido de traballo

Poboación ocupada galega segundo o tempo traballado nun ano CC-BY-SA Praza Pública

"A consolidación da figura dos traballadores pobres". Esta é, segundo os sindicatos, unha das características que a temporalidade e precariedade que deixaron anos de crise, recortes e rebaixas de salarios están a xeneralizar no mercado laboral galego. Os últimos datos do paro rexistrado confirman unha tendencia que semella vir para quedar. Unha análise máis polo miúdo amosa ata que punto ter choio xa non é sinónimo de estabilidade nin de chegar sen dificultades a fin de mes. Por dar apenas un dato, case 60.000 galegos traballan todo o ano sen superar os 10.000 euros anuais brutos no seu salario. 

Case 60.000 galegos traballan todo o ano pero non superan os 10.000 euros anuais brutos en salario

Esta é unha das cifras que se tiran da Mostra continua de vidas laborais, un conxunto de datos sacados de diferentes administracións (Seguridade Social, padróns municipais e Axencia Tributaria) na que se analizan as situacións de todas as persoas que durante un ano tiveron relacións coa Seguridade Social, ben por estaren afiliados ou por recibir algún tipo de prestación ou subsidio. Os números que debulla o IGE refírense ao último analizado, 2014, e retratan a precariedade da que moitos foxen a través da emigración. 

Así, o salario medio bruto anual dos galegos sitúase nos 16.444 euros, cunha clara diferenza entre o que cobran as mulleres (14.162) e os homes (18.581). Ademais, as diferenzas no soldo son tamén evidentes de comparar os que manteñen un contrato indefinido (21.259 euros brutos ao ano) e os que só manteñen contratos temporais, que non aclanzan nin os 9.000 euros. 

Hai 20.000 persoas que traballan todo o ano e non reciben máis de 6.000 euros por ano

Tendo en conta toda esa poboación que durante o ano estivo afiliada en alta laboral por conta allea en Galicia, un total de 56.475 persoas traballaron durante todo o exercicio pero non alcanzaron nin os 10.000 euros brutos anuais de soldo. Xa que logo, son persoas que pola escaseza do seu salario ou das horas traballadas, non chegan nin aos 834 euros mensuais malia non perder o emprego. De todas elas, case 20.000 cobran menos de 6.000 euros brutos anuais e máis de 15.000 entre esta cantidade e os 8.000. 

Un de cada catro galegos afiliados en alta laboral en 2014 non percibiron máis de 6.000 euros

Ademais, reparando en todas aquelas persoas que estiveron nalgún momento cotizando en alta laboral por conta allea durante o ano, foron case 300.000 (296.255) as que non alcanzaron eses 10.000 euros anuais brutos e deles, case 200.000 non chegaron nin aos 500 euros mensuais de media, ao traballar pouco tempo, maioritariamente de maneira temporal e por miserentos salarios. 

Por resumir, o 24,3% dos galegos que en 2014 estiveron afiliados en alta laboral por conta allea percibiu un salario total menor ou igual aos 6.000 euros anuais. Entre os traballadores que só estiveron afiliados en alta laboral parte do ano, esta porcentaxe sobe ata o 54,6%, mentres que para os que estiveron afiliados o ano completo é do 4,1%.

Porque, como é claro, a temporalidade e a precariedade van unidas. Durante ese ano 2014, 1.092.075 persoas en idade laboral en Galicia mantiveron algunha relación de afiliación en alta laboral coa Seguridade Social. De todas elas, por contra propia ou allea, máis de 180.000 traballou menos de seis meses (16,5%) e o 17,6% seis ou máis pero sen chegar ao ano completo. En global, 372.825 persoas -o 34%- non logrou manter un emprego durante todo o exercicio. Máis de un terzo de toda a poboación galega que traballou por conta allea ese ano. Un de cada tres. 

Un terzo dos traballadores galegos non mantén nin tan sequera un ano seguido o emprego, case 375.000 persoas

De ter en conta a idade do afiliado, a mocidade soporta unha situación aínda máis precaria e moito máis temporal. De entre a poboación menor de 25 anos, nin o 20% chegou a traballar o ano completo. E o 54,4% non superou os seis meses, un total de 31.875 persoas novas. O 16,6%, nin tan sequera durou un mes. 

Mobilización en Vigo contra a precariedade laboral CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.