De paradigmas de precariedade e poucos ingresos a persoas ás que se lles dá en adxudicar un aquel de afortunadas. O persoal alcumado como mileurista, aquelas mulleres e homes que perciben arredor de mil euros ao mes polo seu traballo, foi sinalado durante os anos da considerada como bonanza económica como colectivo desfavorecido, toda vez que as condicións xerais convidaban a pensar na posibilidade de cobrar máis. Tras case unha década de crise chegar a mileurista é unha aspiración cobizada por boa parte da poboación activa, tamén pola máis cualificada, a que posúe un título universitario, presentado durante anos como sinónimo de traballo estable e de calidade. No caso galego, máis da metade da poboación que obtivo un título universitario nos últimos anos e que actualmente está a traballar apenas chega aos 1.000 euros mensuais.
A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) vén de facer público o seu último estudo sobre a inserción laboral das persoas tituladas nas universidades galegas. A enquisa, realizada a finais de 2014 e procesada durante o pasado 2015, retrata as características do mercado laboral que atoparon quen saíron das universidades da Coruña, Santiago e Vigo durante o curso 2011-2012 e compara a súa situación coas de anos anteriores. No momento da realización do inquérito estaba a traballar algo máis do 67% das persoas tituladas naquel curso, un segundo ascenso do indicador tras fortes caídas entre os cursos 2006-2007 e 2009-2010, cando a proporción de quen declaraban non ter traballo roldou o 42%.
A porcentaxe de persoas tituladas e con traballo evolucionou positivamente, pero os seus salarios non avanzaron na mesma dirección. Así, no estudo correspondente ao curso 2005-2006 menos dun 40% das persoas tituladas nas universidades galegas declaraban salarios inferiores aos 1.000 euros. Durante os anos da crise esta proporción foi avanzando ata superar a o 50% no curso 2010-2011 e continuar ascendendo ata chegar, na última edición do inquérito, ao 54,65%. Ademais, o estudo máis recente da ACSUG reflicte unha realidade que non convida ao optimismo: o 1,31% das persoas tituladas no curso analizado indican que están a traballar "sen salario". Mentres, a banda superior estreitouse e menos do 17% sinalan, dous anos despois de rematar a carreira, que cobran máis de 2.000 euros netos ao mes.
Estas variacións nos salarios das persoas tituladas e o alargamento da franxa de quen non chegan aos 1.000 euros deu lugar a unha pronunciada caída do soldo medio que cobran as persoas tituladas no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Tal e como reflicte o estudo, dentro do período analizado este valor medio chegou a tocar teito no curso 2006-2007, cun salario medio superior aos 1.260,70 euros ao mes -o cálculo realízase ponderando a variación dos prezos-. Durante os dous primeiros anos da crise estes soldos sufriron un devalo medio duns 200 euros mensuais e a continuación seguiron baixando, aínda que con menor ritmo, ata chegar a un soldo medio duns 1.037 euros netos ao mes.
O soldo medio das mulleres con título universitario non chega aos 1.000 euros e o dos homes achégase aos 1.150 euros netos ao mes
Como no conxunto da poboación activa, entre as persoas con título universitario tamén se dá unha clara fenda de xénero á hora de cobrar por traballos semellantes. Así, cando en 2006-2007 os soldos medios acadaban os seus valores máximos entre os homes acabados de titular chegaron a superar os 1.400 euros netos ao mes, mentres que nas mulleres apenas sobrepasaban os 1.200. Os datos do último estudo, pola súa banda, indican que os salarios medios nos homes xa comezaron a medrar lixeiramente, de 1.132 euros en 2009-2010 a 1.147 euros en 2011-2012. Mentres, os das mulleres seguiron a caer e xa están por baixo dos 1.000 euros. Nomeadamente, nuns 975 euros netos ao mes.
Cada vez máis tempo para atopar o primeiro emprego
Antes de chegaren aos empregos que exerzan na actualidade e progresaren neles as persoas tituladas nas universidades galegas teñen que procurar un primeiro posto de traballo. E, segundo o estudo da ACSUG, o período que transcorre entre o remate da carreira e o achado dese primeiro emprego ligado á súa titulación é cada vez maior, chegando no actual estudo ao maior nivel da serie histórica analizada.
Case o 45% tardan máis dun ano en atopar un traballo ligado á súa formación
Sempre segundo este inquérito, case o 45% das persoas tituladas no último curso analizado (2011-2012) tardaban máis dun ano en atopar un traballo ligado á súa formación e case o 20%, entre 6 e 12 meses. Xusto antes do inicio da crise económica, nos cursos 2006-2006 e 2006-2007, quen tardaban máis dun ano chegaron a ser menos do 8% e unha fracción maioritaria das persoas tituladas atopaban colocación ligada coa súa carreira tras un período de entre 1 e 3 meses.
Como no caso dos soldos, o incremento da franxa con máis dificultades fai subir os valores medios, un resultado que para a ACSUG demostra, "probablemente, a dificultade que os titulados atopan nos últimos anos para a inserción no mercado laboral". "Vese claramente un incremento no tempo medio necesario para atopar emprego dos titulados nos distintos anos académicos", resalta o informe, toda vez que dos 4,79 meses de media rexistrados no curso 2006-2007 chegouse, no 2011-2012, a unha media de 9,79 meses, o nivel máximo da serie.
Ligado co tempo de busca de emprego está tamén o resultado desa procura. Así, di o informe, antes da crise máis da metade das persoas tituladas buscaban e atopaban emprego, mentres que algo máis do 20% buscaban e non atopaban e entre un 20% e un 30%, segundo os anos, optaban por non buscar. O resultado máis recente indica que arredor dun 46% das persoas tituladsa buscaron e atoparon, mentres que o 35% non obtivo resultados -este valor roldou o 40% nos dous estudos anteriores- e algo menos dun 20% non buscou.