Os parques empresariais xestionados por Xestur Galicia suman case dous millóns (1,9) de metros cadrados de solo industrial sen vender. Ao redor da metade está situado en parques e polígonos da provincia da Coruña (936.942), sendo Pontevedra a segunda con máis solo sen uso (385.728), seguida de Lugo (342.775) e Ourense (233.753).
A empresa pública Xestur leva anos tentando reducir estas cifras. En 2013 a cantidade total de solo sen vender ascendía a 2,8 millóns de metros cadrados, diminuíndo un 33% dende entón. Nos últimos meses, buscando acelerar este proceso, reduciu novamente o prezo das parcelas.
Xestur acumula ademais unha débeda de case 200 millóns (194 millóns, segundo reflicten os orzamentos da Xunta para 2016), unha débeda que chegou a ser maior: en 2013, a nova Xestur unificada -produto da unión dos catro organismos provinciais- nacía cunha débeda de 239 millóns de euros ata o ano 2021. Dende ese ano 2013, o Goberno galego transferiulle máis 94 millóns de euros, 31 o ano pasado.
Santiago de Compostela (440.303 metros cadrados) é o concello con máis espazo dispoñible, seguido de Carballo (247.082), Ponte Caldelas (187.004), Mos (161.034), Lugo (144.483), As Somozas (68.600), San Cibrao das Viñas (65.492), O Barco de Valdeorras (58.501), Ortigueira (54.883), Monterroso (47.979), Viveiro (44.502), Cedeira (38.677), O Carballiño (32.163), Cervo (28.331), Monforte de Lemos (27.769), O Pereiro de Aguiar (24.047), Verín (23.086) e Melide (21.854).