CCOO e UGT maniféstanse nas cidades contra a reforma laboral e os recortes

Manifestación en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete

Xuño morno á espera dun outono fervendo. Os sindicatos mobilízanse contra os continuos recortes, as políticas de axuste, o rescate á banca ou os despidos xeralizados. CCOO, UGT e máis a CIG afrontan o final do curso e o comezo do verán cunha serie de concentracións e mobilizacións de protesta que semellan ser só o principio do que se agarda a partir de setembro. Nada fai prever que a situación económica mellore, e moito menos as condicións duns traballadores que están a pagar as consecuencias dunha crise que parece non ter fin, polo menos a curto prazo, no Estado e en Galicia.

Este mesmo mércores, CCOO e UGT manifestáronse nas principais vilas e cidades de Galicia contra a reforma laboral e as “políticas inxustas, ineficaces e antisociais que o Goberno de Rajoy está aplicando”. Baixo o lema Non cales ou Basta xa, polo emprego e a xustiza social, e aínda que cunha afluencia reducida, A Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Burela, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arouse e Vigo acolleron a milleiros de persoas en protesta contra as políticas levadas a cabo polo Goberno de Rajoy. Tamén houbo mobilizacións noutros puntos do Estado, onde si houbo cidades cunha afluencia masiva, como na concentración de Madrid.

CCOO e UGT saen á rúa este mércores, o xoves hai cadea humana arredor de San Caetano e o 1 de xullo protesta da CIG contra o rescate á banca

“Levan cinco meses e medio no Goberno e non paran de recortar dereitos; guiado por Merkel e as institucións financeiras, o Goberno español puxo en marcha un descarnado programa de reformas coa única obsesión de conter o déficit e dar cabo de dereitos laborais, sociais e democráticos”, denuncian ambos os dous sindicatos, que cumpren a súa promesa de continuar coas mobilizacións, tras as exitosas convocatorios do pasado Primeiro de Maio e da folga xeral. “Neste breve período o paro non parou de medrar, a economía permanece estancada e non se enxerga a saída da crise”, lembran os sindicatos, que cren que “hai outra política para saír da crise”. Así, optan por “minimizar a erosión económica e social que anticipa a conxunción dos efectos da recesión económica e a reforma laboral a través dunha aposta polo crecemento e o investimento público, polo emprego de calidade e a sustentabilidade do modelo social, así como unha proposta de reforma do sistema financeiro orientada a resolver o financiamento da economía española e a dar pulo á circulación do crédito, fronte ás medidas aprobadas polo Goberno que unicamente viñeron a completar o proceso de demolición do sistema de caixas de aforro”.

Do mesmo xeito, os sindicatos piden “unha actuación en materia fiscal máis coordinada e eficaz, unha actuación que non pode pasar nunca pola aprobación dunha amnistía fiscal que supón un ataque ético moi grave á xustiza e equidade fiscal, e si por unha reforma para incrementar os recursos do Estado e facer fronte á fraude fiscal e á economía somerxida”.

 

Ademais, e logo dunha xuntanza do Comité intercentros cos comités e delegados/as de empresa das diversas consellarías da Xunta de Galicia, convócase a unha cadea humana este xoves 21 a partir das 10.30 horas para rodear todo o edificio administrativo de San Caetano. Esta mobilización supón unha protesta “en contra das medidas e dos recortes aos servizos públicos” levados a cabo polo Executivo autonómico, así como para denunciar e “os favores que está a facer o PP, tanto desde Madrid como desde Galiza, á banca ou aos poderosos con medidas como o rescate ou a amnistía fiscal”.

O día, este xoves, foi elixido tamén por coincidir co xuízo do conflito colectivo -no TSXG na Coruña- promovido polos Ssndicatos -CIG, UGT, CCOO, CSIF- contra a Lei de Medidas contra os empregados públicos que aprobou a Xunta de Galicia e que, tal e como denuncian as centrai, quitáronlles “unha morea de dereitos”.

A CIG, o 1 de xullo contra o rescate á banca

Por outra banda, o vindeiro 1 de xullo, a CIG ten convocadas manifestacións nas sete cidades galegas “contra a estafa do rescate” aos bancos españois, logo de varias semanas de campaña de información e sensibilización, acompañadas co peche de centos de delegados en oficinas de Bankia de toda Galicia.

Segunda a central sindical, este rescate de un máximo de 100.000 millóns non é máis que “a transferencia de débeda dos bancos ao sector público”, xa que o FROB é “a quen lle presta os cartos” Europa. “Isto terá como consecuencia o incremento significativo do déficit e da débeda pública e levará consiego a esixencia de novas medidas de recorte que empeorarán aínda máis as condicións de vida da clase traballadora e da maioría social, hipotecando ademais o futuro da nosa mocidade”.

Todas estas non serán as únicas mobilizacións, sobre todo a partir de setembro. A falta de solucións efectivas no naval ou a falta de futuro entre a mocidade prevé un outono quente nas rúas galegas e de toda España. De momento, a cousa vaise quentando.

Manifestación de UGT e CCOO en Ourense Dominio Público @_Oscar_Sanchez
Imaxe da manifestación na Coruña CC-BY @AtxitxiPum

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.