"Galicia foi emblema e exemplo na loita contra a estafa das preferentes"

Andreu Missé, na presentación do seu libro en Pontevedra © Podemos Pontevedra

Director da revista Alternativas Económicas, o xornalista catalán Andreu Missé presente estes días en Galicia La gran estafa de las preferentes, unha completa investigación sobre o maior escándalo financeiro no Estado e con especial afectación en Galicia, á que lle dedica un capítulo enteiro. O ex-subdirector e ex-redator xefe de Economía en El País debulla como os bancos actuaron sen piedade ante a pasividade dos gobernantes. 

Convidado por varios círculos de Podemos en Galicia, Missé presentou o libro en Pontevedra o pasado mércores para insistir en que as preferentes foron “unha gran estafa” no sentido máis literal e amplo da palabra, “unha longa serie de enganos, unha cadea de falsidades e mentiras e non un xeito de actuar con malas praxes ou prácticas deficientes como nos queren facer crer os seus propios responsables”. "Foi un engano xeneralizado, un camiño de mentiras totalmente intencionadas de moitos anos, para capitalizar, entre outras, a destrución das caixas de aforros, como se fixo especialmente en Galicia”, dixo. Despois, atendeu a Praza.gal. 

Está en Galicia a xente máis concienciada coa problemática das preferentes?

O libro tivo moito éxito en Galicia porque aquí houbo moitos afectados e unha mobilización exemplar e en máis de 30 concellos. Como resultado desas protestas, máis do 90% dos afectados recuperaron os seus cartos. Foron uns 116.000 afectados e houbo mobilizacións durante anos. Galicia foi o lugar máis emblemático na estafa das preferentes, non só por esa mobilización tan grande, senón porque de aquí saíron delegacións a Bruxelas para poñer sobre a mesa o tema, algo que non pasara ata daquela, houbo un fiscal xeral que se puxo do lado dos afectados nunha demanda colectiva denunciando as caixas, houbo xuíces que foron fallando a favor deles ou foi o primeiro lugar no que se abriu unha arbitraxe, que aínda que foi arbitraria e tendenciosa, resolveu boa parte dos casos... Galicia é un lugar especial en moitos sentidos de todo o que ocorreu. 

"Galicia é o lugar máis emblemático da estafa das preferentes: polas mobilizacións, pola protesta en Bruxelas ou pola actuación do fiscal xeral e dalgúns xuíces"

Foi exemplar na mobilización?

Exemplar sen dúbida na loita porque as mobilizacións que aquí houbo durante máis de dous anos e medio foron impresionantes. E non só iso, senón que tamón houbo peches en concellos e moitos testemuños de persoas que loitaron para defender os intereses colectivos. 

"Galicia foi exemplar na loita contra a estafa das preferentes"

A estafa foi tamén peculiar nas caixas galegas ou o modelo é semellante en todo o Estado? 

A estafa é a mesma que fixo Bankia, Bancaja, Caixa Catalunya... Sempre é a mesma historia: un señor que ten uns aforros nun lugar seguro, ao que se lle acaba o prazo e se lle ofrece outra cousa que lle din que tamén é segura. E o certo é que nin era seguro, nin podía dispor do capital e podía perdelo todo. Estes riscos que tiñan non llelo explicaban aos afectados, incumprindo así a normativa. 

Tendo en conta o nivel do engano e os milleiros de afectados, foron os castigos suficientes para os responsables?

Aquí  hai que distinguir entre os procesos civís e os penais. Aqueles que se substanciaron en xulgados de primeira instancia e audiencias provinciais, no 95% dos casos, os xuíces fallaron a favor dos afectados, recoñecendo o abuso e a devolución dos cartos. En canto á responsabilidade da estafa, apropiación indebida e demais posibles delitos, hai un proceso aberto na Audiencia Nacional contra Bankia e veremos o que pasará. En Galicia a vía xudicial penal pechouse, pero é obvio que se cometeron delitos. Outra cousa é que se faga xustiza ou non. 

"Os gobernos están debaixo dos bancos; esta democracia ten un déficit porque os cidadáns non son iguais que as entidades financeiras"

Que me di da actuación dos gobernos?

Os gobernos están debaixo dos bancos. Esta é unha democracia que ten este defecto, que ten un déficit moi serio porque os cidadáns non están en igualdade de condicións cos bancos. As entidades bancarias dominan o lexislativo e lembremos que as primeiras emisións de preferentes fixéronse desde un paraíso fiscal, as Illas Caimán, en 1998. Cando se descubriu o pastel, houbo unha amnistía, perdonouse e iso foi aprobado polo Congreso dos Deputados. Os bancos teñen un poder que mesmo chegou a capturar o Parlamento. Logo, coa emisión masiva de preferentes a aforradores, os organismos supervisores non fixeron nada ou non tiñan a forza suficiente para paralo. Hai que dar máis poderes á Comisión Nacional do Mercado de Valores para que teña capacidade de impoñer multas equivalentes ao que teñen os bancos, pero non pode ser que as sancións sexan ridícula para o seu nivel. A estes bancos só os podemos parar se hai sancións proporcionais á súa capacidade, multas de miles de millóns para poñelos no seu lugar. 

"Os bancos gozan de impunidade e as institucións están en situación de inferioridade ou incapacidade ante eles" 

Son tan poderosos os bancos?

Os bancos gozan de práctica impunidade e as institucións están en situación de inferioridade ou incapacidade para enfrontarse con eles. 

Tiveron algunha responsabilidade os traballadores dos bancos que vendían estes produtos?

No libro recollo moitas circulares internas de moitas entidades bancarias onde se ve a grandísima presión que sufriron os traballadores. Eles foron as primeiras vítimas e é un erro culpalos porque moitos adquiriron estes produtos e colocáronos entre as súas familias. Ademais, a maioría deles non tiñan unha información clara do que estaban a vender nin dos ricos do que facían. 

"Os traballadores dos bancos foron as primeiras vítimas; é un erro culpalos porque moitos compraron preferentes"

Coñecerá casos rechamantes...

Recollo no libro o caso dunha traballadora que cando descubriu o que vendera fixo memoria, chamou un por un aos afectados e impulsounos a que demandaran ante os xulgados. Logo, ela presentouse como testemuña do que ocorrera. 

Só hai uns responsables?

Aquí hai uns responsables que son os directivos dos bancos. Os traballadores foron vítimas porque moitos adquiriron eses produtos. Á hora de esixir responsabilidades, está claro que hai que apuntar a aqueles que decidiron capitalizar uns bancos ou caixas que estaban xa moi debilitados cos cartos dos cidadáns e sen advertirlles dos riscos que corrían. 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.