Xallas dixo non ao gran grupo lácteo galego. A asemblea desta cooperativa votou en contra da integración que impulsara xunto a Feiraco, Irmandiños e Melisanto cuxas asembleas, pola contra, si votaron ampliamente a favor de se xuntar nesta unión que pretende ser o xermolo de algo máis grande no sector leiteiro galego.
O 85% da asemblea de Xallas rexeita integrarse no gran grupo cooperativo lácteo galego
Arredor do 85% dos representantes na asemblea de Xallas terían votado en contra de integrarse no grupo lácteo, fronte a un exiguo 15% que votou a favor. No entanto, tanto en Feiraco como en Irmandiños e Melisanto os resultados foron amplamente favorables á integración, con apoios do 97,6%, 96% e 97% respectivamente, referendando así o que o pasado mes de outubro acordaran os consellos reitores das empresas.
Malia a negativa de Xallas, as outras tres entidade comezan xa a integración nesta cooperativa de segundo grao que será efectiva desde xa e que prevé comezar a funcionar con normalidade, e seguramente con máis cooperativas integradas, desde o vindeiro ano. Logo da constitución deste novo grupo e a inscrición no rexistro, as operacións conxuntas levaranse a cabo a partir do 1 de xaneiro de 2017.
O obxectivo fundamental desta Integración Cooperativa Galega é darlles ás explotacións que as compoñen maior competitividade e eficiencia a través da integración de servizos e de xestión de compras co obxectivo de abaratar custos e soportar mellor as variacións nos prezos do leite. Toas elas dedícanse, ademais de á recollida, envasado e distribución de leite e derivados, á fabricación de pensos e diferente pretación de servizos aos socios.
O compromiso implica manter o 100% do emprego cun equipo duns 400 traballadores
O compromiso da integración é manter o 100% do emprego, cun equipo total próximo aos 400 traballadores. Na actualidade, Feiraco conta con 1.978 socios e 208 traballadores; Os Irmandiños, 927 socios e 94 traballadores; e Melisanto, 656 socios e 37 traballadores. Pola súa banda, a cooperativa Xallas, que decidiu non se integrar, conta con 781 socios e 22 traballadores.
Nunha entrevista en Praza, José Montes, presidente de Feiraco, explicaba que o obxectivo da integración cooperativa era "ser o xermolo do gran grupo lácteo galego sen incorrer en erros do pasado" e marcábase como primeiro propósito "a estabilidade e a mellora da rendibilidade das explotacións". Ademais, xa adiantaba que a idea é que moitas máis cooperativas se vaian unindo ao proxecto, varias delas mesmo antes de comezar oficialmente a andaina conxunta.
A idea é que máis cooperativas se vaian unindo ao proxecto, varias delas xa antes de que bote a andar en 2017
O novo grupo contará con participacións significativas nas sociedades Feiraco Piensos S.L, Feiraco Lácteos S.L, Clesa-Acolat, Ucoga Asesores, Delagro S.C. e Artesáns Gandeiros. O proxecto nacerá con 33,3 millóns de euros de fondos propios: Feiraco (17 millóns), Irmandiños (11,6 millóns), Melisanto (4,7 millóns).